Estamos maleducando os nosos fillos?

25 de mayo 2026

Andrés Núñez Rajoy afirma que estamos esquecendo que a educación e o respecto son responsabilidades compartidas, pois moitos pais sobreprotexen os fillos e impiden que aprendan as normas básicas de convivencia

Viña o amigo Antón enfadado. Ultimamente parece o seu estado normal. No ascensor do seu edificio—contoume— entrou unha adolescente que non saudou ao entrar. El, con toda naturalidade, díxolle: "Bos días, é de ben educados saudar", a nena calou e non dixo nada. Unha norma de convivencia elemental. Porén, pola tarde, chamaron á súa porta. Era o pai da nena, indignado. "Quen é vostede para dicirlle nada á miña filla, quen se cre para corrixir á miña filla?", preguntoulle con malos modos. Engadiu que a nena (14 anos) se puxera a chorar, que non quería ir á clase, e que ninguén tiña dereito a reprendela. Antón quedou abraiado e con cara de parvo. Non pola reacción da rapaza, senón pola do pai. Era a primeira vez que lle ían rifar á súa casa e, por riba, sen razón. Calou, entrou na casa pensando que a nena non quería ir á clase e el era a súa desculpa e, pechou a porta .

Onde quedou aquel tempo no que a educación era unha responsabilidade compartida? Cando un adulto advertía, educadamente, a un neno dun comportamento incorrecto, non se vía como unha ofensa, senón como unha mostra de interese, de coidado, de comunidade. Hoxe, porén, moitos pais actúan á defensiva, coma se calquera comentario cara ao seu fillo fose unha agresión persoal. Estamos mal-educando os nosos fillos? Non se trata só de cortesía, senón de valores sociais. Estamos educando nenos e adolescentes nunha burbulla de dereitos sen deberes, de autoestima sen autocrítica, de protección sen límites.

Durante anos repetíusenos a importancia de fomentar a confianza e o benestar emocional dos fillos. Mais, ao longo dese proceso, moitos pais confundiron acompañar con sobreprotexer. Hoxe hai rapaces que non toleran unha corrección, que interpretan calquera "non" como un ataque persoal. E o problema non é deles, senón de quen lles ensinou. A educación non é só un asunto de afecto, senón tamén de normas. Saudar, pedir desculpas, dar as grazas ou escoitar cando outro fala non son xestos baleiros: son as bases da convivencia. Cando non existen, o que queda é o individualismo, o desinterese polos demais.

Psicólogos e educadores coinciden en que a ausencia de límites xera inseguridade, non liberdade. Os nenos necesitan saber que hai normas, que os seus actos teñen consecuencias e que non todo se resolve coa queixa ou co berro. Cando un pai defende cegamente ao seu fillo fronte a calquera observación externa, non o está protexendo: está quitándolle a oportunidade de aprender. Cando un adulto cala ante unha falta de respecto, tamén está educando, pero está educando mal.

Sei que a infancia e a adolescencia de hoxe non son as de antes. Mais o respecto, a responsabilidade ou a empatía nunca pasan de moda, son valores atemporais e universais. Temos o deber de protexelos e transmitilos. Ensináronme que a educación é, por definición, un esforzo compartido. A escola ensina, pero a casa forma. E a rúa, o barrio, a comunidade tamén deberían ter un papel. Se queremos lograr un desenvolvemento integral dos nenos debemos traballar en sintonía Escola-Familia-Comunidade. Se non o facemos, acabaremos convivindo cunha xeración de individuos que non saben convivir e con peor formación.

Quizais aínda esteamos a tempo de rectificar. Quizais só faga falta volver a ensinar o valor dun "bos días", dun "desculpa", dun "grazas" ou dun "perdoa". Pequenos xestos que fan grandes persoas.

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora