Retallos de mundo: Manchester, escenario de transformacións sociais

Poio
29 de marzo 2026

O escritor Xesús Constela percorre neste artigo a cidade de Manchester amosando o cambio desta cidade a partir da Revolución Industrial con movementos sociais

Shambles Square
Shambles Square / Xesús Constela

Situada no noroeste de Inglaterra, ao abrigo dos montes Peninos e non moi lonxe do mar de Irlanda, nun territorio onde os ríos e as vías de comunicación favoreceron o intercambio e a actividade industrial, Manchester coñeceu o seu primeiro gran desenvolvemento cando deixou de ser unha vila agrícola e comercial para se converter, a finais do século XVIII, no corazón palpitante da Revolución Industrial que acabaría por mudar o mundo por completo.

Mais Manchester volveu evolucionar por segunda vez entre o ruído constante das máquinas e o po espeso do algodón, cando os seus habitantes, sometidos a xornadas laborais interminábeis, salarios indignos e condicións de vida extremas, comezaron a organizarse colectivamente para reclamar dignidade, dereitos laborais, voz política e un futuro máis xusto, de tal xeito que as fábricas e as rúas foron transformándose en espazos de conciencia e de loita.

Dende ese momento, a historia de Manchester quedou fondamente ligada á dos movementos sociais modernos para se converter nun escenario no que a explotación industrial deu paso á organización obreira, á protesta política e á construción dun legado de loitas que marcaría non só o Reino Unido, senón o conxunto do mundo contemporáneo.

Barrio de Canal Street
Barrio de Canal StreetXesús Constela

Co avance da industrialización, o crecemento foi vertixinoso e provocou que milleiros de persoas abandonasen o campo atraídas pola crecente oferta de traballo nas fábricas téxtiles, especialmente as do algodón. Tan próspera chegou a ser esta industria que o Manchester da época foi coñecido como Cottonopolis, mais esa aparente riqueza agochaba unha realidade moi dura de explotación infantil, vivendas insalubres e condicións de vida extremas, que converteron a cidade nun laboratorio social, onde, canto máis severas eran as condicións, antes espertaba a conciencia colectiva.

Cando cheguei a Manchester, desexoso de procurar a pegada que deixaran eses grandes movementos sociais, o primeiro que fixen foi instalarme no vello hotel Britannia, no centro da cidade, que ocupa un antigo almacén téxtil vitoriano de 1856, símbolo da industria do algodón, porque me pareceu o lugar ideal para comezar a miña visita.

John Ryland's Library. Sala de lectura principal
John Ryland's Library. Sala de lectura principalXesús Constela

Dediquei o meu primeiro día a tomar contacto coa cidade, sempre animada e vibrante, e por iso visitei a Casa do Concello, unha esplendorosa xoia vitoriana deseñada por Alfred Waterhouse, o mesmo arquitecto que construíu o Museo de Historia Natural de Londres, o que dá unha boa idea da enorme riqueza que se manexou nas épocas douradas da industria téxtil. Achegueime tamén á catedral gótica e renacentista dos séculos XV e XVI, un gran espazo de uso relixioso e cultural, e a Shambles Square para ver os seus vellos edificios medievais de madeira, e tamén á impoñente Biblioteca Central, cun exterior de templo neoclásico e un interior dominado por un gran espazo circular con galerías e claraboias que inundan de luz a soberbia sala de lectura, e despois ao meu edificio favorito, a John Rylands Library, unha das bibliotecas máis importantes de Europa, cunha estética gótica vitoriana, solemne e maxestosa, con arcos, vidreiras, esculturas e intricadas librarías, inaugurada en 1900 como homenaxe ao industrial do algodón John Rylands, un dos grandes mecenas da educación e a cultura da cidade.

O día seguinte dediqueino a pasear por Manchester para visitar os grandes escenarios da Revolución Industrial. Comecei polo magnífico Museo da Ciencia e a Industria, situado na histórica estación de tren de Liverpool Road, que conserva os altos teitos de ferro e ladrillo da década de 1830 e expón máquinas e instrumentos para a produción de algodón, así como locomotoras, vagóns e vehículos que ilustran a evolución do transporte industrial e amosan o ambiente dunha fábrica do século XIX.

Castlefield. Ponte sobre uncanal
Castlefield. Ponte sobre un canalXesús Constela

Visitei tamén os canais de Rochdale e Bridgewater, que conectaban fábricas, almacéns e peiraos para o transporte de mercadorías con moita máis eficiencia que por estrada, e converteron o barrio de Castlefield, na beira do río Irwell, nun animado porto interior con barcos, grúas e inmensos almacéns de ladrillo durante os séculos XVIII e XIX.

Sorprendeume de xeito moi grato ver como unha zona industrial que acabara abandonada e moi deteriorada, puido transformarse nun espazo de paseo e ocio que ofrece un fascinante contraste entre o pasado industrial e a vida urbana dunha cidade moderna e ben deseñada.

Despraceime logo para pasear sen présa polo barrio de Ancoats, un antigo distrito industrial cheo de almacéns e fábricas de ladrillo vermello, rúas estreitas e arcos de ferro, que conserva intacto o seu patrimonio industrial, aínda que reconvertido nun espazo urbano moderno con cafés, restaurantes, galerías, espazos culturais e residencias. A súa arquitectura histórica e o seu ambiente único fan que se utilice como escenario habitual para a rodaxe de películas e series de gánsteres, porque evoca de xeito perfecto o espírito do Chicago dos anos da Lei Seca.

