A agresión sexual no festival Armadiña acaba en condena: un ano e tres meses de cárcere
Por Natalia Puga
Un ano e tres meses de prisión. Esa é a condena que deberá cumprir un veciño de Pontevedra de 41 anos de idade como autor da agresión sexual a unha moza rexistrada durante a celebración do festival Armadiña Rock de Combarro, en Poio, do ano 2018.
O mozo, que cando sucederon os feitos e foi detido pola Garda Civil tiña 38 anos, acaba de ser condenado polo Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra como autor dun delito de agresión sexual polo que tamén terá que indemnizar á súa vítima con 2.500 euros.
A sentenza, contra a que se pode interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, adiantouna este mércores o xornalista Alfredo López Penide en La Voz de Galicia. Nela, o maxistrado Miguel Aramburu García-Pintos, confirma que os feitos están consumados, xa que nun primeiro momento tocou a entre perna da vítima e logo, xa empregando a forza física, os peitos.
Os feitos sucederon o 6 de agosto de 2018 arredor das dúas da madrugada, cando a vítima se atopaba no lugar da Seca, en Poio, nunha zona na que estaba acampada cuns amigos asistindo ao citado festival. A moza apartouse da caravana en que durmían e achegouse a un lugar próximo e agochado para poder ouriñar, segundo os feitos que declara probado o fallo xudicial.
Unha vez alí e cando estaba subindo o pantalón, achegouse a ela o acusado, J.M.C.L., e meteulle unha man na entre perna. A moza reaccionou insultándoo e o acusado díxolle "ahora por puta te voy a violar", ao tempo que a agarraba e a desprazaba cara a unha reixa.
O acusado, segundo declara probado o maxistrado, "comezou a tocala polo corpo mentres facía forza para agarrala tocándolle nos peitos". A moza tentou liberarse, "rabuñou na cara" ao seu atacante e "comezou a berrar pedindo auxilio", polo que el ceibouna e marchou do lugar. Nese momento, os amigos da vítima achegáronse ao lugar.
Durante o xuízo celebrado o pasado mes de abril, unha amiga da vítima relatou que antes de que sucederan eses feitos ela tamén fora ouriñar á mesma zona cunha compañeira e alí había un home "que se estaba tocando". Contou tamén que escoitou berrar a vítima e, cando chegaron ao seu carón, viron que estaban ela e máis o acusado e el dicía "no la toqué, no hice nada". Puido percibir que tiña rabuñada a cara.
Outra testemuña confirmou que xa vira antes un home tocándose nesa zona e que, cando escoitou berrar á vítima e acudiu ao lugar, viu o acusado e observou como "tiña a cara con marcas como de uñas".
Dous rapaces máis que declararon no xuízo confirmaron que escoitaron berrar a vítima, foron ao lugar e ao chegar viron un home saír moi nervioso, e detrás del as dúas testemuñas anteriores. Este rapaz iluminou cunha lanterna e viulle a cara, observando que estaba rabuñado.
O acusado negou os feitos dicindo "no tengo nada que ver con eso" e xustificou as súas lesións indicado que se mancara cunhas palmeiras e que non lembraba o acontecido. A súa esposa declarou que tivera unha discusión con el esa noite e marchou do lugar e que logo estivo en contacto co seu home por teléfono, que nesas chamadas non oíu ningunha rifa.
O maxistrado considera "salientable a coincidencia no relato das testemuñas" que acudiron ás chamadas de auxilio da vítima, pois "non existen contradicións que xustifiquen unha dúbida sobre a súa veracidade". Tamén coincide o relato co narrado polos axentes da Garda Civil no que atinxe á identificación do acusado.
Ademais, dálle total credibilidade ao relato da vítima, "coherente" e no que "non se albiscan contradicións internas nel que o fagan inverosímil".