MUFACE, dereito ou privilexio? -  II

27 de enero 2025

"La salud tiene un coste, pero no tiene precio" (Ernest Lluch)

Sei, por que así mo dixeron, que non lles gusta miña opinión sobre MUFACE algúns dos seus mutualistas que me leron en PontevedraViva. Teño claro que  perder un privilexio é difícil de asimilar. Mais para min, si alguén ten un dereito que lle dá a administración, que eu manteño cos meus impostos, e si deses dereitos eu non os desfruto, iso non é un dereito, é un privilexio.

Prometín no artigo anterior falar das aseguradoras que teñen convenio con MUFACE. Houbo unha evolución no tempo de distintas compañías. Xa non están Caser, Mapfre ou Sanitas. Agora as que estiveron ata a última citación foron DKV, Adeslas e Asisa. Mire por onde mire o único que vexo por todos os lados son palabras que falan de "perdas", "non compensa" e outras similares. O paradoxal, e sorprendente, é que queixar quéixanse moito máis non presentan, nin aportan, ningunha evidencia de custes para solicitar un incremento da prima.

Aínda así e todo o goberno comezou cunha primeira licitación cun incremento do 17,1% e as aseguradoras que estaban Adeslas, Asisa e DKV dixeron que non se ían presentar, que perdían moito diñeiro.  Agora o Goberno presentou outra licitación que aporta en total 4.478 millón de euros, ou o que é o mesmo, un incremento da prima nun 33,5%. Seguen a queixarse de que non chega. No caso de DKV a súa esixencia é que a prima se eleve nun 40%. Esta licitación tiña que terminar hoxe 27 de xaneiro ás 10 da mañá. Co artigo xa escrito teño que facerlle este engadido que sae nos xornais do domingo: "O Goberno suspende a presentación de ofertas a MUFACE para cambiar a licitacións". Como vemos non só é a continuidade dun modelo ineficaz, senón que mantén un sistema que favorece ás grandes aseguradoras, e isto fai que inchen o peito por ese privilexio e así presionan ao Estado e, como vemos este cede.

Das tres compañías que prestan servizos a MUFACE, DKV (grupo ERGO, a súa vez forma parte do grupo Munich RE, a compañía de reaseguros máis grande do mundo), Adeslas, co nome de Segur Caixa Adeslas (Mutua Madrileña e VidaCaixa, filial aseguradora de Caixabank) que só teñen intereses económicos moi claros de ganancias con mínimo risco. Só Asisa ten un contido e obxetivos distintos. Asisa ten como único accionista a cooperativa de médicos Lavinia, S. Coop. Esta cooperativa "sen ánimo de lucro" implica non ter que repartir dividendos, ou o que é o mesmo non ten accionistas que os estean apertando, como lles pasa as outras aseguradoras. Asisa ten  máis de 8.000 médicos cooperativistas, 18 hospitais e 38 centros médicos (https://laviniascoop.com/). Asisa ten a súa actividade en Andalucía , Murcia, Albacete, Alicante, Valencia Zaragoza, Lleida e Madrid. O que pode supor un problema noutras comunidades no caso que se presente ela soa. De non saír o acordo con MUFACE poden pechar clínicas e hospitais, polo que se xoga moito.

