A biblioteca de Pontevedra 'presume' de historia cunha exposición sobre a súa orixe

Pontevedra
21 de outubro 2022

A Xunta de Galicia celebrará o Día das Bibliotecas, o próximo luns 24 de outubro. Co gallo desta efeméride, a biblioteca pública de Pontevedra organiza actividades para todos os públicos, desde un contacontos ata unha homenaxe para coñecer a orixe deste centro

Biblioteca Pública Antonio Odriozola, de Pontevedra
Biblioteca Pública Antonio Odriozola, de Pontevedra / Cristina Saiz

A Xunta de Galicia impulsa unha ampla programación nos sete centros bibliotecarios xestionados polo goberno galego para celebrar o Día das Bibliotecas, o próximo luns 24 de outubro.

Co gallo desta efeméride, a biblioteca pública de Pontevedra organiza actividades para todos os públicos, desde un contacontos ata unha homenaxe para coñecer a orixe deste centro.

Así, este luns, ás 18,00 horas, o centro acollerá o contacontos Contos e cantos, a cargo de Bea Campos. Esta actividade, dirixida a rapazada de máis de 3 anos, incluirá divertidas historias de osos, ratos e cabritos con acompañamento musical. 

A programación deseñada para esta data inclúe tamén unha homenaxe á orixe desta biblioteca en Pontevedra.

O andar baixo será o escenario ata o 4 de novembro da exposición titulada 1848. Punto de partida para unha biblioteca.

Trátase dunha mostra para lembrar o inicio deste centro, a mediados do século XIX, e dar a coñecer como e con que fondos comezou a historia da biblioteca pública Antonio Odriozola.