Escribiu Rebeca Yanke en La ciencia de la amabilidad que "ás veces, escríbese chorando". Lembrouno Diana López Varela para darlle paso en As Mulleres que Opinan son perigosas e algo se removeu dentro da min. Fun consciente ao momento. Sentín reflectida nunha frase, resumida a realidade de moitos días nos que a vida se empeña en superarme, condensada en cinco palabras a sensación de fracaso que sinto desde que finalmente recoñecín que igual o xornalismo non é para min; ou eu non son para o xornalismo.
Dous días despois, escríboo chorando. Cando, con 13 anos, te das conta de que o que ti queres facer na vida é escribir nun xornal e pasas tres décadas estudando e traballando para conseguilo, é imposible que as bágoas non asomen se, con 43, as pezas non encaixan.
A sensación non é nova, pero desde que escoitei a Rebeca, é diferente. Son bágoas, pero reconfortan. Escoitar a tantas mulleres valentes e loitadoras ten un poder calmante. Este foro é punto de encontro para coñecer novas voces, desvirtualizar outras e aprender de todas; abre a mente, convida á reflexión e, sobre todo, é un lugar para sentirse segura. E arroupada. Sucede case sempre co feminismo, axuda a remover conciencias e revolucións e reconforta a partes iguais.
Díxoo Remedios Zafra: "o contexto feminista é un contexto que arroupa e compensa esas inseguridades". A frase deume moito que pensar e deime conta de que arroupar conxúgase en feminino plural porque, entre mulleres feministas, sentes un abrigo dificil de atopar noutros encontros. A min deume a seguridade (e a valentía) para recoñecer e compartir esta sensación de frustración e fracaso que sinto.
Porque non podo deixar que ninguén minimice o que enche a miña cabeza, porque sentir que o que sempre soñaches non funciona é igual de válido que ter a seguridade de que o xornalismo é o teu lugar no mundo. E tamén é válido non poder ou non querer falar do descanso que necesitei tomar, dunha das decisións máis meditadas que tomei na miña vida e que, pese a todo, son incapaz de explicar nun intercambio de saúdos.
Custa abrirse, vencer o medo a que te xulguen ou, no meu caso, o pánico a ser tema de conversa, pero estea días aprendín de mulleres fortes e referentes que soltar é sanador e que, cando o fas, sempre hai un feminino plural que te arroupa sen cuestionar e te acompaña na túa procura.