“Pediludus Coniungit Mundum” (“O fútbol move o mundo”).Gravado na base da Copa do Mundo de Clubes.
Levamos semanas instalados no espectáculo permanente. Primeiro foi Bad Bunny, Benito Antonio para os amigos, convertendo cada aparición nun acontecemento mediático. Logo chegou a visita papal, entre bendicións, discursos e fotografías oficiais, ficando todos contentos, agás os que máis merecían o seu apoio e comprensión, as vítimas de abusos sexuais dentro da Igrexa. E agora tócalle a quenda ao fútbol. Se non empachamos ca música nin co Papa, quizais acabemos saturados de balón, polémicas e titulares. Ao final, os tres fenómenos teñen algo en común: os seus seguidores buscan unha figura mesiánica á que admirar.
Lémbrome perfectamente das corrupcións da FIFA. As imaxes da policía entrando no hotel Baur au Lac de Zúrich para deter delegados durante un congreso da FIFA quedaron gravadas na memoria colectiva. Durante catro décadas, Sepp Blatter construíu unha organización rica e poderosa, pero tamén profundamente cuestionada pola súa corrupción. A investigación criminal puxo fin a carreira de Blatter e tamén a do seu herdeiro Platini. Foron acusados de falsificación e fraude, mais logo foron absoltos. Así comezou a era de Gianni Infantino.
O fútbol move paixóns, pero tamén cantidades inmensas de diñeiro. Resulta paradoxal que a FIFA continúe definíndose como unha organización sen ánimo de lucro mentres os seus dirixentes viven rodeados de privilexios. Hoteis de luxo, voos en primeira clase e reunións constantes convertéronse na norma. Infantino levou esa dinámica un paso máis alá. A FIFA pasou dunha estrutura marcada pola corrupción a outra dominada polo personalismo. A súa megalomanía quedou simbolizada no novo trofeo do Mundial de Clubs. Gravada en ouro de 24 quilates xunta á inscrición latina “Pediludus Coniungit Mundum”(“O fútbol une ao mundo”) aparece, non unha senón dúas veces, a sinatura e o nome do propio presidente da FIFA. Un detalle revelador da dimensión que adquiriu o culto á personalidade.
Porén, a realidade contradí o lema. Mercamos o mundial de Rusia con Putin, tragámolo e quedamos aparvados. Pasamos a Catar, e vimos os seus horrores dun mundial construído sobre os osos do traballo forzado. O fútbol mundial enfróntase agora a un torneo organizado nun contexto de crecente polarización política e social. Prohiben a membros da FIFA asistir, como o árbitro somalí ou a selección de Irán. Xa se sabía que podía pasar. É unha clara mensaxe de Trump falando á súas bases, ao MAGA. Non nos enganemos, así é como se ve o illamento dos EEUU desde dentro, un xeito de convencer á parroquia local de que os demais son o inimigo, de que “os de fóra”(maiormente racializados) son o maior problema co que se enfronta o país construído por inmigrantes e máis rico do mundo.
A promesa de unión convive cun escenario marcado por conflitos internacionais, restricións migratorias e discursos excluíntes. O deporte que debería servir de ponte entre pobos corre o risco de converterse nun escaparate de intereses políticos e económicos. Pero no lugar de indignarse ou demandar reparacións o mundo organiza, a través do autoproclamado “rei do fútbol”, organiza unha festa no patio de atrás de Trump. Infantino presenta esta Copa do Mundo como a culminación da súa obra. Quizais o sexa. Pero tamén pode converterse no momento en que a FIFA descubra os límites da súa propia ambición. O fútbol sobreviviu aos escándalos, ás corrupcións e ás guerras de imaxe. Probablemente tamén sobreviva a esta etapa. A cuestión é saber en que condicións.
Porque, ao final, a gran pregunta segue sen resposta. Ata onde pode estirarse o fútbol antes de romper o vínculo emocional que o converteu no deporte máis universal do planeta?