VÍDEO.- Marín arroupa ás familias do Villa de Pitanxo: "O único que pedimos é busca, verdade e xustiza"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
A Alameda de Marín acolleu este domingo 3 de abril unha emotiva concentración convocada polas familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pintanxo o pasado mes de febreiro en augas de Terranova, Canadá.
Nela os familiares defenderon o seu "lexítimo dereito" a pedir que se poñan os medios necesarios para baixar ao barco afundido en busca dos corpos desaparecidos e de probas sobre a causa do tráxico suceso.
"O que pedimos os familiares non é algo extraordinario, nada que non se fixera antes, que se busque a persoas desaparecidas no fondo do mar. Só queremos esclarecer as causas do afundimento e poder facer xustiza, porque nese barco morreron 21 persoas e meréceno", defendeu desde o palco da Alameda María José de Pazo, filla dun dos mariñeiros desaparecidos, en representación das familias.
"O único que pedimos é busca, verdade e xustiza", sinalou criticando a decisión do Goberno de renunciar ao rescate dos falecidos por ser "tecnicamente inviable", un extremo rexeitado contundentemente polos seres queridos dos 21 falecidos xa que "non se pode afirmar que non é viable mentres non se baixe ao barco".
Un dos momentos de maior emoción da concentración viviuse cando tomou a palabra uno dos tres sobreviventes do naufraxio, Samuel Kwesi, afirmando que para el "sempre é día 15 de febreiro", en alusión á data do accidente.
"Eu os vin, vin como sufriron e como algúns dixeron as súas últimas palabras. Non se pode facer xustiza sen as probas, sen baixar ao barco", defendeu o mariñeiro arrincando o aplauso dos presentes.
O acto finalizou coa lectura dos nomes dos 21 mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo xunto a un respetuoso minuto de silencio.