O granito galego que sostén a Sagrada Familia

08 de junio 2026

Andrés Núñez Rajoy sinala que a Sagrada Familia de Barcelona, ademais de ser un fito arquitectónico, leva impresa unha pegada galega grazas á participación histórica de canteiros, empresas e granito de Galicia

Ando estes días por Cataluña, nunha desas viaxes que xa forman parte da tradición familiar. Vimos varias veces ao ano visitar aos fillos e aos netos e neta. E, como sempre, hai dúas paradas obrigadas: unha visita á Sagrada Familia de Barcelona e outra ao Delta do Ebro para comer arroz e contemplar os paxaros.

Nesta ocasión, a visita ao gran templo de Gaudí tiña un significado especial. No pasado mes de febreiro rematouse a instalación da torre de Xesús, que acadou os 172,5 metros de altura, convertendo a Sagrada Familia na igrexa máis alta do mundo. Un fito arquitectónico e simbólico que marca unha nova etapa nunha obra iniciada hai máis de 140 anos. Vese que está todo preparado para a visita do Papa.

A miña relación coa Sagrada Familia vén de lonxe. A primeira vez que subín ás súas torres foi no ano 1972, durante unha viaxe de estudos do instituto de Padrón. Daquela, o que máis me sorprendeu foi a grandiosidade do templo, mais tamén escoitar falar galego entre os obreiros que traballaban na pedra. Eran canteiros chegados desde Galicia, herdeiros dunha tradición milenaria que acabou deixando unha pegada profunda na construción do monumento máis universal de Cataluña.

Nave central da Sagrada Familia na que traballou Manuel Mallo
Nave central da Sagrada Familia na que traballou Manuel MalloAndrés Núñez Rajoy

A historia da Sagrada Familia tamén se escribe en galego. Foron moitos os canteiros e empresas galegas que participaron na súa construción. O granito de Galicia converteuse nun material esencial pola súa resistencia, dureza e beleza. Na construción do templo empregáronse uns cincuenta tipos de granito. Variedades de granito galego como Silvestre Moreno (das canteiras de Guitiriz), Silvestre Fino (de Rodeiro, Barbanza e Parga) ou Moreno Rabal (da Gudiña) forman parte das estruturas do templo, contribuíndo á súa estética monumental e garantindo a súa conservación durante séculos.

Se hai un nome que simboliza esa contribución galega é o de Manuel Mallo Mallo, nado en Teo en 1923. Cando eu estudaba a carreira en Lugo el era profesor de escultura na Escola de Artes e Oficios de Lugo, da que logo sería director. Aínda non tiñan edifico estaban, de prestado, na Escola de Enxeñería Técnica Agrícola. A aula de escultura estaba enfronte da aula de debuxo onde eu tiña clase, subíamos xuntos, ás veces, as escaleiras ata o terceiro andar, logo cada un para a súa porta . Mestre canteiro, tiña o taller en Begonte. Alumno de Asorey en Santiago foi un dos responsables de dar forma ao impresionante “bosque de pedra” da nave central. O seu traballo permanece no corazón do templo, nese espazo onde as columnas se elevan como árbores minerais sostendo a luz e o silencio. Manuel Mallo foi un dos grandes mestres canteiros da última gran catedral europea en construción.

A achega galega continúa tamén a través de empresas especializadas como PCM Granitos Moldurados, fundada en Lugo en 1992. Desde o polígono do Ceao saíron numerosas pezas destinadas á Sagrada Familia. O labor minucioso da compañía, que traballa tanto granito galego como pedra procedente doutros lugares de Europa de xeito milimétrico, chegou mesmo a chamar a atención de National Geographic, que lle dedicou parte dunha reportaxe sobre o templo.

Ao contemplar hoxe a silueta da Sagrada Familia recortada sobre Barcelona, resulta inevitable pensar que unha parte desa obra universal tamén naceu en Galicia. Nas súas torres, nas súas columnas e no seu bosque de pedra permanece, silenciosa pero firme, a pegada dos canteiros galegos.