A biblioteca de Pontevedra 'presume' de historia cunha exposición sobre a súa orixe
Por Redacción
A Xunta de Galicia impulsa unha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados polo goberno galego para celebrar o Día das Bibliotecas, o próximo luns 24 de outubro.
Co gallo desta efeméride, a biblioteca pública de Pontevedra organiza actividades para todos os públicos, desde un contacontos ata unha homenaxe para coñecer a orixe deste centro.
Así, este luns, ás 18,00 horas, o centro acollerá o contacontos Contos e cantos, a cargo de Bea Campos. Esta actividade, dirixida a rapazada de máis de 3 anos, incluirá divertidas historias de osos, ratos e cabritos con acompañamento musical.
A programación deseñada para esta data inclúe tamén unha homenaxe á orixe desta biblioteca en Pontevedra.
O andar baixo será o escenario ata o 4 de novembro da exposición titulada 1848. Punto de partida para unha biblioteca.
Trátase dunha mostra para lembrar o inicio deste centro, a mediados do século XIX, e dar a coñecer como e con que fondos comezou a historia da biblioteca pública Antonio Odriozola.