Os letais xuízos paralelos

18 de abril 2026

Marta Rodríguez Engroba analiza a detención e condena pública de Dolores Vázquez polo asasinato de Rocío Wanninkhof, unha vítima dos xuízos paralelos, do sensacionalismo e do rencor social

Aínda lembro, coma se fose hoxe, aquel 7 de setembro de 2000, no que Dolores Vázquez foi detida como principal sospeitosa do asasinato de Rocío Wanninkhof en Mijas (Málaga), mentres resoaban os berros de "asasina!" dunha multitude enardecida, de veciños, congregados diante do seu domicilio, que, sen coñecer, evidentemente, a verdade, como nos sucedía a todos, xa a estaba condenando, algo moi común na sociedade daqueles anos, e que non só segue a selo, senón que vai en aumento cada día que pasa.

Obviamente, a min, coma a calquera que se considere ser humano, horrorizoume o crime que segou a vida de Rocío, unha rapaza moi nova que estaba empezando a vivir, namorada, feliz, e á que, se supoñía, lle quedaba unha longa vida por diante para facer realidade os seus soños, os seus desexos, e que se despediu do seu noivo co que tiña previsto atoparse de novo pouco máis tarde, para ir xuntos desfrutar das festas de Mijas.

Pero Rocío nunca acudiu a esa cita. De feito, nunca chegou á súa casa, porque alguén a asasinou no camiño.

Case desde o primeiro momento, ou sen case, as sospeitas recaeron sobre Dolores Vázquez, amiga e, segundo se rumoreaba, ex parella da nai da rapaza asasinada, así coma a rotura da parella, a suposta mala relación que tiña con Rocío, a que se dicía consideraba un obstáculo... en fin, todos os ingredientes precisos para converter algo tan doloroso coma o asasinato de Rocío nun sórdido "culebrón" sementado de rumores, odios e maldade, e condenando a Dolores sen paliativos. Todo o mundo sabía, todo o mundo a sinalaba.

Por outra banda, era imposible non conmoverse ante un crime tan brutal, e ante unha nai totalmente destrozada, como é lóxico, que, iso si, nunca se pronunciou, polo menos que eu recorde, sobre a verdadeira natureza da súa relación con Dolores, algo tamén comprensible nunha España que aínda non aceptaba con naturalidade as relacións de parella entre persoas do mesmo sexo. De feito, aínda a día de hoxe seguen sen estar tan normalizadas coma se nos quere vender.

Cando vin as imaxes, que se repetiron ata a saciedade, algo lóxico nunha sociedade ávida de "carnaza" e "amarellismo", algo, por certo, que tamén continuou e continúa medrando, non puiden evitar un comentario que case provoca o meu "linchamento", unha "arte" que non sei como fago, pero da que, sen pretendelo, semello ser unha auténtica virtuosa, cando o único que fago é dicir o que penso, pero de verdade, sen pararme a pensar se isto me fará quedar ben ou mal, mais, iso si, tentando non ofender a ninguén, pero ao que ía, o meu comentario foi que, na mirada baixa de Dolores Vázquez, saíndo da súa casa esposada, custodiada pola policía, e escoitando os berros acusadores da multitude, eu, o que cría detectar, máis que culpabilidade, era resignación, a resignación de quen xa se sabe xulgada e sentenciada de antemán, e de quen ten claro que, diga o que diga, e faga o que faga, nunca vai ser crida.

Esa indefensión aprendida, termo descoñecido por aquel entón, e que, na actualidade, se emprega moito de boca para fóra, pero que, na práctica, moi poucos teñen en conta.

Aínda así, Dolores sempre mantivo a súa inocencia, pero, lamentablemente, a súa sorte xa estaba botada, algo ao que contribuíu, sen dúbida, o feito de ser xulgada por un xurado popular, e os xuízos paralelos, así como a mediatización do caso, algo que xogou un papel fundamental. Foi un xuízo viciado mesmo desde antes do seu comezo, no que, como era de agardar, foi declarada culpable, algo no que tivo moito que ver, sen dúbida ningunha, a opinión pública, para a que a presunción de inocencia directamente non existía, e que levou a cabo un xuízo paralelo cruel e, por suposto, carente de toda obxectividade.

Nos anos seguintes, mentres Dolores estaba en prisión, foron moitas as entrevistas concedidas pola nai de Rocío, nas que quedaba patente a súa dor pola perda da filla, algo, penso, imposible de superar para calquera nai, mais tamén, ou polo menos para min, a sensación de que había algo máis na súa comprensible dor, que tiña máis que ver con algo entre Dolores Vázquez e ela, algo moi semellante ao resentimento, aos celos, algo que nin coa detención de Tony King, o auténtico asasino de Rocío, se disipou e do que nunca coñeceremos toda a verdade.

Dolores Vázquez foi posta, naturalmente, en liberdade, mais a súa vida xa estaba destrozada, totalmente rota, para sempre, e non só a súa, senón tamén a da súa familia, a de todos cantos a queren.

O seu é o mellor e máis cruel exemplo dese "Difama, que algo sempre queda". Por non mencionar que, aínda despois de que Tony King fora detido, a nai de Rocío nunca chegou a exculpala de todo, e continuou sementando o receo e a dúbida. De feito, nunca se lle escoitou pedirlle perdón, mais si lanzarlle reproches e máis reproches. A súa dor é comprensible. Nunca a abandonará, e, como nai, podo entendela perfectamente, pero o seu rancor cara a Dolores, tampouco.

Agora, case 30 anos despois, Dolores vai ser homenaxeada.

Agora, o noso goberno vaise anotar un tanto a conta dunha muller á que se lle permitiu seguir respirando, si, pero á que tamén, hai 26 anos, lle roubaron a vida.

Agora, moitos e moitas dos que non dubidaron en botar canto lixo puideron sobre ela, aplauden e se erixen nos seus máis firmes defensores, porque vivimos no país dos sepulcros branqueados, do fariseísmo máis descarado e cruel.

Por suposto que Dolores merece esta homenaxe, e moitas máis, pero, realmente, alguén cun mínimo de sentido común pode crer que con este acto se a resarce dunha vida totalmente destrozada, dun sufrimento atroz, do dos seus seres queridos?

Os anos roubados non volven, e as almas rotas nunca se recompoñen, por máis que se intente volver pegar os seus anacos e recompoñelas.

Mención á parte merecen, sen dúbida ningunha, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, e o ministro de Defensa, Fernando G. Marlaska, que non dubidan en aproveitarse de Dolores Vázquez para seguir mantendo unha cortina de fume diante da vaga de violencia de xénero que non deixa de medrar.

O seu oportunismo e a súa falta de escrúpulos xa pouco máis alá poden ir.

Asociación Si, hai saída