Hai menos peñas que antes e xa non son adolescentes
Por Oskar Viéitez
A festa das peñas experimentou cambios nos últimos anos, segundo sinalan hostaleiros e residentes da zona monumental.
De ser un evento multitudinario coincidente cos festexos taurinos que asolagaba por completo o centro histórico de grupos de adolescentes e que xeraba numerosos incidentes pasou a ser unha celebración circunscrita ás prazas do Teucro, Curros Enríquez ou Santa María, protagonizada por mozas e moito máis tranquila que antes.
Outro dato que corrobora esta circunstancia é a información das toneladas de lixo recollidas despois dunha noite de peñas. Era unha información obrigada que a concelleira responsable das festas ofrecía ao día seguinte e que agora deixou de ser noticia.
Obviamente séguense realizando mobilizacións de limpeza especiais no centro histórico pero xa non se repite aquela masificación nin os desmáns de anos atrás con lanzamento de viño polas rúas, botellóns incontrolados, vidros e plásticos ensuciándoo todo, e carros de supermercado abandonados polas esquinas. Mesmo o calimocho deixou de ser a bebida de moda.
Un indicador máis é a baixada na venda de camisetas personalizadas que hai anos ocupaba durante semanas aos locais de serigrafía e que agora rexistra unha demanda moitísimo menor.
Nestas circunstancias destacan as peñas taurinas que son un total de 44 que agrupan a uns mil peñistas, segundo informa a Coordinadora de peñas Taurinas.