Entre todos a mataron...

24 de mayo 2026

Marta Rodríguez Engroba critica a "sobreexposición mediática" arredor de Elisa Mouliaá no caso Errejón, advertindo que este espectáculo prexudica gravemente a súa credibilidade

"Si no estás, no existes".

Estas son as palabras textuais pronunciadas, hai tan só uns días, por Alfredo Arrién, o avogado que representa a Elisa Mouliaá, presuntamente vítima de abusos sexuais por parte do político Íñigo Errejón, unhas palabras que evidencian toda unha declaración de intencións e coas que xustificaba o seu periplo polos platós e declaracións a outros medios desde que asumira a defense da súa representada.

Antes de continuar, unha vez máis aclaro que non estou a pronunciarme con respecto á presunta agresión, xa que, reitero, non estaba alí para saber o que pasou.

Eles saberán quen ten a razón, se ela, el, os dous ou ningún, iso por unha banda, e, pola outra, porque nestes graves e dolorosos casos, hai que ser moi prudentes, principalmente pola suposta vítima, e ter en conta que promover xuízos paralelos, sexa cal sexa a verdade, non van facer máis que prexudicala.

E, precisamente por isto, é, como mínimo, altamente sospeitoso, ademais de reprobable e amosar unha "ética" algo máis que dubidosa, que ningún avogado se preste a tales espectáculos mediáticos, e que a alente a ela a facer o mesmo, xa que en nada a van beneficiar, e se alguén vai sacar proveito de tal "show", e, de feito, está a facelo, é única e exclusivamente el, servíndose, obviamente, do tirón mediático dela e dunha sociedade ávida de "amarelismo" que non se para a medir as consecuencias que a súa imprudencia e fame de carnaza poden implicar para a presunta vítima.

É inevitable que os medios os aborden á entrada e á saída do Xulgado, pero si se pode eludir facer declaracións, e tentar, ou, a lo menos, aconsellar a súa representada que non as faga, pero, lonxe disto, o Sr. Arrién semella regodearse nos seus "momentos de gloria".

As constantes idas e vindas da Sra. Mouliaá, as súas versións que moitas veces se contradicían, e seguen a facelo, non axudaron, desde logo, a darlle credibilidade, o cal, ollo!, non quere dicir que isto implique necesariamente a ausencia de delito, e, como consecuencia, a inocencia de Errejón, nin a súa culpabilidade, as cousas son como son, pero que non a beneficiaron, nin están a facelo, a ela a primeira, nin ás mulleres en xeral, nin, en particular, as vítimas de violencia machista ou sexual, sempre cuestionadas, e o estrés que tal exposición mediática lle ten que supoñer, non fai senón empeorar as cousas.

Non se entende, porén, que o seu avogado, lonxe de preservala de todo isto, a alente a continuar por este camiño, viciando cada vez máis un procedemento que xa o está abondo, en aras da súa fama e do seu peto e das súas, supoñemos, cada vez máis elevadas minutas por ser "avogado de famosos".

Por se isto non abondara, nestes días saltou a noticia de que, en canto ao procedemento por inxurias e calumnias, tamén relacionado con este caso, Elisa Mouliaá decidiu cambiar de representante legal, pasando a contratar os servizos dunha tal Yurena Carrillo, que, parece ser, ofrece en redes sociais ata 3000 € a un sicario que acabe con funcionarios xudiciais... Non hai, de ser certo, palabras!

De momento, xa comezou, o mesmo que o seu antecesor, a ser "xenerosa" en canto a dar declaracións aos medios de comunicación.

Teño que confesar que a Sra. Mouliaá chegou a indignarme en máis dunha ocasión cos seus constantes "onde dixen digo..." e unha contradición tras outra, aínda entendendo o traumático da súa situación, e o seu afán de protagonismo, que nos guste ou non admitilo, existe.

É certo que toda vítima de violencia machista ten o seu momento, os seus tempos, e hai que respectalos, pero no seu caso, hai unha liña moi fina entre isto, perfectamente entendible, e o que semella ser ese desmedido afán de protagonismo, mais teño que confesar que, a día de hoxe, se algo sinto por Elisa Mouliaá, é pena, moita pena.

Despois de ler moitas das súas declaracións, e, sobre todo, de vela e escoitala nalgún programa de TV, falando non soamente da suposta agresión sexual, senón doutros temas, creo que non é aventurado supoñer que esta muller non está ben psicoloxicamente, que precisa axuda urxente, e que, lonxe disto, o que está a atopar e do que se está a rodear é de xente que se está aproveitar da súa fraxilidade emocional para acadar rendemento dela.

Descoñezo a súa vida, evidentemente, pero si me pareceu escoitarlle nunha entrevista que xa non estaba ben antes de que este lamentable asunto sucedera, co cal chove sobre mollado.

Creo que esta muller, que se deu a coñecer pola súa participación nalgunha serie de TV, non chegou a alcanzar en ningún momento o éxito que agardaba obter, máxime contando cun físico como o seu, xa que é, a vista está, moi guapa, pero, por desgraza, ningunha desas series chegou a despuntar.

Para o resto de actores e actrices que interviñan nelas, foi algo que sucede ás veces, unha legua de mal camiño, pero, contando a maioría, como contaban, cunhas traxectorias profesionais máis que consolidadas, non tivo demasiada repercusión. Para ela, sen embargo, unha actriz secundaria, practicamente descoñecida, implicou a volta a un case total esquecemento, e a un anonimato que non soubo, ou tal vez, non puido, xestionar, nin moito menos asumir, o que, posiblemente, a levou a tomar algunha decisión errada.

Pensou tocar o ceo coas mans, pero está claro que esa ascensión, polos motivos que sexa, quedou truncada.

É evidente que non está ben aconsellada, e que o camiño que está a percorrer dista moito do da parte contraria, culpable ou non, que, non se sabe se, por iniciativa propia, ou ben porque conta cun asesoramento moito máis sensato, está a manter un perfil totalmente diferente, moito máis discreto, e sen prodigarse mediaticamente, nin el nin quen o representa.

Non se sabe, evidentemente, como vai rematar este proceso, pero, desde logo, o que si é certo, é que se a xustiza lle dá a razón a ela, moitos dos que hoxe optaron por darlle as costas, tentarán volver a "apoiala" e que se saiba, o que pode contribuír a empeorar a súa saúde mental, por moito éxito que semelle ser, e os principais e tal vez os únicos beneficiados, xa sabemos quen serán, e, se pola contra, o veredicto non lle é favorable, hai moitas posibilidades de que Elisa Mouliaá acabe por converterse definitivamente nese xoguete roto que xa se albisca moitas veces nela.

De suceder isto, e oxalá non sexa así, si que se poderá dicir iso de "entre todos a mataron..." e xa sabemos o que vén a continuación.

Asociación Si, hai saída

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora