Retallos de mundo: Hoi An, a cidade da lúa chea

Poio
08 de junio 2025

O escritor Xesús Constela relata nesta nova reportaxe a súa experiencia no Festival da Lúa Chea, que se celebra en Hoi An, en Vietnam

Río Thu Bồn
Río Thu Bồn / Xesús Constela

Planifiquei as datas dunha viaxe a Vietnam de xeito que puidese asistir ao Festival da Lúa Chea que se celebra en Hoi An, unha cidade costeira situada nas beiras do río Thu Bồn, coñecida pola súa rica historia e pola súa mestura de culturas.

Lera moito sobre este festival e a súa importancia, e non podía deixar pasar a oportunidade de vivir de primeira man unha celebración que me parecía tan significativa, tanto a nivel cultural como histórico, porque o Festival da Lúa Chea transforma Hoi An nun lugar máxico o día décimo cuarto de cada ciclo do calendario lunar vietnamita, cando a lúa brilla con máis forza no ceo nocturno.

Ao chegar finalmente ás beiras do río Thu Bồn, que desemboca preto de Hoi An, no mar da China Meridional, e foi unha importante ruta comercial nos séculos XVI e XVII, cando era percorrida por embarcacións chinesas, xaponesas, portuguesas e neerlandesas, o espectáculo que atopei superou abondo todas as miñas expectativas.

As augas do río estaban repletas de embarcacións decoradas con lámpadas de papel de cores vibrantes, e a bordo delas viaxaba unha multitude que, en silencio e con xestos pausados, soltaba na auga candeas acesas sobre faroliños de cartón, como ofrenda aos espíritos dos devanceiros. A superficie do río, iluminada por esas luces flotantes, estaba envolta nunha atmosfera cun aquel de misterio.

Río Thu Bồn
Río Thu Bồn Xesús Constela

Contáronme que esta tradición, tan chea de simbolismos, ten o poder de converter cada candea nun desexo persoal ou nunha petición de sorte e saúde, ao tempo que a corrente do río arrastra consigo tristuras e pensamentos escuros, como se a auga tivese o poder de purificar a alma.

Marabillado polo que estaba a ver, crucei a ponte de Cầu An Hội, que conecta o casco vello de Hoi An coa illa onde se celebra o mercado nocturno, e ao chegar á metade do camiño, sentinme obrigado a facer unha pausa. A multitude de xente que me rodeaba non foi un impedimento para admirar con tranquilidade o espectáculo no que estaba inmerso. O río estaba cuberto de faroliños de papel que se reflectían na superficie tranquila das augas, mentres nas beiras, a atmosfera festiva facíase palpábel en cada recuncho. As rúas adornadas con lanternas de papel de todos os tamaños e os postos do mercado nocturno, vivos e cheos de cor, brillaban baixo a suave luz dos farois, creando un engaiolante ambiente moi cálido e moi acolledor.

Rúa decorada con farois
Rúa decorada con faroisXesús Constela

Aproveitei esa primeira visita ao mercado nocturno para mercar comida en diversos postos, coa intención de comprobar a veracidade da boa fama culinaria de Hoi An, cidade onde se cociñan receitas propias que se fixeron famosas en todo Vietnam. Debo dicir que alí degustei pratos tan suculentos como o cao lầu, a base de fideos, porco e verdura; o cơm gà, de polo e arroz; os fideos mì quảng; ou o bánh mì, unha sorte de delicioso bocadillo de carne e verduras escabechadas cun mollo lixeiramente picante, que combina ingredientes locais cos herdados do legado colonial francés. Definitivamente, Hoi An pareceume un dos mellores lugares de Vietnam para degustar a cociña tradicional do país.

Templo de Ba Mu no centro histórico
Templo de Ba Mu no centro histórico Xesús Constela

Aproveitei a mañá seguinte para visitar o casco antigo da cidade, un fermoso conxunto de rúas e calexos con edificios moi ben conservados que amosan unha mestura única de influencias chinesas, xaponesas e europeas, construídos ao longo dos séculos XVI e XVII, cando Hoi An era unha animada cidade portuaria grazas á súa situación estratéxica nas costas centrais do país, que facía que todo o mundo quixese visitala porque era un gran núcleo de comercio no que se mercaban e vendían sedas, especias, cerámicas, marfil, metais preciosos e moitos outros produtos procedentes de toda Asia, un máis que lucrativo comercio que acabou esmorecendo no século XIX por mor da progresiva sedimentación do río Thu Bồn, que levou ao traslado do porto á veciña cidade de Da Nang, onde se atopa na actualidade.

Lanchas no río Thu Bon
Lanchas no río Thu BonXesús Constela

O casco antigo de Hoi An pareceume un lugar perfecto para deixar voar a imaxinación, porque as súas rúas, cheas de recunchos cargados de historia, falan das diversas comunidades chinesas e xaponesas que un día viviron na cidade en grandes casas familiares e tiñan impresionantes salóns de reunións comunitarios, que co tempo foron transformados nos fermosos templos que se poden visitar a día de hoxe.

