Hai xa moito tempo, moitísimo, que dixen que non quería saber nada de política, algo que sigo mantendo, pero é evidente que resulta totalmente inviable que o meu propósito, por moi firme que sexa, se faga realidade, porque é imposible abstraerse deste eterno mitin que nos toca soportar queiramos ou non, por chamarlle algo, xa que máis que iso, que xa sería malo abondo, redúcese a un cruce de acusacións, de faltas de respecto, entre as diferentes cores políticas e entre os seus propios integrantes.
Obviamente, tamén escoitei e lin a imputación das fillas do ex presidente do goberno, J. Luis Rodríguez Zapatero.
Descoñezo os detalles concretos da imputación, e todo canto podo dicir ao respecto é que, elas, coma todo cidadán, se delinquiron, que paguen, e, se non é o caso, se resultan ser inocentes, que sexan absoltas, e a outra cousa.
En calquera dos dous supostos, entendo que o que se debe demandar é que se faga xustiza, e que calquera cidadán de ben desexaría o mesmo, pero resulta que non, que neste caso non é o primordial.
Abonda con ler ou escoitar os comentarios que aparecen en calquera rede social, en calquera foro, para decatarse de que estas rapazas, a nivel cidadán, social, ou como se lle queira chamar, están xa máis que condenadas, pero non polo delito ou delitos que presuntamente cometeron, dos que a maioría da xente está enterada coma min, é dicir, non teñen nin idea, senón polo seu físico.
É absolutamente noxenta a inxente cantidade de descualificacións e de insultos que lles están a caer enriba, algúns deles xa directamente irreproducibles, e que serían susceptibles de denuncia, e como se lles está a crucificar, é, o que é peor, a prexulgar, porque o seu aspecto, o seu "look", o seu peso... non se axustan aos cánons de beleza que deberían ou que se nos impoñen como "correctos".
O delito, se é que o hai, que iso se dirimirá, entendo, onde e con quen corresponde, que é o xudicial, é o de menos.
O importante é o seu aspecto, como van vestidas, se teñen kilos de máis...
É absolutamente vergoñento.
Tampouco súa nai, que, por certo, a min, con independencia de cuestións políticas, sempre me pareceu unha muller moi elegante, libra, sobre todo no que atinxe aos seus peiteados, poñéndoa a baixar dun burro, con perdón da expresión, non soamente a ela, senón ao seu peiteador ou peiteadora.
Pero o máis triste do caso é que a inmensa maioría destes comentarios ofensivos, noxentos e, por suposto, totalmente fóra de lugar, proceden de mulleres, e, en moitos casos, en demasiados, daquelas que se definen coma "feministas", as mesmas que encabezan manifestacións, que demandan igualdade, e que tachan de machistas non soamente aos homes, senón a todas aquelas mulleres que non compartimos o seu radicalismo, por definilo finamente, de contribuír á cosificación da muller e nos acusan, como non podería ser menos, de ser fachas e fascistas, termos que agora están moi de moda, e que se aplican a todos aqueles que non nos sometemos aos seus desatinos.
As mesmas que o 25N e o 8M saen á rúa amarradas á pancarta, encabezando manifestacións e demandando igualdade.
Non hai máis que velas a elas, para decatarse desa "igualdade" que tanto reclaman.
Buscade, ao azar, en calquera canle da TV un deses programas nos que se fan "tertulias" con "colaboradoras" expertas, mirade o seu aspecto, e logo dicide se seríades quen de distinguilas, porque semellan estar todas feitas en serie.
Agás rarísimas excepcións, todas locen idéntica melena, longa, longuísima, e, se é rubia, moito mellor.
Pómulos ben prominentes que, nalgún caso, falta pouco para que lles cheguen aos ollos, labios que ameazan con desabastecer o país de coláxeno, ou o que sexa que lles inxecten, uñas que, soamente de velas, dan ganas de tirarse ao chan por medo a que che craven unha, e, por suposto, chegada esta época, bronceado impecable, para lucir con idéntico cruzado de pernas, que nos deixan ver uns tacóns que, a min, persoalmente, danme dor de pés só con miralos, e un xeito de estar sentadas coma se tiveran tragado o pau da escoba ou algo así.
Ademais, por suposto, dun escote, que, coma corresponde, se encargue de amosar os seus encantos, que os seus traballos e os seus cartos lles custa acadalos.
Xesticulan igual, exprésanse dun xeito idéntico, e, mentres falan, non deixan de mirar de esguello á cámara, para ter bo coidado de que nin un só cabelo da súa melena, digna dunha desas princesas de conto de Disney, apareza fóra de lugar.
De feito, hai un programa que me chamou moito a atención, porque entre as súas "colaboradoras expertas en todos os temas" hai, sorprendentemente, unha muller cunha aparencia normal e corrente, rubia, cunha pel moi branca, e, xa que estamos, cun discurso moi sensato.
Pois ben, mentres as súas compañeiras rivalizan por ver quen se exhibe máis e mellor, ela vai con vestidos normais, abrochados ata arriba, non sei se por propio gusto, ou por imposición da canle, cunha media melena normal e corrente, e, obviamente, é a que máis destaca, porque non ten nada que ver, esteticamente, co resto do "elenco".
Gustaríame, por certo, saber que opina a señora Ministra de Igualdade de todo isto, porque ela, que é a primeira que ten a pel moi fina cando lle interesa e non dubida en saír en defensa daquelas mulleres que teñen tirón mediático, sen contrastar a información, pero moi atractivas, iso si, garda, no que atinxe a estas dúas rapazas, un mutismo total e absoluto, cando os insultos e as faltas de respecto das que están a ser obxecto son algo máis que de dominio público.
Unha vez máis, Sra. Redondo, está Vde. a deixar ben claro de que pé coxea, a non ser que estea Vde. nunha especie de "retiro espiritual" no que non se decate de nada, ou que pechase todas as redes sociais.
Para resumir, non sabemos, polo momento, evidentemente, se as fillas de Rodríguez Zapatero son ou non culpables dos delitos que se lles imputan, sexan os que sexan, pero, de cara á opinión pública, ou, polo menos, a unha gran parte dela, xa están máis que condenadas, porque, se delinquiron, está moi mal, si, pero, polo menos, se aínda foran guapas...