O BNG pide responsabilidades a Feijóo e o PSOE esixe o cese fulminante da delegada da Xunta tras a condena
Por Anxo Lourido
Unha vez coñecida a sentenza condenatoria contra Rafael Louzán, ex presidente da Deputación de Pontevedra, e contra Luisa Piñeiro, ex alcaldesa de Moraña e actual delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, as reaccións políticas non se fixeron esperar.
O BNG, a través do parlamentario Luís Bará, afirma que esta sentenza é unha condena ao Partido Popular e ás prácticas irregulares e fraudulentas que caracterizaron durante moito tempo a política da Deputación de Pontevedra cun "modus operandi" que é só a punta de iceberg destas accións.
Ademais, Bará tamén conclúe que se trata dunha condena á política de nomeamentos de Feijóo, que decidía outorgar o posto de delegada territorial a Luisa Piñeiro en setembro de 2020, cando xa estaba imputada.
A agrupación nacionalista pide responsabilidades ás persoas que foron obxecto desta condena e ás que confiaron nelas e nomeáronas, neste caso, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, afirma Bará. Reclámalle asunción de responsabilidades e medidas contundentes e inmediatas para acabar con esta situación e dar exemplo do cumprimento estrito da lei á cidadanía.
O PSdeG PIDE O CESAMENTO FULMINANTE DE LUISA PIÑEIRO
Pola súa banda, Pablo Arangüena, vicesecretario xeral do PSdeG, esixe o "cesamento fulminante" da delegada da Xunta en Pontevedra por esta condena por fraude e prevaricación que conleva dous anos de cárcere e oito de inhabilitación tanto para ela como para Rafael Louzán, actual presidente da Federación Galega de Fútbol.
Arangüena afirma que o "cheiro da corrupción" chega a distintos niveis do Partido Popular e alerta a Feijóo de que non pode seguir convivindo coa corrupción e coas irregularidades sinalando que é consciente do "niño de caciquismo" en que o PP convertera á Deputación de Pontevedra.
O cesamento de Luisa Piñeiro de todos os seus cargos producíuse durante a tarde deste venres 5 de febreiro, a escasas horas de coñecerse a sentenza.
Relacionadas:
-
A directiva da Federación Galega de Fútbol defende a xestión de Louzán tras a súa condena xudicial
Por Diego Espiño |
-
Louzán anuncia que recorrerá a sentenza e alega que non hai probas que amosen a súa participación nos feitos
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O ano no que Rafael Louzán, Luisa Piñeiro e Audasa pasaron polo xulgado
Por Natalia Puga |
-
Negan que haxa fraude e prevaricación no caso que senta a Louzán e Luisa Piñeiro ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán e Luisa Piñeiro sentan no banco dos acusados confiados en que "quedará en nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |