Por ser vós quen sodes

15 de marzo 2026

Non é preciso, ou non debera selo, antes que nada, manifestar, unha vez máis, o noso absoluto rexeitamento máis contundente e rotundo non soamente á violencia machista, algo que xa se dá por sentado, senón a calquera tipo de violencia, non soamente física, senón tamén psicolóxica ou verbal, a exerza quen a exerza, e sexa exercida contra quen sexa.

Tampouco o é, así mesmo, lembrar que, se o ano 2025 foi especialmente tráxico en canto a violencia de xénero atinxe, o 2026 non parece levar camiño de ser mellor, senón todo o contrario, con xa 12 mulleres asasinadas en pouco máis de 2 meses, algunhas das cales si presentaran denuncias e mesmo había algunha orde de afastamento ou protección en vigor que, obviamente, de nada serviron, como xa é por desgraza frecuente.

O, ata agora, último crime machista cometido en Miranda de Ebro é un dos máis truculentos, non soamente porque segou a vida de tres mulleres, senón polo arrepiante historial delitivo do autor, un agresor reincidente, ex parella dunha das mulleres, con múltiples antecedentes que inclúen desde violencia de xénero ata rapto e agresión sexual, malia o cal circulaba libremente pola rúa, pese a que a súa perigosidade era máis que evidente.

Pois ben, no medio de todo este arrepiante escenario, e nunhas datas moi oportunas, ao carón do 8M, aparecen en escena 3 mulleres, concretamente Irene Montero, Ione Belarra e Sarah Santaolalla, denunciando sendas ameazas e agresións, procedentes de diferentes eidos cada unha delas e esixindo protección para elas, e, no caso de Irene Montero, tamén para a súa familia, esixencia que dirixiu ao Ministro de Interior, Fernando Grande Marlaska, e apresurándose, como non, a facelo público.

Non imos dubidar da veracidade de tales afirmacións, faltaría máis, nin de que, por suposto, teñan todo o dereito do mundo a ser protexidas, pero como calquera outra muller, nin máis, nin menos.

É absolutamente vergonzoso, por non empregar outro cualificativo peor, que estas mulleres, amparándose nos seus cargos, dúas delas, e na súa proxección mediática a terceira, teñan a ousadía de solicitar unha protección especial cando hai centos e máis centos de vítimas de violencia machista que precisan protección con urxencia, elas e os seus fillos e fillas, e non se lles está a prestar en absoluto, malia estar a correr, na maioría dos casos, un risco grande e evidente.

Alegan, entre outras cousas, mensaxes de odio.

Pois ben, en Si, hai saída, nos 12 anos que dura xa a nosa traxectoria, temos visto e escoitado case de todo, entre outras cousas mensaxes ou audios con ameazas tan explícitas coma "voute matar", "voulle prender lume á casa contigo dentro", "vou por ti e pola túa familia", ou ben con insultos que van desde o xa consabido "filla de..." ata outros que dá mesmo vergoña reproducir, mesmo esixíndolles cartos e proferindo toda clase de ameazas se non llos dan, e cando elas, tentando vencer o seu medo como boamente poden, se deciden a denuncialos, son valorados como "discusións de parella", non sendo ditadas, en consecuencia, medidas de protección.

Pero chegan estas tres "estupendas" señoras, e solicitan publicamente unha protección especial sen pestanexar, coma se tivesen máis dereito que ninguén, e deixando ben claro que elas non son, nin de lonxe, unhas vítimas máis, coma tantas e tantas mulleres, elas son "AS VÍTIMAS" así, con maiúsculas, que, aínda por riba, nos están vendendo o favor de que están contando a súa lamentable situación para servirnos de exemplo, de referentes, e animar as mulleres a que denuncien que seguro, segurísimo, vaia, que o resultado das súas denuncias vai ser idéntico, e as medidas adoptadas, tamén!

Porque, a ver, que muller vítima de violencia machista, de abusos, de acoso... do que sexa, non se pode permitir o luxo de esixirlle ao ministro Grande Marlaska protección? Calquera de nós! O que pasa é que somos parvas, pero menos mal que veñen estas valentes para adoutrinarnos e demostrarnos, por suposto, o valentes que somos e o agradecidas que lles temos que estar por expoñerse por todas nós.

Elas si que son heroínas, e non Juana de Arco, por poñer un exemplo, que carafio!

Desculpade que tire de ironía, pero é que me ferve a sangue ante tal descaro e tal aldraxe e faltas de respecto para con tantas mulleres e tantos menores que están a vivir un inferno sen que ninguén as protexa en ningún momento.

E estas "señoras" son as que nos veñen dando leccións de igualdade, de "empoderamento", e que teñen a cara lavada de encabezar manifestacións feministas. Esixen igualdade, pero elas non se privan de seguir no seu acomodado estatus, de "por ser vos quen sodes" porque, desde que o probaron, despois de que nunca igual noutra se viran, xa non poden prescindir del. É aditivo. E, o peor de todo, é que non soamente o conseguen, senón que llo permitimos.

Asociación Si, hai saída