O que importa é a vontade, crer no que se predica e levalo á práctica

28 de junio 2026

Marta Rodríguez Engroba defende que o importante é ampliar os puntos de apoio ás vítimas de violencia machista, mesmo coa integración das igrexas nas redes de protección

Estes días Zaragoza está a ser noticia no eido da violencia machista por ser a primeira gran capital en integrar as igrexas dentro das súas redes municipais de "espazos seguros" para a primeira acollida a vítimas de violencia de xénero.

De inmediato producíronse as primeiras reaccións, principalmente por parte dalgúns colectivos feministas, que critican duramente esta medida por tratarse, alegan, dunha institución historicamente patriarcal e cargada de estereotipos de xénero.

Por outra banda, o Concello argumenta que as igrexas non atenderán directamente as vítimas, senón que actuarán, sinxelamente, como puntos de escoita para, posteriormente, derivalas aos servizos especializados, e que, en ningún caso, van ser atendidas por curas, puntualizando, ademais, que os párrocos e voluntarios que presten a súa colaboración recibirán formación específica sobre violencia de xénero, se ben reiteran que o seu cometido é actuar como puntos de escoita, de acollida, pero, en ningún caso, de substituír aos profesionais pertinentes.

Acto seguido, un dos colectivos que rexeita de maneira tallante tal medida aproveita para expoñer toda clase de queixas sobre o trato que están a recibir, excluínte por parte do Concello, que non as apoian institucionalmente, que non dispoñen de local, etc., etc., etc., culpando disto ao partido que goberna no seu municipio.

E creo que, chegados a este punto, xa estamos a falar de fariña doutro costal, e se de algo sabemos en Si, hai saída é, precisamente, disto.

Vaia por diante que eu, persoalmente, teño, supoño que como todo o mundo, as miñas crenzas.

Creo en Deus, certo, pero para nada no máis que obvio gran negocio que é a Igrexa, pero esa é outra cuestión.

Trátase de que as mulleres vítimas de violencia machista conten con máis puntos aos que dirixirse para solicitar información ou axuda, o cal non quere dicir que, por tratarse dunha parroquia, as vaian a adoutrinar.

Por outra banda, un dos motivos principais que este colectivo alega é o carácter tradicionalmente machista, patriarcal e con estereotipos de xénero da Igrexa... Certo, si, pero non máis do que nos podemos atopar en moitas comisarías ou noutros organismos institucionais, supostamente expertos nesta materia, por moita formación que se lles imparta, porque isto é algo que se leva dentro, que nace e medra coa persoa, e que non hai curso nin formación que o asegure.

Como tampouco se pode afirmar rotundamente, por poñer outro exemplo, que o feito de que, cando unha muller acude a denunciar, a policía encargada de acollela e atendela sexa unha muller, asegure unha maior sensibilidade ou máis empatía que se se trata dun home.

Ese é outro estereotipo que non ten base ningunha e que, pola contra, en numerosas ocasións se dá de bruzos cunha realidade totalmente diferente.

Unha cousa é o que nos gustaría, outra moi distinta que se cumpra.

Como contrapartida, existen moitos policías, homes, cuxa sensibilidade e empatía superan con creces as de moitas mulleres.

Teñamos en conta, ademais, o que, a lo menos en Si, hai saída, nos 12 anos que levamos traballando con vítimas, nos demostra a experiencia, e que se unha muller que acode a informarse ou a denunciar se sente acollida, comprendida e protexida, o último que lle preocupa é se quen o está a facer é home, muller ou medio pensionista, e desculpádeme a ironía.

E, xa que estamos, outra pregunta máis.

Acaso o feito de que unha persoa, home ou muller, traballe nun organismo como a Casa da Muller e teña recibido unha formación en igualdade e violencia de xénero é garantía da súa sensibilidade, da súa humanidade e capacidade para poñerse na pel das vítimas?

Porque todos sabemos que, en demasiadas ocasións, os criterios, os requisitos, polos cales esas persoas ocupan determinados postos, son calquera agás xustamente eses, que deberían, obviamente, ser os primordiais.

Por non mencionar o feito, e con todo o respecto o dicimos, de que ese colectivo politice as súas queixas, non é precisamente un punto ao seu favor.

A prioridade son as vítimas, que conten cunha rede de apoio onde acudir para asesorarse, para pedir axuda, e unha parroquia non ten por que ser unha mala opción, todo o contrario.

Depende das circunstancias, da mentalidade desas mulleres... de moitos factores e, por suposto, da cidade da que se trate.

Hai algunhas nas que, sobre todo en determinadas zonas ou barrios, viven moitas mulleres ás que nas súas parroquias as axudan proporcionándolles outro tipo de recursos segundo sexa a súa problemática, mulleres en moitos casos sen emprego, con fillos menores ao seu cargo, e sufrindo, aínda por riba, o azoute da violencia machista.

Isto sucede, sobre todo, con moita frecuencia, no caso de mulleres estranxeiras, algunhas con profundas conviccións relixiosas, polo cal seguramente sexa máis doado para elas acudir, inicialmente, á súa parroquia en lugar de a unha comisaría ou a un xulgado.

Dito doutro xeito, non é, cremos, unha mala opción, e si un espazo máis onde se lles proporcione axuda.

Outra cousa é a quen se designe para prestarlla, e que se teñan en conta as necesidades reais das vítimas, e non se esas persoas son "amigas de..." ou "militen en...", algo que, por desgraza, sucede con demasiada frecuencia.

En definitiva, que unha parroquia preste a súa colaboración non ten, cremos, nada de malo, sempre que se respecte, por suposto, a liberdade das mulleres e se limite a cumprir co cometido que se supón que van ter, que é informar e asesorar.

Non se trata dunha catequese.

Que quen brinde o espazo para facelo leve colariño, sotana, uniforme ou camiseta lila é o de menos.

O primordial, reiteramos, é a vontade de axudar as vítimas, crer no que se predica e poñelo en práctica.

Asociación Si, hai saída