O 'Demo' volve a campar ás súas anchas polas rúas de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz
O 'Demo', como marca a tradición, volveu facer das súas polas rúas e prazas de Pontevedra para poñer o broche de ouro ás Festas da Peregrina. Cuns arrepiantes traxes vermellos e armados con vengalas de fume, o 'Demo' e o seu séquito perseguiron e deixáronse pillar pola cativada durante toda a mañá e parte da tarde.
Saíu esta comitiva desde os arcos de San Bartolomeu para picar co seu tridente a todo aquel que se cruzara no seu camiño. Comezaron as burlas e trasnadas ás 12.30 horas e prolongáronse durante bo tempo. Aínda que a última hora da tarde, este diaño tan divertido tamén tiña previsto volver asomar a cachola.
A programación da festa complétase ás 21:00 horas co concerto de San Bartomoleu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Media hora máis tarde, ás 21.30 horas, sería a quenda da Foliada do Demo cos Chichisos na praza de Curros Enríquez.
Vinteún anos de historia contemplan a esta tradicional celebración, que é un exemplo do folclore popular galego, que cómpre manter vivo no tempo.
A recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse a cabo a través do libro 'Pontevedra, boa vila', que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela.
Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo.
Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.