Retallos de mundo: Quito, Ecuador, na metade do mundo

Poio
08 de marzo 2026
Actualizada: 16:32

O escritor Xesús Constela amósanos a súa visión da cidade de Quito, capital de Ecuador, despois da súa viaxe a este punto coñecido como metade do mundo

Plaza Grande dende os tellados da catedral

Situada a nada menos que dous mil oitocentos metros sobre o nivel do mar, o que a converte na segunda capital máis alta de América, despois de La Paz, en Bolivia, e cruzada por numerosos barrancos e quebradas que descenden de xeito moi abrupto dende as vizosas montañas volcánicas que a rodean, a vibrante cidade de Quito, capital de Ecuador, esténdese por un val andino moi alongado que fai que a natureza permaneza sempre visíbel, mesmo dende o corazón do centro histórico. Nunca poderei esquecer as incríbeis vistas da cidade acubillada entre montañas dende a xanela do avión durante a manobra de aterraxe.

O lugar estivo habitado por diversas culturas, entre as que destacaban os Quitus, de quen a cidade herdou o nome, sometidos no século XV polos incas do xeneral Rumiñahui, quen, pouco antes da chegada dos conquistadores, arrasou a cidade para que non caese nas súas mans. Mais non puido evitar que sobre esas ruínas incas, dende o ano 1534, os españois construíran a cidade actual como centro relixioso e administrativo, onde floreceu unha Escola Quiteña que soubo combinar estilos europeos con elementos indíxenas para crear a identidade artística propia que puiden admirar no centro histórico da capital.

O 10 de agosto de 1809 en Quito deuse o coñecido como Primeiro Grito de Independencia, que iniciou os procesos independentistas de América Latina, aínda que a emancipación definitiva non chegaría até 1830, cando a cidade foi proclamada capital da República do Ecuador, e dende entón é coñecida como a Luz de América.

Vendedoras ambulantes na Praza de San Francisco

Antes de visitar Quito, decidín achegarme ao lugar coñecido como Mitad del Mundo, a apenas media hora da capital, nas terras altas da provincia de Pichincha, por onde pasa a liña do Ecuador, a latitude 0º 0’ 0", unha coordenada convertida nun referente histórico e turístico, asociado á propia identidade dun país situado no centro do mundo.

O máis interesante deste lugar foi a visita ao Museo Intiñán, cuxo nome significa "camiño do sol," porque intenta explicar a relación do astro coa Terra, ao tempo que recupera coñecementos ancestrais dos pobos que habitaron a rexión antes da chegada dos españois, e mostra a importancia do movemento solar nunhas culturas asentadas nun país onde os reloxos de sol teñen dúas caras, xa que durante medio ano reciben a luz polo norte e no outro medio recíbena polo sur.

A pequena decepción que tiven co lugar chegou cando souben que os actuais sistemas GPS de localización demostraron que a liña do Ecuador non pasa realmente por onde está o monumento á metade do mundo, senón polas proximidades. Son as cousas que veñen da man dos avances científicos!

O sempre animado centro histórico de Quito é un dos conxuntos urbanos máis impresionantes e mellor conservados que visitei, e foi un verdadeiro pracer pasear polas súas rúas empedradas e polas prazas con casas de balcóns de ferro forxado, cunha arquitectura de estilos barroco, mudéxar, renacentista e neoclásico que mantén case intacta a estrutura da cidade colonial.

Centro histórico, rúa cara á Praza de San Francisco

Comecei o paseo pola Basílica del Voto Nacional, unha igrexa de estilo neogótico inaugurada en 1924, famosa polas súas singulares gárgolas, que amosan animais propios do Ecuador, como iguanas, armadillos, tartarugas ou cóndores. O curioso nome do templo procede da consagración do Estado ecuatoriano ao Corazón de Xesús, e na praza exterior conta cunha cripta subterránea destinada ao enterramento dos xefes de Estado do país.

Desde alí fun camiñando devagar até a Plaza Grande, tamén chamada Praza da Independencia e centro neurálxico da vida na cidade. Nun dos seus lados puiden ver a fachada do Palacio de Carondelet, sede do goberno ecuatoriano, que estaba fortemente vixiado por razóns de seguridade, mentres que nos outros lados álzanse algúns dos edificios tan representativos como a catedral, o Palacio Arcebispal ou o Casa do Concello.

Plaza Grande, Monumento aos Heroes do 10 de agosto de 1809

A Catedral Metropolitana de Quito, cuxa construción comezou arredor do ano 1550, combina elementos renacentistas, barrocos e neoclásicos que reflicten moi ben a evolución artística da cidade ao longo do tempo. Tiven a inmensa sorte de poder asistir a unha visita teatralizada polo edificio porque entrei un 10 de agosto, día do Primeiro Grito de Independencia, unha gran festa nacional, que me serviu para poder admirar a grandiosidade do espazo interior, a delicada decoración dos altares e mesmo os impresionantes tellados, con magnificas vistas da cidade.

Desde a catedral, dirixinme ao Centro Cultural Metropolitano de Quito, un espazo dedicado a diversas actividades artísticas, instalado no edificio do antigo Cuartel Real de Lima, que durante a época colonial funcionou como prisión na que tivo lugar a infausta Matanza do 2 de agosto de 1810, cando as tropas españolas asasinaron a case trescentos patriotas despois do Primeiro Grito de Independencia.

