Violencia de xénero no rural. O inferno multiplicado

19 de julio 2026

Marta Rodríguez Engroba afirma que a violencia machista no rural galego supón un inferno multiplicado polo illamento, a dependencia económica e a falta de medidas eficaces para as vítimas

Creo que podemos asegurar sen errar, ou, polo menos, non demasiado, que, a estas alturas, e malia ter sucedido hai tan só uns días, practicamente ninguén, se é que hai alguén, se lembra da muller brutalmente agredida pola súa parella en Cercedo Cotobade, que apareceu gravemente ferida no chan tras.....caer? por un balcón porque no que atinxe á violencia machista, a memoria é fráxil, moi fráxil, sobre todo se estamos a falar de mulleres anónimas, e, aínda por riba, coma neste caso, estranxeiras.

Mentres ela está ingresada na UCI, no hospital de Montecelo, loitando por salvar a súa vida, o seu agresor atópase en liberdade, cunha orde de afastamento, en calidade de investigado, e a obriga de comparecer os días 1 e 15 de cada mes.

Se esta muller logra sobrevivir ás graves feridas, e oxalá sexa así, tras abandonar o hospital, comeza para ela un novo pesadelo, xa que, case con toda probabilidade se vai atopar na rúa, sen un fogar ao que volver, dado que a parella convivía nunha casa propiedade da familia del, e o agravante de que a muller non fala español. Dito doutro xeito, a súa indefensión e o seu desamparo son totais. Un novo inferno lle agarda.

Isto nos leva a poñer o foco, unha vez máis, no que sucede cando unha muller, vítima de violencia de xénero, reside no rural, un eido no que a vida pode ser amable, onde a veciñanza pode chegar a ser algo así como unha "superfamilia", na que todos se axudan entre si, dunha calidade algo máis que digna de envexar, sobre todo pola tranquilidade, pero que, nalgunhas circunstancias, coma esta, na que a violencia de xénero fai acto de presenza, pode chegar a transformarse, para quen a padece, nunha trampa para cazar ratos da que a vítima non pode escapar.

O caso desta muller pode semellar ser moi extremo, pero, agás pola dificultade engadida do idioma, que non é, desde logo, unha cuestión menor, non o é tanto, sexamos realistas. Aínda son moi frecuentes os casos nos que a parella, tras casarse, ou decidir convivir, o van facer na casa da familia do home, na que ela vai ir asumindo tarefas que, co paso do tempo, irán en aumento, deixando moitas delas os seus empregos, e, porén, a súa independencia económica, xa que, con frecuencia, estamos a falar de familias cunha economía saneada, e a van convencer de que non ten necesidade ningunha de traballar porque "todo isto para vós vai ser", e ela, persuadida pola súa parella, acaba por ceder e a súa vida se vai centrar e limitar en adiante ao seu novo fogar, sobre todo se van chegando os nenos.

Todo vai ir ben.....se vai ben, vaia a redundancia, pero a cousa cambia se un bo día a violencia machista chega ao fogar. Naturalmente, é imposible que o resto da familia non acabe por decatarse, por moito que os episodios violentos se reserven para o dormitorio, pero tamén é máis que posible que, malia que así sexa, ou mesmo no caso de que a propia vítima llo conte, reciba apoio por parte deles, xa que, ao fin e ao cabo, trátase do seu fillo, mesmo que ás costas dela llo recriminen.

Posiblemente a sogra lle diga que sempre foi así, que os homes xa se sabe como son e que tamén a ela, coma a todas as mulleres, lle tocou no seu día aguantar, e que, despois de todo, eses episodios violentos non son para tanto, e que soamente suceden cando el toma uns viños de máis, algo "normal" nun home que se prece de selo, e que, ao fin e ao cabo, nin a ela nin aos nenos lles falta de nada. O sogro, se é que di algo, vai ser apoiando ao seu fillo e tal vez lle recorde aquilo de que "as mulleres de agora non aturades nada e queredes ser coma os homes".

Denunciar é algo impensable, pero malia que non fora así, chegar a facelo é case unha odisea, xa que a vítima non vai ter xeito de escapar, así, literalmente, da casa, nin, no mellor dos casos, de conseguilo, xustificar todas esas horas que implicaría o proceso, porque por mais que o explique na comisaría ou no cuartel, ninguén a vai escoitar. É o seu problema, e, xa se sabe que "o procedemento é así".

Tampouco sería raro que o seu home comparta horas de taberna, partidas, caza, pesca.....ou o que se tercie co comandante ou quen sexa do cuartel, co cal as súas posibilidades de éxito, de que a denuncia teña percorrido, van ser nulas.

Pola contra, o mais probable é que antes de que dea chegado de volta a casa, o seu home xa estea informado do seu intento e as represalias sexan aínda peores que o seu maltrato diario, tanto pola banda del coma da familia, que non llo van perdoar.

Eso por non falar do que pode pasar se o asunto transcende a veciñanza, que, en moitos casos xa está de volta e media, pero ninguén sabe nada, claro, e, xa se sabe, nos pobos nada hai mais letal que os rumores e os ruxe-ruxe

Tampouco o teléfono é unha solución. Primeiro, porque, case con total seguridade, o seu home llo controle, e segundo, porque, volvemos ao de sempre, aínda que, no mellor dos casos, conseguira pedir axuda, para que a denuncia sexa válida tería que acudir persoalmente. Pode aforrar o esforzo de explicar as súas circunstancias e a imposibilidade de facelo porque "o sistema é así".

Está totalmente atrapada. E, ademais, no máis que hipotético caso de que conseguira denunciar, a onde ía ir? Sen traballo, sen recursos económicos, sen casa, e, o máis importante, os seus fillos, que van ser a moeda de cambio coa que a ameacen.

Moito se fala do papel fundamental que teñen as mulleres do rural, e así é.

A pouco que nos descoidemos, achegarémonos ao 15 de Outubro, outro dos días D, xunto co 25 de Novembro e o 8 de Marzo, e, con él, outro escenario política e socialmente utilizado, con numerosos actos, pancartas, fotos e dándolles un protagonismo que vai durar o que dure o día, ou, con sorte, 2 ou 3 días mais, e xa está, porque da súa desprotección, da súa indefensión cando mais a necesitan, diso non se fala, ou tal vez si, pero e canto se vai facer, falar, porque solucións reais, alternativas que lles permitan saír a elas e aos seus fillos, dos seus cárceres de medo e de dor, non se lles van a ofrecer... e materializar, claro, porque falar e prometer é gratis.

En definitiva, a violencia machista é un inferno para todas nós, mulleres, pero para as do rural é ese inferno multiplicado por nin se sabe canto.

Asociación Si, hai saída

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora