Fútbol e outras historias

06 de julio 2026

Andrés Núñez Rajoy analiza a paixón polo fútbol dende 1966 ata a actualidade, examinando o rendemento das seleccións no Mundial, o labor dos comentaristas e o arranque do Tour de Francia

Falei aquí o 15 de xuño da vertente económica do fútbol. Agora tócalle a paixón e tamén as lembranzas. A hora de escribir isto os seareiros españois xa respiran tranquilos, España eliminou a Austria (3-0). O luns Derby Ibérico España-Portugal. Se non fose pola preguiza que dá viaxar con tanta calor sería divertido ir a velo a Valença do Minho ou a Caminha.

O meu primeiro mundial foi o de Inglaterra 1966. Non tíñamos televisión. Íamos a taberna dos Labercos. A televisión branco e negro de 28 pulgadas, parecíanos moi grande. A televisión non definía ben, o fume dos cigarros creaba unha brétema. O que non se vía, intuíase. España perdeu ca Arxentina, ganaron a Suíza 2-1, marcaron Sanchís e Amancio. Logo eliminouna Alemaña Federal, o equipo que perdería a final fronte a Inglaterra con gol pantasma que moitos vimos e non vimos ao mesmo tempo. Lémbrome do pouco pelo de Luis Suárez e Bobby Charlton e do "pelaso" de Franz Beckenbauer. No xogo todos nos fixemos fans do portugués Eusebio. Tamén me lembro dunha anécdota de Amancio. Despois do partido contra Suíza entrevistaron a Amancio, preguntáronlle como marcara o gol e el respondeu: "me estiré y empujé el balon con el queso", diante da resposta de Amancio o periodista preguntou: "usted lleva un queso consigo?" Amancio díxolle:"el queso siempre va conmigo". Problemas da tradución simultánea. Lembranzas inesquecibles son a suorenta axila de Camacho na camisa azul claro, no Mundial de Corea do Sur-Xapón no 2002, e a cabezada de Zidane a Materazzi no Mundial de Berlín no 2006.

Neste Mundial destaca a "pausa para hidratación", ven para quedarse (xera ingresos), e para os adestradores é un tempo morto de tres minutos que dan para moito. Vemos por riba de todo o pulo que están collendo os equipos africanos que unhas veces eliminando, outras poñendo en apertos a seleccións "favoritas", demostran a súa calidade, só lles falta un punto de picardía. Moitas das "favoritas" non o eran tanto. No caso de Francia dúas palabras para definir o seu xogo "asusta" e "imparable", Didier C. Deschamps soubo arriscar con moitos dianteiros e está facendo un fútbol bonito, aínda que Paraguay case sorprende. Todos fomos Tubarões Azuis, todos fomos Cabo Verde, o soño parecía realidade. E España? Progresa adecuadamente. De la Fuente segue sen poñer ao Panda, parece que, a parte dos porteiros, vai ser un dos poucos que non participe en ningún partido.

Non me gustaría terminar o artigo sen facer referencia aos comentaristas dos partidos. Por unha banda este ano RTVE oferta a posibilidade de escoitar a transmisión en galego, a min gústame pero faime dubidar entre escoitalo en galego e perder a opinión e comentarios de Vero Boquete que o fai nas transmisión en castelán. Non é unha descoñecida como comentarista, sempre me gustou escoitala, vese como evolucionou a hora de falar. Desprende coñecemento do mundo do fútbol, con Vero Boquete non escoitas unha opinión, tamén aprendes de fútbol. Pola contra hai dúas cousas dos comentaristas que me xiringan bastante unha son os que se confunden, acotío, dos nomes dos xogadores ou das xogadas. Pola outra, e tamén para min moi molesta, son os, e as comentaristas, que berran moi alto facendo fincapé nas derradeiras sílabas como se eses berros deran máis verdade ao que describen. Ao que nos gusta o ciclismo desfrutamos co Tour de France, sesta incluída en etapas chás, que comezou este sábado en Barcelona cunha contra o reloxo por equipos coa vitoria do Tean Visma e poñendo de líder a Jonas Vingegaard . Desfrutade do Mundial e/ou do Tour e hidratádevos, fai moita calor.