Nin Rueda, nin Feijóo non saben andar aos niños, asáñanos

03 de febrero 2025

"Cando a Candeloria chora a metade do inverno vai fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro". (Refrán Popular)

"Cando a Candeloria chora a metade do inverno vai fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro". (Refrán Popular)

Celebrouse onte o día da Candeloria, ou día das Candeas. Este día é o cambio de estación, na agricultura tradicional, co que iso significa nun mundo agrario no que o aumento da luz no día é moi importante para traballar. A orixe, din os estudosos, é anterior á chegada do cristianismo, relaciónana cunha das catro grandes festividades do ano celta: o Imbloc. Como pasou con moitos ritos a igrexa integrouno asociando á Purificación da Virxe María (A Luz).

Para os que nos criamos en aldeas , ou en vilas pequenas, Candeloria é día no que se "casan os paxaros". Xa non se podían por gaiolas para collelos, nin cazalos. Comezaba a época de andar aos niños. Seguíamos aos paxaros ata atopar o niño. Unha vez que sabía dun niño gardabas o secreto, non llo dicías a ninguén. Dicíamos cantos niños "tíñamos", o que nunca dicíamos era onde se atopaban. Íamos miralos ao axexo cada pouco. Ca posta dos ovos distanciábamos as visitas, non había que molestar. Ao saír os paxariños do ovo non se nos ocorría remexer no niño. Había dous motivos. O primeiro era que nos dicían que os paxariños podían contaxiarnos a tiña, e caernos o pelo. A outra era que se asañaba o niño, ou o que é o mesmo os paxaros abandonaban o niño, dá igual si ten ovos ou paxariños, vanse e deixan todo.

Quedei parvo cando escoitei en FITUR ao alcalde de Madrid, Martinez-Almeida, falar de que os galegos éramos moi xenerosos e explicouno así: "Cuando se tuvo que elegir entre la candidatura de la Ribeira Sacra o del Paisaje de la Luz, la candidatura de la Ribeira Sacra tuvo la generosidad infinita de entender en ese momento de que era una candidatura más madura la que teniamos en Madrid. Si no hubiera sido por ese gesto hubiera sido imposible que UNESCO nos hubiese declarado a Madrid, como Paisaje de la Luz como patrimonio cultural". Zas, en toda a boca da cidadanía galega!. Agora Rueda, ao quedar co cu ao aire, intenta quitarlle lume á cousa. Di que a candidatura se retirou para perfeccionala e que as palabras de Almeida foron terxiversadas.Rueda, que antes de ir a FITUR fixo parada en Madrid, e para Madrid. Celebrou un acto titulado "Madrid, tengo algo que decirte," coa presenza de Almeida. Pediulle desculpas aos madrileños pola polémica dos "fodechinchos", aquela que xurdiu dun cartel nun bar. Asocia "fodechinchos" cos madrileños, cando sabemos que esta especie haina en todos os lados. A Rueda dinlle a palabra Madrid e sáelle xenuflexións servís. Non dubidou en retrasar o seu nomeamento de Presidente da Xunta de Galicia para asistir á voda de Martínez-Almeida, alcalde de Madrid. Non hai comparación entre a presidencia de Galicia e a voda do alcalde de Madrid. Vamos anda!

Alegreime moito cando en 2020 vin que se presentaba a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Como persoa a que lle gusta o románico sigo desde fai moitos anos á asociación O Sorriso de Daniel (http://osorrisodedaniel.blogspot.com/). Souben, xa daquela que esta asociación traballara moito pola candidatura. Souben das súas queixas por que a Xunta pasaba da cidadanía da Ribeira Sacra, que non se aproveitaban os verdadeiros valores do territorio, nomeadamente o románico, que non se atenderan as súas alegacións porque vían que o proxecto presentado era feble e mal artellado. Segundo esta asociación os encargados da candidatura ían tarde, mal e arrastro.

Ao final un informe do ICOMOS, órgano consultivo da UNESCO, (pódese consultar aquí:https://historiadegalicia.gal/2021/06/encoros-eolicos-avellentamento-ou-o-enfoque-relixioso-asi-rexeita-o-informe-do-icomos-a-ribeira-sacra/), páxinas 425 a 437), que avaliou, xunto con outros bens de todo o mundo, a candidatura da Ribeira Sacra. Entre outras cousas poñían que eran a incoherencia entre o proxecto galego, que presenta a Ribeira Sacra como unha paisaxe de raíz monacal, e a realidade da actual paisaxe dominada polos encoros e ameazado por canteiras, eólicos, lumes ou un turismo non controlado. A conclusión era clara, recomendaba, literalmente, non inscribir no Patrimonio Mundial a candidatura galega (Recommendations with respect to inscription. ICOMOS recommends that Ribeira Sacra, Spain, should not be inscribed on the World Heritage List). En vez de corrixir os erros retirouse a candidatura porque o pediu Madrid, nós xa tíñamos varios Patrimonios Mundiais, Madrid ningún. Xenerosos que somos — Martinez-Almeida dixit.

Este ano en abril o Consello de Patrimonio Histórico Españolacordou que a candidatura da Ribeira Sacra sexa presentada de novo ( https://turismo.ribeirasacra.org/gl/novas/ribeira-sacra-de-novo-candidata-a-patrimonio-da-humanidade ) aínda que non se presenta como antes senón que vai como Paisaxe Cultural da Auga da Ribeira Sacra. Está centrada na "xestión da auga". Para botarse a rir se non fora que é certo. O informe de ICOMOS de xullo de 2021 xa manifestaba o "dano dos encoros no Miño e Sil" e do "mal dos eólicos". No se fixo nada. Volven a repetirse os males da primeira candidatura, tarde, mal e arrastro e sobre todo non contan ca cidadanía. Na Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) valoran "negativamente que a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial por presentala en FITUR antes de ser coñecida polas comunidades do territorio, non foi compartida coas asociacións que participaron en encontros promovidos o ano pasado". Os socios de FEARS din que "a Xunta dá por feito que o territorio apoia a candidatura, cando o proceso participativo foi limitado" e que "a iniciativa non vai solucionar problemas estruturais , advertindo que non hai plans para xestionar o posible aumento do turismo".( https://xornaldelemos.gal/movementos-sociais/67801-a-federacion-de-asociacions-da-rs-laiase-da-falta-de-transparencia-da-candidatura-a-patrimonio-mundial/ )

É moi triste ver que a deixamento dalgunhas persoas non declare Patrimonio Mundial o "románico da Ribeira Sacra" que xunto ca "viticultura heroica" son o valor máis importante con que conta toda esta comarca . Comentan os do Sorriso de Daniel que Castela e León andan mirando de preparar unha candidatura do "románico palentino". Eu desfruto dese románico cando vou por alí, mais vexo que sería unha candidatura moi semellante á Ribeira Sacra, no canto do románico. No Sorriso de Daniel, que diso saben, din que ao ICOMOS non lle gusta que haxa dúas cousas similares. Que pasaría si coinciden na presentación? Como somos "moi xenerosos imos retirar a candidatura porque o goberno da Castela e León "é goberno amigo"?

Feijóo antes, e Rueda agora son coma os nenos das cidades que nunca viron un niño. Non para ata tocalo. E pasa o que pasa, asaña. É o que fan na xestión do país. Non lles gusta que a cidadanía participe. Non fan caso a quen sabe. Ter o goberno non faculta a facer o que lle peta a un. A democracia é participación. Mais vexo que o desta xente é como o de Trump desmontar o feito ou criticar as propostas, eles son os de "polbo animal de compañía". Así asañamos o País. Tocaron o idioma e asañárono. Tocan a cultura, o medio ambiente, a paisaxe e pasa o mesmo. Teño poucas esperanzas nesta nova presentación da candidatura da Ribeira Sacra visto o visto. Estamos en mans de asañadores que nunca andaron aos niños.