Sindicatos denuncian o día a día do persoal sanitario: percorrer o hospital coa mesma máscara cirúrxica de 8 a 15
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha traballador da área de Urxencias entra a traballar ás oito da mañá, danlle unha máscara cirúrxica e durante toda a mañá percorre o seu servizo e boa parte do hospital, incluídos salas de contaxiosos, dependencias internas, oncoloxía, neuroloxía ou xinecoloxía. Sae de traballar ás tres da tarde sen cambiar de máscara, pensada inicialmente para catro horas, e, no caso de que pida outra, "ojito, que parece que estás a pedir moitas".
A situación relátaa Cándido Sartier, representante do sindicato TSP na Xunta de Persoal do CHOP, e sucede, segundo asegura, nos hospitais pontevedreses. Cambiando o horario e o servizo, pode representar o día a día de boa parte do persoal, nunha situación que os sindicatos cualifican de "indignante".
Sartier falou este xoves en nome dos sindicatos da Xunta de Persoal de Pontevedra CIG, UXT, OMEGA, CSIF, CCOO, TSP e SATSE con motivo dunha concentración unitaria realizada fronte ás portas do Hospital Provincial para pedir a dimisión da directiva da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Os sindicatos denuncian a xestión actual que se está realizando na área sanitaria, que comparan coa de "un barco á deriva" na que "o traballador segue indefenso" e os responsables sanitarios desatenden peticións como a necesidade de que todo o persoal sanitario teña máscaras FPP2 para garantir a súa protección.
Entre a súa críticas figura a "ausencia da Xerencia na negociación cos axentes sociais", que os leva a insistir en que é necesario que senten a negociar e fagan unha revisión constante dos protocolos para evitar situacións como as que se están dando na actualidade.
Así, por exemplo, cuestionan o libre acceso aos centro sanitarios, pois hai centros nos que a xente entra por catro ou cinco portas diferentes "como perico pola súa casa" e outros, como o centro de especialidades de Mollabao ou os hospitais Provincial e Montecelo nos que a cafetería está aberta para os traballadores e acompañantes de pacientes, pero acaban usándoa persoas que chegan da rúa.
Outros protocolos que poñen en cuestión son os usados á hora de sospeitas de covid-19 dun traballador. Así, segundo relatan, se alguén está en contacto cun paciente que dá positivo e pide unha proba PCR, fanlla e logo segue no centro sanitario ata que lle dean o resultado.
A "falta de información e o rumbo informativo" por parte da xerencia e a necesidade de máis medidas de protección e recursos humanos en todas as categorías fronte á pandemia completan as súas críticas aos responsables sanitarios e leváronos a concentrarse unha vez máis ante o Hospital Provincial.
Por "prudencia e responsabilidade", non se realizou ningún chamamento aos traballadores para que asistir á concentración, se non que só acudiron media ducia de representantes sindicais "co fin de minimizar os riscos que implica esta pandemia".
Estaban os representantes de sete sindicatos, que representan á maioría da Xunta de Persoal, pero lamentan que lles gustaría contar "coa presenza cohesionada" de todos os representantes sindicais do complexo e critican a "continua ruptura dos acordos verbais" por parte dos outros tres sindicatos, Prosagap, Co. Bas e CESM.
Estes mesmos acudiron ás 13.45 horas -a concentración foi ás 11.00 horas- ao centro de saúde de Vilaboa ante a anunciada visita ás instalacións de representantes da dirección da área sanitaria, pero finalmente non acudiron.
Relacionadas:
-
Concentración con lanternas para "iluminar" aos xestores da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Prosagap, Co.Bas e CESM preparan unha concentración na Praza de España para pedir o cese da xerencia
Por Redacción |
-
Dúas concentracións de representantes sindicais sanitarios cun obxectivo: a marcha da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Continúan as protestas reclamando o cesamento da xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Nova concentración sindical para reclamar a dimisión da directiva da xerencia do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración diante do Hospital Provincial para pedir a dimisión da directiva da área sanitaria
Por Redacción |
-
Os sindicatos, contra a xerencia da área sanitaria: "Se tiveran un mínimo de vergoña, dimitirían"
Por Redacción |
-
Xeles caducados, máscaras sen protección e "barbaridades" na xestión do persoal levan a pedir o cesamento do xerente de Pontevedra
Por Natalia Puga |