Salford Quays.
Salford Quays. Xesús Constela

Pero a miña zona favorita da cidade, no que ao seu pasado industrial respecta, descubrina en Salford Quays, que foi un importante complexo portuario creado a finais do século XIX, que permitía aos barcos chegar á cidade desde o Mar de Irlanda para converter o lugar nun centro clave do comercio de algodón, carbón e outras mercadorías.

Tras o declive industrial, a área ficou abandonada até que a finais do século XX foi rexenerada e transformada nun espazo urbano moi moderno, con paseos á beira da auga e edificios de arquitectura contemporánea que non evitan que se manteña viva a memoria do glorioso pasado portuario.

Rematei esa segunda xornada cunha visita ao People’s History Museum, Museo da Historia do Pobo, que, da man de carteis, pancartas, folletos, xornais, fotografías e moitos obxectos históricos, me agasallou cunha inesquecíbel viaxe a través dos movementos sociais, obreiros e democráticos do Reino Unido, con especial atención á loita polos dereitos laborais, a liberdade sindical, a educación pública e a reivindicación do sufraxio universal. Abofé que foi un dos museos máis interesantes que visitei na miña vida.

Museo da Historia do Pobo 2
Museo da Historia do Pobo 2Xesús Constela

No meu terceiro día decidín mergullarme de cheo nos lugares que me poderían evocar o Manchester máis reivindicativo, que era o propósito inicial da miña viaxe a unha cidade que a comezos do século XIX decidiu enfrontarse a quen fixese falla para reivindicar uns irrenunciábeis dereitos sociais e laborais.

Despraceime entón a St Peter’s Square, en pleno centro, para visitar o Memorial do Masacre de Peterloo, un tributo á traxedia do 16 de agosto de 1819, cando unha manifestación pacífica de case oitenta mil persoas que reclamaban sufraxio universal e reformas políticas foi reprimida con tanta violencia polas tropas do exército británico, que houbo dezaoito mortos e arredor de seiscentos feridos.

O memorial, pensado para que o visitante sinta o peso histórico do suceso, ten un deseño cargado de significado, con placas de pedra e bronce que identifican as vítimas e explican os feitos, mentres que as superficies e as texturas crean sensación de movemento, evocan a forza esmagadora da represión e permiten reflexionar sobre a loita polos dereitos civís.

A violencia deste suceso acelerou de tal xeito o proceso de organización obreira, que non tardaron en xurdir as primeiras Trade Unions, sindicatos, daquela ilegais, destinados a defender salarios e condicións laborais, que levaron a Manchester a se converter nun dos centros fundacionais do sindicalismo no Reino Unido.

Xunto a todas estas protestas, os traballadores tamén impulsaron o cooperativismo, crearon sociedades de consumo, bibliotecas obreiras, e escolas nocturnas. Manchester non só se rebelaba, senón que tamén aprendía e deseñaba alternativas para unha mellora social.

Monumento a Emmeline Pankhurst
Monumento a Emmeline PankhurstXesús Constela

Logo do memorial de Peterloo, fun visitar outro monumento que homenaxea á gran Emmeline Pankhurst, pioneira na loita polo dereito ao voto das mulleres, cuxas accións máis directas e audaces, como protestas e desobediencia civil, chamaron a atención sobre a desigualdade de xénero e acabaron por convertela nunha das figuras máis destacadas do movemento sufraxista, que loitou por garantir ás mulleres o dereito ao voto e a plena participación na vida política.

O monumento preséntaa erguida con firmeza, determinación e coraxe, e inclúe placas que explican a súa biografía e as súas contribucións á igualdade de xénero, polo que se converteu un lugar de memoria e inspiración que reflicte o senlleiro papel de Manchester no movemento feminista.

Estatua de Alan Turing en Sackville Gardens
Estatua de Alan Turing en Sackville GardensXesús Constela

Acabei esta visita aos lugares máis importantes onde se desenvolveron os grandes cambios sociais na cidade no parque de Sackville Gardens, preto de Canal Street, onde, sentada nun banco, está a escultura que homenaxea a Alan Turing, un dos pais da informática moderna.

Durante a Segunda Guerra Mundial, Turing deseñou un dispositivo mecánico chamado Bombe, capaz de descodificar as mensaxes da máquina Enigma, utilizada polos nazis para se comunicar de forma secreta, acelerando así a súa derrota. Homosexual nun tempo en que isto era ilegal e estaba perseguido no Reino Unido, en 1952 foi procesado por “indecencia grave” e sometido a castración química, circunstancia que, entre outras, o levou ao suicidio en 1954.

A estatua está neste parque preto de Canal Street, porque durante os anos setenta, oitenta e noventa do século pasado, en paralelo ás loitas sindicais, o activismo pola diversidade sexual e de xénero enfrontouse á represión legal e á violencia social, facendo que a cidade acollese grandes manifestacións e campañas que contribuíron decisivamente á conquista de dereitos civís e ao cambio de mentalidade social. Hoxe, esa loita forma parte inseparábel do tecido social e político de Manchester.

Dende o sangue derramado en Peterloo até o sindicalismo moderno, dende o feminismo até a defensa dos dereitos da diversidade sexual e de xénero, a cidade soubo demostrar que os dereitos sociais non caen do ceo, senón que se teñen que construír de xeito colectivo.

Poucas cidades fixeron dese proceso de construción unha memoria tan fonda e tan viva como Manchester, polo que sempre terei na mente esta viaxe á súa historia, que ten moito de loitadora e reivindicativa.

©Xesús Constela, 2026