Saudar coches nos pasos de peóns

27 de abril 2026

Viña da escola, como todos os martes e xoves, ca miña neta Uxía. Fixemos o xesto de pasar no paso de peóns que hai na Rúa do Padre Gaite fronte ao Centro de Tecnificación Deportiva, parou un coche e fíxenlle un aceno á condutora. Uxía preguntoume: coñecíala, avó? Non, isto ten varas explicacións —díxenlle—. Conteille que cando era pequeno nas vilas non había pasos de peóns. Nas cidades había poucos. Pouco a pouco fóronse pintando máis no chan, pero os coches non paraban. Aos que paraban agradeciámosllo detalle facéndolle un saúdo.

Unha escena tan cotiá como unha persoa maior que se achega a un paso de peóns, o coche para e, antes de cruzar, a persoa levanta a man ou inclina un pouco a cabeza en sinal de agradecemento. Este pequeno xesto, case automático, encerra moito máis que unha simple cortesía. Para moitas das persoas maiores, o acto de saudar responde a unha educación baseada en normas sociais moi marcadas. Medramos nunha época na que o respecto e o agradecemento se expresaban de xeito explícito e visible. Dar as grazas non era opcional, senón unha forma de recoñecer os esforzo ou a atención do outro. Aínda que hoxe deterse, nun paso de peóns é unha obriga legal, algunhas persoas percibímolo como un favor persoal.

Pasos de peóns na Rúa Amado CarballoAndrés Núñez Rajoy

Tamén inflúe a percepción de risco. Coa idade, cruzar unha rúa pode xerar máis inseguridade: menor axilidade, problemas de visión ou audición, ou sinxelamente unha maior conciencia do perigo. Cando un condutor se detén, non só cumpre coa norma, está a ofrecer unha sensación de protección. O saúdo, neste sentido, é un xeito de aliviar esa tensión e recoñecer a consideración recibida. Ademais, ese xesto funciona como unha pequena ponte entre descoñecidos. Nunha sociedade cada vez máis rápida e impersoal, levantar a man, asentir coa cabeza ou sorrir humaniza o momento. É un xeito de dicir "xa te vin" e "valoro o que fas", aínda que apenas dure uns segundos.

Curiosamente, este costume, tamén revela un choque xeracional. Mentres algúns condutores mozos poden ver ese saúdo como innecesario —"é a miña obriga parar"—, para quen o realiza ten un valor simbólico profundo. Non se trata de agradecer a norma, senón a actitude.

En definitiva, este sinxelo xesto no paso de peóns non é só educación: é memoria cultural, percepción do risco e un xeito de manter viva a cortesía do cotiá que, cos tempos que corren, boa falta nos fai.