Que podería resultarme máis atractivo, ávido buscador de paisaxes que permitan voar á miña imaxinación, que un lugar ateigado de formacións rochosas rematadas por unha pedra en forma de chapeu, que poden chegar a medir arredor de corenta metros de altura e reciben o nome de "chemineas de fadas" porque, segundo contan as lendas locais, eran as fumeiras pola que respiraban as fadas que vivían debaixo do chan?
Descubrín ese singular escenario no corazón de Turquía, na Anatolia Central, na árida rexión da Capadocia, cuxo nome que vén da palabra Katpadukya, "terra de fermosos cabalos", que foi encrucillada de numerosas rutas comerciais das máis diversas procedencias e continuo obxecto da cobiza de diferentes vagadas de invasores, hititas, asirios, persas, romanos, seléucidas, bizantinos e otománs, case nada.
A súa caprichosa e sorprendente paisaxe débese a unha intensa actividade volcánica que se produciu hai uns sesenta millóns de anos e á posterior erosión provocada ao longo de todo o tempo transcorrido dende entón polos ríos e polo vento, teimudos encargados de ir modelando as singulares vistas que se poden admirar a día de hoxe.
A terra calcaria da rexión, que non é máis ca cinza volcánica endurecida pero moi feble, é tan doada de traballar que permitiu que ao longo de varios séculos as mans dos seus habitantes fosen escavando casas, igrexas, mosteiros e incluso cidades enteiras dando forma a unha paisaxe ateigada de covas e cavernas que tiveron a inmensa capacidade de me sorprender en cada recuncho que fun visitando.
Para maior encanto, dende o meu punto de vista sempre aberto a curiosidades, a Capadocia, especialmente o coñecido como Val dos Monxes, foi tamén singular terra de refuxio para unha boa cantidade de solitarios anacoretas cristiáns que, seguindo o camiño iniciado por Simeón o Estilita, decidiron pasar as súas vidas de oración e penitencia subidos a pequenas plataformas colocadas no cumio dalgunhas destas chemineas de fadas para permaneceren alí ao longo dunha chea de años, nalgúns casos mesmo até o momento da morte.
Foron os seguidores destes primeiros cristiáns, chegados no século IV dende Exipto e Palestina quen deixaron a pegada máis senlleira nesta paisaxe tan especial, pois construíron, completamente escavadas nas rochas, máis de setecentas igrexas, entre as que sobresaen as situadas na área que se coñece comoMuseo ao aire libre de Göreme, un val cercano á vila de Nevşehir, unha das máis importantes da rexión, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 1985.
Os primeiros asentamentos nese val remóntanse aos séculos III e IV, cando os cristiáns do período romano fundaron varios mosteiros escavados en forma de covas artificiais das que aínda se conservan moitos restos: capelas, alcobas, almacéns e igrexas decoradas con frescos. Mais a Idade de Ouro chegoulle á rexión da Capadocia no século XI, momento en que se construíron os templos máis fermosos, entre os que destacan a Igrexa das Sandalias, que contén un impresionante fresco acerca da traizón de Xudas e recibe o seu nome dunhas cavidades con forma de pés que hai no chan, a Igrexa Escura, que acolle un dos frescos mellor conservados porque ten moi poucas fiestras e case non lle entra nada de luz, a Igrexa da Serpe, que ten este nome por unha fermosa imaxe de San Xurxo a loitar contra un dragón, a Igrexa da Mazá, con frescos da época iconoclasta, cando non estaba permitida a representación de persoas nin animais, aCapela de San Basilio, a de Santa Bárbara, e o impresionante Mosteiro das Monxas, un complexo monástico de catro niveis con vestixios de varias igrexas no seu interior, e do que aínda se conservan dous comedores unidos por túneles.
Ademais, fóra do que son estas construcións de carácter relixioso, tamén descubrín na Capadocia moitos atractivos que fixeron da miña visita unha fermosa experiencia, dende o propio entorno natural reseco e árido pero completamente singular e capaz de convidar a ser observado durante horas, até os diversos asentamentos humanos, dos que destacan as cidades subterráneas e as vivendas trogloditas, construcións escavadas a distintos niveis no interior dos outeiros, habitadas até o ano 1952 e decoradas con mobles moi bastos e vistosas alfombras, que ocupan os vales de Zelve, Avcilar, Dervent ou Güvercinlik. De entre todas elas debo salientar a antiga cidade de Uçhisar, coroada por un castelo construído nun promontorio que acolle magníficos exemplos de vivendas escavadas nas rochas.
Pero, malia a abraiante fermosura destas construcións, o que máis chamou a miña atención, foron as cidades subterráneas de Kaymakli e Derinkuyu, que foron construídas como método de protección contra as diferentes ondadas de invasores que pasaron polo lugar. Da primeira, de arredor do século VI, non se sabe quen foron os construtores. A segunda foi escavada en trece niveis que alcanzan unha profundidade total de arredor de corenta metros e sábese que nalgún intre chegou a acoller a máis de tres mil persoas que entraban a través dun sistema de túneles e chegaban a botar seis meses sen saír.
Non hai fiestras, obviamente, e as estancias están unidas entre si mediante un sistema de corredores polos que hai que agatuñar para desprazarse. O ambiente interior é fresco e moi húmido, as portas son grandes pelouros redondos con forma de rodas de muíño e o aire chega aos niveis máis fondos a través dun sistema de ventilación consistente en chemineas abertas ao exterior que polo visto eran utilizadas polos inimigos para introducir fume na cidade a fin de provocar a saída dos seus habitantes. Resulta moi difícil imaxinar a vida das persoas en circunstancias tan adversas, pensar como facían para comer ou como trataban aos enfermos, que cando morrían eran enterrados en tumbas construídas alí mesmo.
Primeiro erupcións volcánicas, a continuación a erosión dos ríos e do vento, despois os primitivos cristiáns, logo os habitantes todos que foron asentándose no lugar e deseguido, quen sabe, as fadas, quizais. Entre todos construíron na Capadocia unha paisaxe singular que tivo realmente o poder de facer voar a miña imaxinación.
© Xesús Constela, 2023