Centro Cultural Metropolitano, patio interior

A través dunha das rúas máis concorridas do centro histórico, a Calle Espejo, achegueime á Igrexa da Compañía de Xesús, quizais a máis grande xoia do barroco latinoamericano. O seu interior, cheo de esculturas e frescos, e integramente decorado con pan de ouro, amosa o verdadeiro poder e a riqueza que chegaron a posuír os xesuítas, que algúns séculos despois da construción desta igrexa, en 1767, foron expulsados do Imperio Español polo rei Carlos III, moi receoso do tremendo poder que acadaran.

Amante das lendas como son, unha das curiosidades desta igrexa descubrina embaixo da mesa do altar maior, onde foi enterrada Mariana de Jesús de Paredes, coñecida como a "Azucena de Quito", a primeira ecuatoriana canonizada pola Igrexa Católica no ano 1950 porque, segundo se conta, chegou a facer milagres mesmo antes de nacer. Disque a súa nai tivo sinais prodixiosos durante o embarazo, e que o propio feto respondía a estes sinais con xestos de oración, como se xa tivese conciencia espiritual.

Outro dos grandes referentes de Quito é o Mosteiro de San Francisco, o máis amplo complexo monástico de América Latina, que inclúe igrexas, claustros e un museo que destacan pola súa monumentalidade. O seu templo principal é un excelente exemplo do estilo mestizo-barroco, no que se mesturan elementos europeos e expresións artísticas locais, e amosa, ao igual que o da Compañía de Xesús, as enormes fortunas que chegaron a posuír as ordes relixiosas que participaron na conquista de América.

Visitei despois a Casa del Alabado, cun curioso nome que provén da inscrición que se conserva na fachada, onde se pode ler "Alabado sea el Santísimo Sacramento…", xunto á data da construción en 1671. Na actualidade é un magnífico museo dedicado á difusión e conservación da arte das culturas ancestrais do Ecuador porque atesoura máis de cinco mil pezas nunha abraiante mostra que axuda a comprender a cosmovisión, os rituais, a relación coa natureza e o simbolismo de moitas sociedades que desapareceron por completo coa chegada dos españois, como foi o caso das as culturas Valdivia, Chorrera ou La Tolita, a primeira delas famosa polas súas "Venus" de cerámica.

Continuei camiñando polo centro histórico e atopei a impoñente Igrexa de Santo Domingo, xunto ao seu convento, un conxunto relixioso construído entre os séculos XVI e XVII, que inclúe claustros, patios interiores e un museo que conserva imaxes, retablos e obras de arte sacra, mentres que o altar maior, ricamente decorado con madeira e pan de ouro, amosa o esplendor que alcanzou a orde dominica na cidade.

Afasteime despois do centro da cidade para ir visitar o Museo Nacional do Ecuador, situado na Casa de la Cultura Ecuatoriana, un edificio moderno e moi amplo no que se desenvolven moitas actividades como concertos, conferencias e obradoiros. As salas deste museo permitíronme facer un interesante percorrido cronolóxico pola historia do país, dende as culturas prehispánicas até a época republicana actual, pasando, obviamente, polos séculos en que o país formaba parte do Imperio Español.

Da visita quedoume gravado un texto impreso nunha parede que explicaba a conquista española dende un punto de vista completamente diferente do que nos ensinaron na escola: "No século XVI, as monarquías europeas implantaron un sistema de dominación colonial e control no continente americano e creouse unha nova orde administrativa: Vicerreinados, Capitanías Xerais e Reais Audiencias. O proceso de conquista fíxose factíbel a través de dúas formas de poder: o terreal, que recaía nos representantes administrativos, e o espiritual, asentado sobre axentes eclesiásticos. Ambas as dúas formas subsistiron baixo a crenza de que o Deus xudeu cristián dirixía ao pobo elixido, ou ao seu rabaño, a través de figuras escollidas." Un texto moi interesante para ilustrar o proceso español de colonización.

Pero debo dicir que a experiencia máis impresionante que vivín en Quito aconteceu nunha das varias noites que pasei na cidade, cando, con motivo da celebración do Día do Primeiro Grito de Independencia, tivo lugar un abraiante espectáculo de luces e música nas prazas do centro histórico, o Festival Quito Luz de América, un multitudinario evento que consistía na proxección de imaxes, animacións e efectos visuais sobre as fachadas dos edificios, que se transformaban nun auténtico "lenzo vivo".

Festival Quito Luz de América, teatro Sucre

O que máis me gustou desa noite foi ver a cidadanía de Quito completamente feliz e entregada a celebrar a festa dun xeito tan incríbel, que había rúas polas que simplemente non se podía circular pola cantidade de xente que estaba a ocupalas.

O meu percorrido por semellante espectáculo comezou na Plaza del Teatro, cando, dende a balconada do Teatro Sucre, inaugurado en 1886 e símbolo da cultura escénica do país, catro cantantes de ópera, dous homes e dúas mulleres, interpretaron varias arias famosas e algunhas cancións populares quiteñas mentres as imaxes proxectadas na fachada neoclásica ían cambiando ao son da música. Nas Prazas de Santo Domingo e San Francisco, con espectáculos semellantes aos que acababa de presenciar no Teatro Sucre, pero con música gravada en troques de cantantes en directo, aproveitei os moitos postos de comida que había por todas partes para degustar unha deliciosa mazaroca dun millo branco chamado choclo, moi típico do país, acompañada dunha canelada, unha bebida con moitas especias e cunhas boas pingas de algo semellante a augardente, moi típica dunha cidade que, ademais de monumentalidade e beleza, ofrece unha espectacular variedade gastronómica que deixa sabores de boca inesquecíbeis.

© Xesús Constela, 2026