Estaban alporizados os meus amigos de Sanxenxo. Son amigos do verán mais eles e elas son residentes todo o ano en Sanxenxo. Dinme que Telmo Martín puxo na súa contra algúns dos que lle votan, aos que xa non o votan, aos que nunca o votaron e, mesmo, aos abstencionistas. "Viches as chapuzadas que leva feito esta ano Telmo Martín? —di un— Levamos días falando, hoxe estamos aprendendo a andar por Sanxenxo co coche, cambiou a dirección de moitas rúas. Non fala con ninguén, non razoa, ten a idea e adiante". Cóntanme que houbo problemas ca balaustrada que quería poñer no novo miradoiro de Silgar, tamén co cambio de dirección do tráfico nalgunhas rúas, ca baixada ás praias en Canelas, ca ampliación do porto deportivo e a afección á praia da Panadeira e a praia dos Barcos e ca obra, eterna, do mercado municipal co seu "famoso" túnel.

O deseño de Telmo Martín, disque baseándose na normativa, ía ser de aceiro inoxidable e non de pedra como ata agora. Houbo movementos en contra e, agora, é unha chapuza ecléctica. Nin para uns nin para outros, unha balaustrada de pedra como a anterior pero un pouco máis alta e enriba un suplemento de aceiro inoxidable. "Telmo Martín ten un complexo, — di a amiga Rosa —non sei moi ben de que, pero teno, ten que demostrar que é arquitecto urbanista, enxeñeiro, experto en patrimonio, é todo e máis que se vosa ocorra, resumindo todo isto faino "por mis ghüevos" e, o peor é, que non hai quen lle leve a contraria. Ti que es de Pontevedra cando se presentou alí á alcaldía non quería soterrar toda a beiramar, pois iso".
Todos querían falar, mais houbo un que acertou cando me fixo a seguinte pregunta: "ti non tes o piso na zona do mercado municipal? Canto tempo leva esa obra? Seis anos? Como están as beirarrúas levantadas que a xente cae moitas veces? E o "famoso túnel" cumpre as normas a pendente que ten? Telmo fai todo cara o postureo de Silgar o resto non lle importa. Ese é o caso máis claro de pormigüevismo". Penseino, e ten razón, vivo alí e esa obra que non ten xustificación, modificou moito a vida dos que viven e dos que veraneamos aquí, non se da acabado nin arranxado para poder andar. Os propietarios desta zona somos, maiormente xubilados, xente maior, soemos estar todo o verán. Ir por esas beirarrúas provoca medo e caídas. A xente con andadores ou cadeiras eléctricas van abaneando. Xa van moitas caídas. Non importamos, so importa o IBI. Os beneficios xa se investirán en Silgar que é do que presume Telmo Martín.

Deixei aos amigos cos seus cabreos con Telmo Martín. Vou ver o miradoiro, sorpresa, mestura de pedras distintas e aceiro inoxidable. Non me atrevo a clasificalo de ecléctico, senón de chambonada. Granito de distintas cores que van do moreno ao gris, ao seu carón xistos de Ordes (pedra de Santiago), e enriba aceiro inoxidable. Soldaduras mal feitas e inacabadas.

Subo cara Punta Vicaño e forte cheiro a chapapote de asfaltado de poucos días. Sinto rosmar ás miñas costas: "Mucho coche, mucho buscador y mucha mierda que no eres capaz de acercarnos al hotel" — dille unha muller maior ao seu esposo, suando e cargando cadansúas maletas de Louis Viutton costa arriba polo asfalto quente, cara o Hotel Sanxenxo. Agora entendo o que me dicían de aprender a andar en coche por Sanxenxo, os buscadores non están actualizados.
Lembreime que no programa El Intermedio había unha sección onde o experto en estudos urbanos Erik Harley falaba do "falso" movemento arquitectónico chamado "pormishuevismo", que viña da expresión "por mis huevos". Obras sen sentido nin xustificación que nunca foron consultadas cos veciños e que ou non se acaban ou non teñen sentido de utilidade.
E os "ghüevos"? Pois parece que hai moitos, polo menos 17.000. Van facer a tortilla máis grande do mundo en Sanxenxo. Será por "ghüevos"?
Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.