A derradeira lección que algúns aínda non aprenderon

29 de junio 2026

Andrés Núñez Rajoy critica a líderes do PP de Galicia por utilizar politicamente a obra de Castelao e esquecer o seu verdadeiro significado

Hai aprendizaxes que nacen na escola e outras que se maman na casa. A finais dos anos setenta, daba clases no Colexio Rural Dubra, en Negreira. Os martes reuniámonos mestres das unitarias, do grupo escolar e do propio colexio para debater sobre novos métodos, sobre como motivar o alumnado e entender as súas actitudes. Había estudantes aplicados, despistados, brillantes ou preguiceiros. Pero todos coincidiamos nun perfil especialmente difícil: os que chegaban coa lección aprendida da casa. "Meu pai di que non é así", repetían, incapaces de aceptar calquera evidencia que contradixese o discurso familiar.

Esa imaxe regresa inevitablemente estes días ao contemplar a polémica arredor de A derradeira leición do mestre, de Castelao. Dá a impresión de que determinados responsables políticos do PP galego continúan actuando como aqueles alumnos: saben que a realidade histórica é outra, pero prefiren repetir o relato que herdaron. Non se trata dun descoñecemento inocente, senón dunha maneira consciente de descontextualizar os feitos, manipular símbolos e retorcer a memoria colectiva.

Non é algo novo. Xa aconteceu coa chegada dos restos de Castelao a Bonaval. Cumpriuse o trámite institucional, fíxose a fotografía e, despois, chegou o esquecemento. O importante parecía ser o impacto da imaxe, non o compromiso coa súa obra nin co seu pensamento. Esa política da fotografía continúa plenamente vixente. En 2018, Alberto Núñez Feijóo cualificou o cadro como un símbolo da defensa da educación fronte ao fanatismo e chegou a afirmar que Galicia era, en boa medida, a que soñara Castelao. As críticas obrigárono a rectificar, aínda que o fixo con evidente desgana. Foi unha rectificación pequena, insuficiente e pouco convincente.

Agora, coa nova presenza da obra en Galicia, repítese o mesmo patrón. O presidente Alfonso Rueda recorre á equidistancia e introduce conceptos como un suposto "fascismo de esquerdas", confundindo deliberadamente vítimas e verdugos. Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, define a pintura como unha obra "emocionante", pero reduce o seu significado a unha etapa de "separatismo, enfrontamento civil e confrontación", chegando incluso a establecer paralelismos coa situación política actual. Un discurso que encaixa perfectamente no argumentario que chega desde Madrid.

Os representantes do PP de Galicia non teñen dereito a falar de Castelao e Bóveda cando os feitos mostran o seu desprezo, negándose e opóndose a calquera proposta que se faga sobre eles. No Parlamento Galego negáronse a:

  • Recoñecer o 17 de agosto, día do asasinato de Bóveda, como Día de Galicia Mártir.

  • Recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia.

  • Catalogar e difundir a obra de Castelao.

Cómpre recoñecer, fronte a todo isto, fronte a este intento de manipulación, a dignidade de Amalia Bóveda e a súa familia. A derradeira leición do mestre non é unha simple peza artística nin un decorado para fotografías institucionais. É unha denuncia contra o fascismo, unha homenaxe ás vítimas da represión e un símbolo da Galicia que defendeu a liberdade, a cultura e a democracia.

Algúns teñen que volver á escola para estudar e aprobar a materia pendente: a verdade e a democracia. Que falta fai a educación para a cidadanía!