Hai cousas que, de sempre, me custa moito entender. Unha dela é os 27 despedimentos que ten programados a multinacional Nestlé na planta de Pontecesures. Programar despedimentos cando a planta da beneficios e en épocas de máis carga de traballo como é de marzo a setembro, non se comprende. A porcentaxe de despedimentos tampouco se entende. Fálase dunha media do 7,5% en toda España. En Pontecesures é mentira, achégase a un 20%. O paradoxal da situación é que desde 2024 xa se amortizaron 13 prazas, unhas por prexubilacións e outras saídas pactadas. Agora din que 27, é dicir 40 despidos en dous anos.

O "gurú" Pablo Isla (exInditex) foi contratado para optimizar resultados, é dicir, gañar máis con menos xente. A conta de resultados de 2025 dálle a Nestlé unha ganancia de 2.894 M€, impulsado polo incremento das exportacións e as ventas nacionais. Cos despedimentos que pensa facer en España pretende gañar 270 M€ máis. A voracidade do gran capital. Enténdese menos que en oito anos investiran na planta 16 M€, para que? Pregúntase os empregados.

Medrei sabendo da fábrica de Nestlé. Traballan nela amigos e parentes. A planta de Pontecesures é unha das máis antigas no que a leite se refire. Comezouse a facer en 1938, inaugurouse no 1939. Nestlé púxolle o nome de Industria Lechera Peninsular S.A. (ILEPSA). Nas aldeas do redor tíñamos que tomar dúas decisións importantes. No fútbol ou o Celta ou o Coruña (Deportivo). No leite ou LARSA ou ILEPSA. Na miña aldea, Pazos, a metade levaba o leite a de Pilar A dos Labercos para LARSA e, a outra metade, a de Celia A Xalona para ILEPSA. O produto estrela desta planta foi, e segue a ser, o leite condensado "La Lechera" que desfrutábamos nunha rebanda de pan como merenda. Logo do ano 1983 convértese na única fábrica, do grupo Nestlé en Europa, Oriente Medio e Norte de África que se dedica á fabricación de leite condensado. Tamén "dulce de leite", "cocido de leite", "leite condensada con sabores (chocolate, café e pistacho)" e "leite condensado sen lactosa". Exporta o 70% da produción. En época de moito traballo como a produción para o Ramadán trabállese 24/7.

Houbo este sábado a manifestación, en Pontecesures, contra os despedimentos que pretende facer a multinacional Nestlé na planta desa localidade. Asistín, como non podía ser menos, por solidariedade con amigos e parentes que poden ser despedidos. Custa entender que nesta planta haxa despedimentos cando as programacións de traballo son as mesmas do 2025.
Manifestámonos por solidariedade e polo impacto negativo que vai traer nos concellos de influenza , Pontecesures, Padrón, Valga e Dodro. Había xente do todo tipo e condición. Víase a solidariedade da política. Estaban os alcaldes e alcaldesas do PSOE e BNG da comarca. A senadora do BNG Carme da Silva e deputado Luís Bará. José Ramón López Besteiro visitou a factoría o 7 de maio pedindo "diálogo transparente para garantir o emprego". O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso e no Senado para reclamar a intervención do Ministerio de traballo fronte ao ERE e "defender o emprego industrial actual en Galicia, así como actuacións contundentes por parte do Goberno ante un recorte inxustificable e inaceptable".
E Rueda, e os alcaldes do PP como Maneiro de Valga? Onde están? Preguntábase a xente. Había xente enfadada ca actuación do PP neste caso. Somos uns ninguéns—dicíame un señor moi maior xubilado de Nestlé—, nós non somos ALTRI, non lles importamos. É que Rueda —dicía outro— é amigo de Pablo Isla. Sexa como for a actuación da Xunta, con Alfonso Rueda ao fronte, deixa moito que desexar como quedou reflectido no "cónclave" de autobombo que fixo o sábado en Vigo onde parece que lle interesa máis falar mal de Pedro Sánchez que os problemas do País. A planta de Pontecesures é máis que unha fábrica. É xente, é comarca, é tradición, e tamén son máis de cen gandeiras e gandeiros que aportan os seu leite. En resumo é País no que entramos todos. Rueda non o sabe, o PP tampouco, o deles é Sánchez. Penoso.



Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.