Retallos de mundo: Reserva de Cuyabeno, na Amazonia ecuatoriana

Poio
25 de mayo 2025
Actualizada: 8:27

O escritor Xesús Constela narra as súas experiencias polo Cuyabeno onde quedou impresionado pola presenza de numerosos animais que observou durante o seu percorrido pola selva da Amazonía en Ecuador

Río Cuyabeno
Río Cuyabeno / Xesús Constela

Dende que descendín do autobús nocturno no que viaxei ao longo dunha boa chea de horas, arredor de oito, dende a cidade de Quito, a capital do Ecuador, apenas tiven tempo de almorzar no embarcadoiro de El Puente, antes de subir a bordo dunha canoa cun pequeno motor na popa, que había de me levar polo río Cuyabeno arriba, até o lugar onde me aloxei ao longo dos días inesquecíbeis que pasei na Amazonia ecuatoriana, un lodge ecolóxico de quince cabanas de madeira construídas en plena selva, ao que cheguei logo de arredor de dúas horas e media nas que a canoa que me levaba avanzou amodo entre unha vexetación mesta coma nunca na miña vida vira, unha paisaxe apaixonante ateigada de árbores e plantas de todos os tamaños e cos troncos cubertos de hedras e lianas de dimensións inimaxinábeis, dende ceibas xigantescas de varias ducias de metros de altura, até pequenos pero vizosos arbustos autóctonos dun lugar do mundo que mantén ao longo do ano unha temperatura constante que rolda os vinte e cinco graos e un nivel de humidade que non baixa do noventa e seis por cento, polo que o ar se volve pegañento e a suor se converte nunha constante.

Pero o máis salientábel dese primeiro traxecto en canoa polo Cuyabeno non foi a vexetación das beiras do río, que abofé que era impresionante, senón o feito de poder ver unha fascinante cantidade de animais que nunca vira a se mover pola selva, totalmente indiferentes á nosa presenza no seu territorio.

Embarcadoiro de El Puente
Embarcadoiro de El Puente Xesús Constela

Un fermoso preguiceiro de tres dedos descendía polo tronco dunha árbore cunha lentitude tal que axiña comprendín o porqué do seu nome, e non foi o único que vin. Poucos metros máis abaixo había outro, e logo outro máis. Dous impresionantes delfíns rosados asomaron varias veces arredor da canoa, coma se fosen acompañándonos. Polas partes máis altas do arboredo se desprazaban a saltos diversos grupos monos esquío, monos ouveadores e monos capuchinos, ao tempo que varias garzas descansaban a pé da auga e enormes bolboretas de incríbeis alas azuis daban reviravoltas por riba das nosas cabezas. E tamén se deixaron ver varios picapeixes que andaban a pescar, e un ourizo cacho que se asomou curioso dende un furado no tronco dunha árbore, e varias grúas que se botaron a voar cando viron aparecer a canoa, e moitos parrulos de todo tipo de cores. As beiras do río eran un auténtico estoupido de vida.

A colosal Reserva de Producción Faunística de Cuyabeno, no nordeste do Ecuador, na provincia de Sucumbíos, fronteiriza con Colombia, mide nada menos que seis mil trinta e catro quilómetros cadrados, un pouco menos que a provincia de Ourense, e é unha área natural dunha diversidade tal que, só no referente a aves, chegaron a rexistrarse máis de cincocentas especies distintas.

A reserva foi creada en 1979 para protexer a selva dos perigos dunha industria petroleira en expansión, que xa daquela estaba a destruír ecosistemas completos por mor de talas indiscriminadas e contaminación de acuíferos con vertidos incontrolados de residuos tóxicos, unhas actividades levadas a cabo por empresas con sede en Lago Agrio, unha cidade construída para os moitos traballadores das empresas de hidrocarburos que aparece descrita pola guía Lonely Planet como “unha sucesión de rúas poeirentas, atestadas de tráfico e bares de mala morte, cunha elevada taxa de prostitución que reflicte o seu alto nivel de criminalidade,” unhas palabras que, obviamente, me convidaron a non visitala.

Situada na parte noroeste da xigantesca rexión amazónica, a reserva de Cuyabeno acolle unha gran diversidade de paisaxes, que van dende selvas tropicais densas e exuberantes até extensas zonas húmidas e lagos conectados entre si por unha intricada rede de vías fluviais de diferentes tamaños, un territorio que desorienta con demasiada facilidade a quen o visita, polo que está terminantemente prohibido acceder a el se non se vai en todo momento acompañado dalgunha persoa acreditada como guía polo goberno ecuatoriano, no meu caso unha encantadora rapaza chamada Anshy, que tiña un amplo coñecemento da selva amazónica.

Ademais da súa extraordinaria diversidade de paisaxes e especies, a reserva de Cuyabeno é o fogar de varias comunidades indíxenas, como os pobos siona, secoia, cofán, quichua de oriente e shuar, entre outros, unhas sociedades tradicionais que dependen do entorno para subsistir, e practican a caza e a pesca tradicionais, a recolleita de froita e a agricultura de subsistencia. Para os seus integrantes a natureza é un ser vivo, ás veces mesmo sagrado, e conservan un valioso legado cultural, transmitido ao longo de xeracións, que os obriga a protexela e inclúe coñecementos profundos sobre o uso terapéutico das plantas da rexión, que sería moi importante preservar.

