Cando comecei a publicar estes Retallos de mundo en Pontevedra Viva, alá por outubro do ano 2021, contei que a miña vocación viaxeira naceu da man dos moitos libros nos que adoito mergullarme dende que era ben pequeno, verdadeiras fontes de coñecemento que me fixeron ver a importancia de saír a me mover polo mundo sen nunca abandonar os sendeiros da aprendizaxe, porque "viaxar e cambiar de lugar sempre enche a mente de novos vigores", tal como apuntou Séneca, o filósofo estoico do século I da nosa era, nas súas Cartas a Lucilio.
E abofé que tiña toda a razón do mundo: moverse para coñecer lugares novos habitados por xente diferente da que nos rodea no noso día a día é como alimentar a mente cun complexo vitamínico que outorga forzas renovadas e dá azos para pensar.
Da man das miñas viaxes puiden coñecer as chairas de Troia, na actual Turquía, onde os gregos de Aquiles conseguiron vencer aos troianos co seu xigantesco cabalo de madeira, ou as vilas do deserto do Sáhara polas que deambulou Port Moresby, o temerario protagonista de O ceo protector, a fantástica novela de Paul Bowles, ou o castelo de If, fronte ao porto vello da cidade de Marsella, onde Edmond Dantès foi encerrado en O conde de Montecristo de Alexandre Dumas, ou tamén o Dublín polo que Leopold Bloom camiñou ao longo dun só día, o 16 de xuño de 1904, no Ulises de James Joyce. A listaxe de obras que me convidaron a emprender camiños resulta imposíbel de abarcar.


Mais eu penso que as viaxes non comezan realmente no intre da partida, senón moito antes, polo que non podo estar máis e acordo coas palabras de Amelia Earhart, a primeira aviadora que cruzou o Atlántico en solitario no ano 1932, cando afirmou que "a verdadeira esencia dunha aventura non se atopa só nela en si mesma, senón tamén nos preparativos que a acompañan."
Unha das partes máis interesantes do proceso que me leva a realizar unha viaxe comeza no preciso momento en que tomo a decisión de facela, na documentación que procuro para estudar o meu destino, na elección dos lugares aos que quero chegar, no deseño dun itinerario coherente que me permita non malgastar o tempo, e tamén na procura dos medios de transporte necesarios para acadar cada unha das metas que poida propoñerme.
Para chegar ao Parque Nacional de las Lagunas de Chacahua, por exemplo, no sur do estado mexicano de Oaxaca, primeiro tiven que saber que debía desprazarme á cidade de Puerto Escondido, na costa do Pacífico, e alí coller un pequeno autobús ateigado de pasaxeiros que, logo de case tres cuartos de hora de traxecto, había de me deixar no cruce onde se encontran a estrada pola que o bus avanzaba e a que conduce á aldea de El Zapotalito, á que só se pode chegar dende alí a bordo dun vello taxi local que fai ese traxecto cunha certa regularidade, conducido por un home moi faladeiro e claramente afeito a parolar cos seus pasaxeiros.

Ao chegar aos peiraos de madeira da aldea tiven que negociar cun mariñeiro o importe da viaxe en lancha a través da lagoa principal, un abraiante escenario de auga e mangleirais con pequenos illotes habitados por aves e por crocodilos, até un embarcadoiro agachado entre árbores, onde agardei a chegada dunha camioneta que me levaría, sentado nun banco de madeira, até a aldea de Chacahua, a través dunha pista tan chea de croios que non parei de dar botes en todo o camiño, para por fin acadar o meu destino, unha praia virxe de moitos quilómetros de lonxitude, visitada pola noite por tartarugas mariñas á procura dun lugar onde poñer os seus ovos, e aberta de par en par a un océano tan embravecido que non puiden deixar de pensar en quen tivera a idea de lle poñer o nome de Pacífico.

A complicada arribada a un lugar tan fermoso pagou verdadeiramente a pena, pero aseguro que os preparativos para poder chegar foron tan satisfactorios, que tiveron a inmensa capacidade de me encher a mente de soños e de desexos de me mover.
O que se vive sempre queda máis gravado na memoria, e por iso as viaxes resúltanme necesarias para me aproximar a outros lugares e a outras culturas, e tamén para descubrir que hai moitos xeitos diferentes de vivir e de descifrar o mundo que son tan válidos coma os nosos e, en moitas ocasións, bastante máis interesantes.
Falar con xente diferente (ás veces simplemente intentalo por non atopar ningunha lingua que sirva de medio de comunicación) facilita o camiño para tratar de comprender aos demais, ensina a escoitar mellor, e, dende logo, fomenta a empatía, polo que resulta unha magnífica vacina para combater a xenofobia, unha das peores lacras do mundo actual.

Na pequena praia de Tùng Thu, na illa de Cát Bà, no norte de Vietnam, coñecín un mozo que me contou como fora a súa fuxida cara a Hong Kong na procura dunha vida mellor que a que levaba na cidade de Hải Phòng, onde vivía, ou sobrevivía, coa súa familia. Faloume das moitas penurias que sufriu mentres cruzaba de xeito clandestino o sur da China até chegar ao seu tan desexado destino, logo de moitas xornadas a camiñar cando non atopaba ninguén que o levase de balde, das noites de durmir onde podía, e, sobre todo, da incesante procura de comida. E todo para nada.
Unha vez chegado a Hong Kong non atopara traballo ningún, polo que acabara sendo deportado a Vietnam e, logo de varios padecementos xudiciais, vivía de novo coa súa familia, só que agora estaba casado e tiña un fillo. Conseguira por fin un traballo e dicía que estaba contento, pero nunca sería quen de esquecer a durísima experiencia vivida.

