Debate fiscal. Necesario.

17 de febrero 2025

Montouse un bo rebumbio este martes, na rolda de prensa do consello de ministros. A noticia do martes era a suba do SMI. Yolanda Díaz, querendo ter protagonismo, sacou ao vento as contradicións dos socios de goberno, non soubo medir os tempos. Deulle municións á dereita que estaba en horas baixas por votar non ao real decreto "omnibus" das medidas sociais.

Abriuse o melón. Máis rebumbio. A idea (máis) común é que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) está exento de IRPF. A partir de canto debe ter IRPF? Este debate está presentado co estilo da "fiestra de Overton" na que se emprega a polémica como unha estratexia de comunicación. Así unha idea que a sociedade a ten por inconcibible pode pasar ao campo de debatible (o SMI paga IRPF?) cando aparece outra opinión máis radical (pagar menos impostos?). Centran o debate en que coa suba do 61% do SMI que leva feito este Goberno débese pagar impostos. Falouse sempre que o SMI debería acadar o 60% do salario medio, que agora é de 2.128 € brutos/mes, así o 60% sería 1.276 € brutos/mes.

O IRPF está obsoleto. As contribucións das rendas do traballo e das rendas do capital non están ben distribuídas. O debate é necesario. O que non está ben é o xeito de facelo neste momento con grandes problemas para quen menos gañan. Ademais vemos como se lle perdoan 1.500 M€ ás eléctricas. Desgravacións aos donos das vivendas de aluguer. Desgravacións polos coches eléctricos. Os bancos cada vez gañan máis polos cretos hipotecarios, que pide a xente de menos recursos, os ricos pagan en man. É certo que os que menos contribúen se benefician do estado social e de dereito, pero os que pagan máis e os que non contribúen como deben tamén se benefician. Como pasa co IRPF hai contradicións importantes como por exemplo as axudas da PAC ou as axudas para a renovación de fachadas (entre outras). Son para mellorar, para aforrar. Pero decláranse como un ingreso. Pola contra, cada vez máis, pedímoslle ao Estado máis cousas. Mellorar a sanidade, a educación, a axuda á dependencia, solucionar o problema da vivenda, etc.

A política fiscal é un instrumento ao servizo dun modelo político. Este debate débese levar á poboación, hai que explicalo ben. Hai que dar resposta a varias preguntas. Quen paga e quen non? A partir de canto se paga o IRPF? Ata canto se paga? E, sobre todo, a pregunta máis importante: "para recibir que?". Hai que deixar ben claro as fiscalidades do traballo e o capital. Débese facer pedagoxía e explicar porque é bo pagar impostos, mais a pedagoxía fiscal, como a xustiza fiscal, debe comezar por riba e non por abaixo. Vivimos nun estado constitucional de dereito no que hai que repartir esforzos, a Constitución Española (CE) no artigo 31 di: "Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos dacordo ca súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto ...". Non entendo o gratis total como a do transporte, sexa cal sexa a renda. Ou no caso de Galicia a gratuidade universal da matrícula universitaria.

O debate fiscal debería ser Pacto de Estado, pero con este PP é imposible conseguilo. Colle a bandeira da defensa da exención do IRPF no SMI, cando sempre se opuxo. Non debe gañar o relato dunha cousa na que sempre estiveron en contra. Desmontar as palabras mentireiras de Feijóo no Parlamento de "se quedan con la mitad de lo que van cobrar" ou "Hacienda se lo lleva todo". Lembremos a Francisco Fernández Ordoñez, ministro de Hacienda cando en 1978 presentou o (gran) slogan de "Hacienda somos todos". Feijóo non ten mensaxe política, esta ao axexo, agardando que o goberno o faga mal, el non fai propostas. Debe ter coidado co de non facer nada e agardar, non vaia a rebotarlle como contaba Andrés Torres Moura, xefe do gabinete de Jose Luis Rodriguez Zapatero que dixo: "Na vida política, quen pon as súas esperanzas nas dificultades do contrario equivócase, porque as perdas do contrario non se converten automaticamente en beneficio propio."

Como acabará isto? Pois como sempre neste goberno de coalición. Negociando para non mancarse. Vai haber acordo de que o SMI tribute. Darán explicación sobre a necesidade pedagóxica de pagar impostos. Oiremos falar "tipos marxinais", de "redución de rendementos do traballo" e "de mínimos exentos". O SMI vai tributar, pero menos do que se fala agora. Maria Jesús Montero, ministra de Hacienda, e cabeza de lista do PSOE en Andalucía xógase moito, para o ano que ven teñen eleccións, e alí son moitos os que cobran o SMI.