Un dos espazos que máis me impresionou foi a casa Tân Ký, construída con madeira, pedra e azulexos a finais do século XVIII, que leva sete xeracións a ser residencia da mesma familia e ten unha fachada orientada a unha rúa na que funcionaba como tenda, mentres que a parte traseira, próxima ao río, servía para recibir mercadorías.

Postos no mercado nocturno
Postos no mercado nocturnoXesús Constela

Visitei tamén a casa Phung Hưng, outra xoia arquitectónica do século XVIII, construída sobre oitenta columnas da coñecida como “madeira de ferro,” procedente de árbores de extrema dureza, apoiadas en bases con forma de flor de loto, deseñadas coa dobre finalidade de minimizar a humidade e de afastar as térmites, unha solución técnica tan sinxela como eficaz, que explica a sorprendente lonxevidade do edificio.

Tamén chamou a miña atención unha antiga vivenda familiar, a casa Quang Thang, construída hai máis de trescentos anos por un rico comerciante que quixo replicar en Hoi An o fogar dos seus devanceiros en China, e na actualidade segue a estar habitada polos seus descendentes, cada xeración co seu lugar propio a xeito de respecto pola tradición, pero cun lugar común a todos no que se venera a figura do fundador.

Desgraciadamente, non puiden cruzar a famosa ponte de madeira de Chùa Cầu, un dos emblemas de Hoi An, que ten unha capela no seu centro e foi construída por comerciantes xaponeses no século XVII, porque estaba pechada por obras de restauración, así que tiven que conformarme coas fotografías exhibidas no exterior da estrutura que a tapaba. Unha verdadeira mágoa.

Dediquei a tarde a visitar diferentes salóns de asembleas, que é como se coñecían os espazos construídos polas diferentes comunidades de inmigrantes, principalmente chineses, con finalidades tan diversas como o culto a diferentes deidades protectoras, a celebración de festividades, reunións e actos culturais, ou os servizos administrativos e de apoio mutuo, como a resolución de disputas entre os seus membros.

Salón de Asembleas de Fujian
Salón de Asembleas de Fujian Xesús Constela

Comecei polo Salón de Asembleas de Fujian, construído no século XVII pola comunidade procedente da provincia chinesa do mesmo nome, que está dedicado á deusa Thiên Hậu, protectora de mariñeiros e navegantes, e quedei fascinado pola beleza dun recinto que destaca pola súa arquitectura tradicional chinesa, con entradas de portas ricamente decoradas, grandes dragóns de cerámica, paneis esculpidos con motivos mitolóxicos, e un patio interior que conduce ao altar principal cheo de impresionantes bonsáis.

Despois dirixinme ao salón erguido en 1885 pola comunidade procedente da provincia chinesa de Quang Dong para honrar a Guan Yu, unha figura lendaria do folclore chinés asociada á lealdade, a xustiza e a valentía, que no interior acolle unha fermosa maqueta dun barco e unha gran colección de obxectos utilizados nas diferentes cerimonias que se desenvolven no lugar.

Templo Quan Cong
Templo Quan CongXesús Constela

Estes dous salóns de asembleas, xunto co de Trieu Chau, servíronme de exemplos perfectos para comprender a importancia das comunidades chinesas que se foron asentando en Hoi An ao longo da historia e souberon imprimir na cidade as súas pegadas para lles legar aos seus habitantes actuais a fermosa vila na que viven.

E entón, cando caeu a noite, e para a miña sorpresa, a buliciosa multitude que ocupara as beiras do río Thu Bồn volveu empezar a enchelas de novo, e as inmediacións do lugar convertéronse nun continuo ir e vir de autobuses que descargaban grandes grupos de turistas traídos dende os moitos hoteis da contorna para gozar do espectáculo do Festival da Lúa Chea, e o mesmo aconteceu á noite seguinte e na posterior.

A dona do pequeno hotel onde me aloxaba contoume que as autoridades descubriran que o festival era un importante foco de atracción de turistas e decidiran celebralo todos os días, sen ter en conta as fases da lúa, algo que me pareceu o exemplo perfecto do que pode ser o perigo de morrer de éxito por un turismo incontrolado, que no caso de Hoi An acabou con calquera rastro da espiritualidade e a maxia que podía ter unha celebración única no mundo, para convertela nun espectáculo de masas que, no meu caso persoal, fixo que tomase a decisión de non regresar polas beiras do río Thu Bồn en ningunha das noites que pasei na cidade para non botar a perder a marabillosa imaxe que me proporcionara o festival o día da miña chegada.

Xastrerías
XastreríasXesús Constela

Preferín pasear polas rúas do casco histórico para me deixar sorprender polos cafés que había por todos os recunchos e pola multitude de xastrerías que hai nunha cidade cunha tradición de costura que se remonta ao século XVII e que na actualidade seguen a ser un lucrativo negocio grazas á calidade e á enorme variedade das teas con que fabrican a roupa a medida para a cantidade de persoas que visitan a cidade cada día para acudir ao Festival da Lúa Chea. Algo tiña que ter de bo esas masiva afluencia de turistas.

Xesús Constela, 2025