En Tanzania, nas frondosas abas do Monte Meru, na illada aldea de Mulala, tiven a inmensa honra de coñecer unha muller que me deu moito que reflexionar. Falo de Anna Pallangyo (Mama Anna), maior, viúva e nai de seis fillos. A súa vida comezou cultivando feixóns, aforrando cada moeda e soñando con mellorar a vida da súa familia, até que todo cambiou grazas a unha vaca que mercou coa axuda duns fondos de cooperación internacional para apoiar o desenvolvemento da Tanzania rural.
Aprendeu a muxir o animal para vender o leite e, na compaña doutras mulleres que tamén tiñan vacas, no ano 1997 creou unha pequena cooperativa, Agape Women Group, que transformou para sempre a súa aldea, porque co tempo, as cooperativistas aprenderon a facer queixos que agora venden en mercados locais xunto con outros outros produtos como mel, café ou froitas cultivadas por elas mesmas, e os ingresos obtidos permitiron construír a escola de primaria que sempre necesitaran.

Ademais de ser unha muller encantadora, Mama Anna pareceume un magnífico símbolo de perseveranza, de cooperación e de autonomía feminina, e un exemplo de como a imaxinación e o traballo colectivo poden transformar vidas e comunidades. Temos tantas cousas que aprender!

En gran parte son quen son grazas ás viaxes que levo feitas, que conseguiron ampliar a miña visión do mundo para me volver máis aberto e máis tolerante, e tamén porque os coñecementos adquiridos e as situacións vividas sempre me fixeron regresar á casa cheo de imaxinación e creatividade a moreas. Son o resultado de moitos horizontes que ficaron gravados de xeito indelébel na miña memoria, de paisaxes que habitan os meus soños e de voces moi variadas que sempre intentei aprender a descifrar. De todo iso nacen as cousas que escribo.
As viaxes ben vividas son un fío invisíbel que vai tecendo a personalidade do viaxeiro de xeito imperecedoiro. Cada cidade, cada camiño, cada paisaxe e cada encontro deixan unha pegada silenciosa que moldea o xeito de ver o mundo. Viaxar pon perante os ollos das persoas toda unha colección de espellos diferentes e inesperados nos que se ven obrigadas a contemplarse, e por iso se regresa a casa diferente de como se era no momento da partida, porque as viaxes tamén se fan cara a dentro dun mesmo.
Cada vez que chego a un lugar, todo me resulta tan novo que coido que teño que aprender a ler o escenario no que me encontro, e síntome moi privilexiado de poder facelo, porque, ao non saber o total funcionamento das cousas que me rodean, véxome na obriga de mirar o mundo con moita atención e de escoitalo cos ouvidos ben aguzados. Dalgunha maneira volvo ser o aprendiz que fun cando era pequeno e tiña toda unha vida por diante ao me ver inmerso en situacións que aportan unha tremenda fertilidade á miña mente.
E logo está o regreso, o retorno á casa, a volta á máis coñecida cotiandade.
Para describir iso non atopo mellores palabras que as que utilizou o gran Xabier P. DoCampo ao comezo do seu brillante Libro das viaxes imaxinarias, cando escribiu que "Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa dende o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato."
Tomo as súas palabras ao pé da letra e comezo unha nova andaina, a quinta xa, nestas páxinas de Pontevedra Viva para compartir con todo o mundo as experiencias vividas nas miñas viaxes.
Queda moito mundo por ler e moitas ensinanzas que aprender de todas cantas poida ir achegándonos.
Xesús Constela, 2026

Cat Ba, praia de Tùng Thu

Cat Ba, praia de Tùng Thu

Chacahua, camioneta para pasaxeiros

Chacahua, Laguna Grande

Chacahua, peiraos de El Zapotalito

Chacahua, praia

Chacahua, praia

Deserto do Sáhara, Chenini

Deserto do Sáhara, Ksar Hadada

Deserto do Sáhara, Matmata

Deserto do Sáhara, Tataouine

Deserto do Sáhara, Tounine

Illas na baía de marsella, co castelo de IF

Mulala, corte das vacas de Mama Anna

Mulala, escola de primaria

Mulala, escola de primaria

Mulala, Mamá Anna e o seu fillo Justin

Mulala, obradoiro de queixos de Mama Anna

Troia, réplica do cabalo

Cat Ba, praia de Tùng Thu

Cat Ba, praia de Tùng Thu

Chacahua, camioneta para pasaxeiros

Chacahua, Laguna Grande

Chacahua, peiraos de El Zapotalito

Chacahua, praia

Chacahua, praia

Deserto do Sáhara, Chenini

Deserto do Sáhara, Ksar Hadada

Deserto do Sáhara, Matmata

Deserto do Sáhara, Tataouine

Deserto do Sáhara, Tounine

Illas na baía de marsella, co castelo de IF

Mulala, corte das vacas de Mama Anna

Mulala, escola de primaria

Mulala, escola de primaria

Mulala, Mamá Anna e o seu fillo Justin

Mulala, obradoiro de queixos de Mama Anna

Troia, réplica do cabalo