Solpor en Laguna Grande
Solpor en Laguna GrandeXesús Constela

Sempre acompañado pola miña guía, Anshy, visitei lugares tan impresionantes como a Laguna Grande, unha xigantesca masa de auga que na tempada de choivas asolaga unha gran parte dun enorme bosque, de tal xeito que ofrece cativadoras imaxes de copas de árbores que xorden no medio da súa superficie, pero o gran espectáculo que me brindou a inmensa lagoa chegou coa hora do solpor, cando o ceo empezou a tinguirse cun manto de tonalidades avermelladas que se reflectía na tranquilidade dunhas augas que se converteron nun espello. Unha marabillosa experiencia que nunca vou poder esquecer.

A medida que caeu a noite comezamos o regreso ao lodge a bordo, unha vez máis, da canoa, pero desta volta levamos o motor apagado e fomos alumeando as beiras con axuda dunhas lanternas que nos serviron para ver o espectáculo da vida do Cuyabeno na escuridade, todo un mundo de réptiles, boas e caimáns principalmente, que estaban a preparar as súas cacerías nocturnas. A selva antollóuseme un lugar perigoso cheo de ruídos de animais que nunca escoitara, pero que me resultaron moi engaiolantes.

Pequena anaconda a descansar nunha póla da ribeira
Pequena anaconda a descansar nunha póla da ribeiraXesús Constela

A selva é moi madrugadora, e por iso, cada día que pasei alí erguinme moi cedo para ver o espectáculo dos tucanos a voar sobre o río á procura de comida, e tamén para gozar das fascinantes conversas de animais que falaban entre si, o que me levou a pensar no incríbel que sería poder descifrar o que dicían, pois, sen dúbida, debía de ser algo moi interesante.

Tamén dediquei moitas horas a facer rutas a pé a través da espesura da selva na compaña de Anshy, que coñecía os camiños polos que avanzabamos porque formaba parte dos grupos que, cada certo tempo, se dedicaban a abrilos a golpe de machete.

Nunca na miña vida camiñara por un territorio tan rico e tan cheo de vida, habitado por milleiros de plantas e animais de todos os tamaños que sobreviven uns a costa dos outros. Continuamente caían follas mortas das árbores para servir de alimento a un chan tremendamente húmido e inmensamente fértil.

Tronco de matapalos
Tronco de matapalosXesús Constela

Anshy demostrou ser unha auténtica experta en botánica e non parou de me contar curiosidades acerca da vexetación que iamos vendo, polo que aprendín que na densidade da selva hai pelexas entre plantas para poder alcanzar unhas raiolas de sol ás que lles custa moito abrirse camiño entre a densidade da follaxe, e algunhas delas, que se chaman matapalos, son capaces de facer morrer árbores enormes a costa de gabear polos seus troncos até esganalas nunha aperta mortal que pode durar moitos anos.

E tamén hai unha raza de palmeiras que co paso do tempo poden chegar a se desprazar coma se fosen quen de camiñar. Primeiro botan raíces que van levantando o tronco do chan coma se de súpeto lle saísen patas, e logo esas raíces botan outras, e estas botan outras máis, e así, pouco a pouco, van pasando anos até que a árbore consegue moverse do lugar onde nacera.

Raíces dunha palmeira que camiña
Raíces dunha palmeira que camiñaXesús Constela

Aprendín tamén que a famosa Pachamama, o verdadeiro espírito da selva, habita no interior de xigantescas ceibas que poden alcanzar os setenta metros de altura, e que, se se pega unha orella ao seu tronco, esas árbores son quen de comunicar unha chea de cousas.

Aprendín tamén que hai fungos capaces de infectar arañas de gran tamaño que se coñecen como zombis, porque unha vez que están infectadas, camiñan coma se estivesen mortas, e que na selva hai toda unha farmacia de plantas capaces de sandar moitas enfermidades, e de provocar abortos, e de ser usadas como eficaces anticonceptivos, e que tamén hai lianas con gusto de allo e formigas que saben a limón, e todo un mundo de cousas que non podería describir con palabras.

A selva pareceume un inmenso ser vivo, con súa propia vontade e os seus propios movementos. Abondoume con camiñar a través dela para me decatar de que como seres humanos somos moito máis efémeros ca ela, e por iso, cando abandonemos este mundo, ela seguirá existindo moitísimos anos máis, alimentándose da humidade da choiva e dos milleiros de organismos que viven no seu interior, moitos deles aínda descoñecidos para nós.

Embarcadoiro de El Puente
Embarcadoiro de El PuenteXesús Constela

No día da miña partida de Cuyabeno, durante o regreso cara a El Puente, un pequeno grupo de bolboretas de ás azuis pareceu seguir o ronsel que a canoa deixaba na superficie do río, coma se estivesen participando nunha agarimosa cerimonia de despedida.

Moitas veces, esas bolboretas aínda aparecen nos meus soños, o que me dá unha idea da fonda pegada que deixou en min esta visita á reserva de Cuyabeno, un lugar único que puiden ler como un grande libro cargado de historias fascinantes.

Xesús Constela, 2025