A importancia de chamarse Armesto

06 de junio 2013
Actualizada: 18 de junio 2024

Desde mediados do século XIX até 1936 varias xeracións de pontevedreses prenderon a luz do librepensamento, do laicismo, dos ideais de fraternidade e xustiza social. Os tempos do Sexenio Democrático (1868-1874) e da II República (1931-1936) crearon as condicións para a proliferación de iniciativas ( xornais, escolas, sociedades, organizacións políticas) que puxeron en marcha transformacións decisivas.

Sempre contracorrente, a memoria destes pontevedreses non sempre foi recoñecida pola Pontevedra oficial. Moitos quedaron para sempre difuminados na néboa doesquecemento.

Malia o imprescindíbel labor desenvolvido por investigadores e historiadores que deitaron luz sobre a Pontevedra heterodoxa e librepensadora (José Antonio Durán,Xosé Fortes, Enrique Acuña, Carlos Pereira Martínez, Méndez Ferrín, Xosé Álvarez Castro...), hai moitos nomes que cómpre aínda rescatar dese silencio imposto. Entre eles sobrancea un apelido que brilla con luz propia na Pontevedra do XIX e primeiras décadas do XX: o da familia Armesto.

Na xenealoxía pontevedresa do clan aparecen nomes principais como os de Pedro Amesto e María Cobián ou os seus fillos Constantino e Ramona Armesto Cobián. Mais a figura principal da estirpe, que enche de grandeza a segunda metade do século XIX, e a do fillo de Ramona, nai solteira, Indalecio Armesto Cobián, nado en 1837 e falecido en 1890.

Filósofo, político, xornalista, avogado, masón, dúas veces desterrado polo seu compromiso político republicano, concelleiro, Indalecio é unha das figuras máis maltratadas pola memoria selectiva da Pontevedra oficial do século XX. O estudo do filófoso Xosé Luis Barreiro Barreiro (Indalecio Armesto: filósofo, republicano, masón), publicado en 1991, é unha das poucas excepcións da norma a respecto dun personaxe que no momento da súa morte suscitou un enterro multitudinario e despois deu nome a unha praza, a da Verdura, que ninguén coñece como praza de Indalecio Armesto.

O esquecemento ten moito que ver co perfil político, ideolóxico e social do personaxe, aliñado nas antípodas dos sectores que dominaron o relato historiográfico e a crónica local ao longo de máis dun século. A necesaria recuperación de tan brillante personaxe debe acompañarse da divulgación de outras figuras da familia Armesto, persoas coma el adiantadas ao seu tempo e discordantes a respecto da Pontevedra católica e ⿿benpensante⿝: a súa curmá Amalia Armesto, casada con e separada de Federico Sáiz Sánchez, un dos grandes protagonistas da renovación escolar na Pontevedra do seu tempo, inspirador da primeira experiencia Froebel na década de 1880. Amalia e Federico foron os pais do brillante profesor e investigador Victor Said Armesto (1871-1914), outra figura que precisa de urxente recoñecemento e divulgación.

Os nomes de Federico Sáiz e do seu fillo Victor Said (co apelido modificado) solapan o perfil de Amalia Armesto, que viviu unha vida extremadamente libre no Madrid de finais do XIX, separada do marido e do fillo, integrada na masonaría, con unha activa vida social e artística que precisa de pescudas sistemáticas para rescatala do esquecemento.

O cadro da familia aínda se pode completar cos Aldao de Bueu, emparentados con Constantino Armesto. Foi Carmen Aldao quen acolleu a Amalia Armesto en Madrid, quen posibelmente a introduciu no ambiente social e cultural da capital, e quen partillou con ela militancia masónica. Na conexión dos Aldao tamén relumbra a enigmática figura de Alfredo Rodríguez de Aldao, tamén librepensador e masón, autor de numerosas obras sobre teosofía e espiritismo, entre elas o ⿿Libro de San Cipriano, Tesoro del hechicero⿝, publicado co pseudónimo Hneiel Shaiah. Un personaxe de cine ou de novela.

Homes e mulleres, en fin, os Armesto e Aldao, que agardan pacientemente o seu lugar de honra na historia de Pontevedra.

6.06.2013