Margarita Pacheco Argibay comeza este agosto unha nova etapa vital. Ao longo de corenta e cinco anos exerceu a súa profesión de peiteadora e sempre no Salón de Peiteado de Señoras Manolo, situado nas galerías La Oliva. Inicialmente como aprendiz para o seu titular e posteriormente como socia con outras compañeiras, unha vez que o propietario traspasoulles o negocio.
En todos eses anos de actividade, durante máis de trinta, foi a peiteadora da Virxe Peregrina. Este pasado xullo foi o último que realizou o encargo que ano tras ano lle viñeron facendo desde a Confraría. No podcast 'Cara a cara' cóntanos como veu facendo ese traballo coas perrucas de pelo natural que loce a patroa da provincia.
E resulta ser que non foi a única imaxe da que se encargou Margarita Pacheco. Polas súas mans tamén pasaron as perrucas da Virxe dos Milagros de Amil ou da Virxe da Lanzada entre outras. Traballos que recibía fundamentalmente no verán que é cando máis se celebran romarías e festas patronais. Deses peiteados específicos conta algunhas anécdotas no podcast.
Coa súa xubilación ponse fin á historia deste salón de peiteado, un dos máis veteranos de Pontevedra e un establecemento que en diversas ocasións chamou a atención de viandantes por conservar a súa imaxe vintage, como agora adóitase chamar. Os hábitos no sector foron cambiando co tempo, comenta en PontevedraViva Radio, pero sente agradecida pola confianza que sempre recibiu das súas clientas.