O BNG leva ao Parlamento a situación "inadmisible" do centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Este luns o BNG rexistrou unha proposición non de lei e preguntas parlamentarias para demandar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cobertura da praza da médica do centro de saúde de Ponte Sampaio nos períodos en que está de baixa, días libres ou vacacións.
O deputado por Pontevedra Luís Bará considera "inxusta e discriminatoria" a situación que está a sufrir a veciñanza de Ponte Sampaio e A Canicouva, que leva todo o mes de agosto sen atención médica no centro de saúde, por estar a titular de vacacións e non cubrir a Xunta a súa vacante. Isto obriga a pacientes, en moitos casos persoas maiores, a desprazarse a centros de Pontevedra, diferentes en cada ocasión, con trámites e agardas que para o BNG "non son admisibles".
Na iniciativa, o BNG chama a atención sobre o "empeoramento da situación con respecto a anos anteriores", nos que a veciñanza tivo atención médica dous ou tres días por semana.
Segundo Luis Bará "estamos diante dun exemplo máis do deterioro continuado ao que o goberno do PP somete a sanidade pública e especialmente a atención primaria, nun proceso que se agravou a partir da pandemia da covid e que leva a que moitos centros de saúde non teñan unha atención apropiada por falta de profesionais de medicina de familia e pediatría".
Bará considera que a comarca de Pontevedra está "especialmente afectada" por este proceso.
No caso de Ponte Sampaio, "o BNG alerta dun posible plan da Consellería de Sanidade para pechar este centro de saúde". Por este motivo, nas preguntas rexistradas este luns o deputado nacionalista Luís Bará pide ao goberno "que aclare esta cuestión e se comprometa a manter aberto o centro e con cobertura de persoal sanitario durante todo o ano".
RESPOSTA DO SERGAS
Dende o Sergas aseguraron que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés "mantén a continuidade asistencial" de Atención Primaria no consultorio pontevedrés de Pontesampaio e "non se plantexa ningunha previsión de inactivación asistencial a este respeito".
Así, lembra que "na liña de continuidade asistencial" para este consultorio recentemente houbo unha dotación dun efectivo de servizos xerais que non había anteriormente no cadro de profesionais deste centro.
Así mesmo, engaden que "a previsión asistencial a curto prazo planificada polo Sergas para esta semana no consultorio de Pontesampaio establece a cobertura médica durante os vindeiros mércores, xoves e venres con prolongacións de xornada en horario de mañá".
Non obstante, sinálase que aínda que non hai ningún médico dispoñible para cubrir as vacacións da titular (agosto), continúa habendo consulta de Enfermería neste consultorio e posibilidade de atención médica en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O BNG propón un plan de choque para a situación "dramática" da sanidade
Por Redacción |
-
O PSOE insta á Xunta a cubrir a baixa da médica no centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
A cuberta do centro de saúde do Toural será impermeabilizada antes de final de ano
Por Redacción |
-
Agustín Reguera reúnese con AEMPE e agradece "o seu importante labor"
Por Redacción |
-
Apoio do Concello aos veciños de Ponte Sampaio, reclamando ao Sergas médico no consultorio "durante todo o ano"
Por Diego Espiño |
-
Indignación en Ponte Sampaio por outro mes sen médico: "En agosto estamos todos sans? Ou é que somos de segunda?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |