Cultura, eras ti

11 de julio 2013

Que desgraciadamente neste país non valoramos suficientemente á cultura e que non consideramos que a inversión en cultura é conseguir valor engadido para o conxunto do país, é un tópico xa consolidado pola triste experiencia; unha constante que semella unha maldición ou un destino inexorable e difícil de cambiar.

Pero no país sempre houbo individualidades ou pequenos grupos xeracionais que supoñen a excepción á regra. Hoxe volvemos a lembrar a un vilagarcián que deixou unha pegada inesquecible nos seus contemporáneos e xa quedan poucos que o coñeceran persoalmente. Falamos de Manuel Rey Posse (1890-1952), home de moitas almas e saberes, un home polivalente, tanto esculpía un busto dun personaxe famoso, como escribía un humorístico apropósito carnavalesco, como compoñía unha cantiga, facía un cadro a prumiña, ou era un dos letristas dunha das poucas zarzuelas en lingua galega como A LENDA DE MONTELONGO, restreada hai pouco no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

Manolo Rey era un home moi popular e moi querido no seu tempo, foi socio de honra do Liceo, sociedade onde representou moitos dos seus apropósitos e obras teatrais. Foi o animador cultural (cando non había Concellería de Cultura nin nada parecido) da Vilagarcía dos anos 20 e 30 do pasado século. A fotografía que ilustra esta colaboración é un retrato de Rey Posse cedida polo seu neto e bo amigo meu, o gaiteiro e etnógrafo, Carlos Rey Cebral, co que conversei tantas veces do seu avó e da súa obra, gran parte dela descoñecida pola maioría dos vilagarciáns. Sería importante realizar unha recopilación fácsimilar da súa obra, sobre todo a de carácter teatral polo seu valor histórico e como testemuña de épocas xa idas, para que non se perda e para que estea ao alcance de todos. Tamén é digno de destacar que foi mestre de ebanistería e doutras cousas doutro grande pintor e artista vilagarcián, Rivas Briones.

Algunhas das súas obras que coñezo e que agora enumero sucintamente aquí:

ESCULTÿRICA:

  •  Busto en bronce de Agustín Romero (benefactor de Cornazo).
  • Imaxe de San Pedro en pedra (na fachada da parroquia homónima de Cornazo).
  • Parella de leóns con escudos en pedra (na praza de Ravella diante da Casa Consistorial).

 

PICTÿRICA:

  • Colección de plumiñas e algún cadro en coleccións particulares.

 

MUSICAL:

  • O virapé.
  • Foliada de Vilaxoán.

 

TEATRAL:

  • O TRASNO (1920), comedia de gran éxito.
  • A LENDA DE MONTELONGO (1924).
  • FANTASÍA DE SEVERO (1924).
  • MATCH INTERNACIONAL, monólogo que relata un partido de fútbol entre ingleses e vilagarciáns.
  • LA PESADILLA DE CHAQUETAS (1926)
  • CARTA DE CHAMADA (1952).

 

E moita máis obra da que os seus familiares saberían dar conta. Finalmente e tamén como ilustración deste artigo, ofrecemos unha prumiña que recrea o entorno da capela de San Roque en Vilagarcía, cedida por Dna. Rosina Sobrido, actual directora do Conservatorio Profesional de Música de Vilgarcía, e que pertence a unha colección familiar.

Consideramos a Rey Posse como un personaxe digno de ser máis coñecido e valorado e a súa obra debera ser máis difundida. Un home todo cultura, que enriqueceu o patrimonio vilagarcián e galego e ademais adornado dun gran amor á terra e dun fino humor.