 Segundo a  Federación de Asociacións na Defensa da Sanidade Pública (FADSP) "este modelo non só é anacrónico, senón que alimenta unha privatización encuberta, onde as aseguradoras multiplican as ganancias, mentres os recursos públicos destínanse a soster un sistema que beneficia máis ás empresas que aos mutualistas". A FADSP di que as aseguradoras ganaron, en 2023, 1.500 millón de euros, dos que o 17% ven do mutualismo administrativo. Sorprende ver que os sindicatos tradicionais nun acto de auténtica contradición sindical da igualdade dos traballadores, como CCOO e UGT, reivindican o mantemento da sanidade privada dos traballadores públicos. Mentres as denuncias pola precariedade de MUFACE van incrementándose. Segundo  a CSIF, sindicato de funcionarios afín á dereita e a privatización da sanidade para os funcionarios, nos derradeiros meses rexistráronse retrasos e suspensións das citas médicas. O ministerio responsable da función pública manifesta que "no que levamos de 2024 presentáronse 3.100 queixas, e en 2023 foron 2.900.  Aquí tamén saíron nos xornais queixas de mutualistas por problemas de atención médica. Desgaste de modelo?. Coa boca pequena as aseguradoras falan de que o que lles interesa é se se siga deteriorando a sanidade pública e así poder ter máis seguros complementarios privados. Vemos como este tipo de seguros aumentan polo deterioro da sanidade pública, especialmente en comunidades gobernadas polo Partido Popular, e entre elas destaca Madrid. Aquí tampouco estamos para tirar foguetes, aínda que hai menos seguros médicos complementarios que en Madrid, o tempo de agarda para unha cita médica de primaria, que é a medicina fundamental para unha boa sanidade,  está por riba dos oito días, o que leva a que moitas enfermidades xa estean avanzadas cando vas ao médico.

A medicina privada non para de facer manifestacións en contra da desaparición de MUFACE, mais sempre dicindo que se debería incrementar a aportación do Estado. Vemos como a  patronal da sanidade privada Alianza de la Sanidad Privada Española (ASPE)  (https://www.aspesanidad.es/ )acusa ao goberno de "querer provocar, adrede, a desaparición de MUFACE co conseguinte colapso definitivo e irresponsable da sanidade pública". Ao mesmo tempo o lobbi do sector sanitario privado a Fundación IDIS (https://www.fundacionidis.com/ ) tamén ven ameazando: "O equilibrio do noso modelo sanitario baseado na provisión pública e privada vai facer que o desprazamento dese medio millón de funcionarios á sanidade pública impacte de forma directa sobre decenas de hospitais —sobre todo en provincias— que teñen unha porcentaxe de actividade moi dependente dos funcionarios, que se van a ver obrigados directamente ao peche". Non deixa de ser sorprendente que no informe desta fundación sobre o mutualismo que se titula "Impacto de las mutualidades en el Sistema Sanitario" aparezan como referencias seudomedios de información, creadores de bulos, "fakes news" ou noticias falsas como The Objetive ou Vozpópuli. Non teñen outros medios de referencia?.

Pola contra hai que lle ve beneficios como o grupo QuirónSalud, do grupo alemán Fresenius, manifesta que "haberá zonas nas que non teñamos problemas e, noutros sitios algúns servizos poderán notarse máis que outros". Este grupo recibe cada ano centos de millóns de cartos públicos da Comunidade de Madrid cos convenios que ten. Saben que se non houbera convenio de MUFACE moitos dos funcionarios que pasen á sanidade pública acabarían nos seus centros a través de derivacións ou concertos. Hai que lembrar que un dos problemas xudiciais de máis sona neste intre coa parella de Ayuso esta asociado ao grupo Quirón.

O que está en xogo é o modelo, e nós preguntarnos : Debe o Estado seguir subvencionando este modelo con diñeiro público, con moitos beneficios para as grandes aseguradoras, cando se está descompoñendo a sanidade pública porque cada vez ten menos recursos?. O conflito é máis que económico, tamén entra a ideoloxía. Por unha banda as organizacións en defensa da sanidade pública din que é perpetuar un modelo ineficaz e desigual para a cidadanía, aquí tamén se sitúa o Ministerio de Sanidade que defende integrar aos funcionarios no Sistema Nacional de Saúde (SNS). Pola outra banda os sindicatos (algúns), as aseguradoras e o PP, que aproveita para defender o seu modelo de Sanidade (véxase Madrid) e dar leña ao Goberno.

MUFACE segundo a lei de Sanidade, de Ernest Lluch, debía de estar integrado no SNS, mais leva xa un tempo excepcional, demasiadas prórrogas para este partido que nunca acaba, mentres se inxectan cartos públicos para beneficio das aseguradoras privadas.

Remato coa frase do secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, que para este caso é do máis acaído: "Os que xestionan o público deben ser atendidos na sanidade Pública".