Os tempos son chegados

25 de junio 2026

O presidente de Coalición Galega reclama máis autogoberno e soberanía financeira para Galicia nun contexto de incerteza política estatal e europea

Coa chegada do verán e da tremendísima sentenza sobre o caso máscaras entramos nunha etapa de profunda incerteza política. A ruptura progresiva entre os socios parlamentarios do Goberno, a perda de confianza entre os partidos que sustentaron a investidura e a incapacidade para garantir estabilidade lexislativa debuxan un escenario cada vez máis evidente. A posibilidade dun adianto electoral xa non pertence ao terreo da especulación, senón ao da lóxica política.

Apuntaba recentemente un analista no marco das eleccións andaluzas nas redes sociais que o Goberno estaba a vender fume en forma de récord de emprego, pero había unha realidade moi incómoda detrás da propaganda: o emprego público medra moito máis axiña que o privado mentres a produtividade segue estancada.

Vai xa para medio ano que Junts decidiu romper relacións co Goberno ante un suposto incumprimento por parte do Executivo do pacto do 2023, e este xa non conta para algunhas cousas co apoio do PNV nin co de Coalición Canaria. Soamente lle resta o dos partidos de extrema esquerda de sempre, con diferentes nomenclaturas, e dos nacionalistas comunistas que desgraciadamente teñen máis do segundo que do primeiro.

Mentres o Sr. Feijóo, que nin está nin se lle espera, vai collendo folgos nos diferentes comicios autonómicos e Vox critica a política económica do Executivo pero non achega solucións nin en Europa onde confunde Estados Medievais con Nacións e pluralismo, nin en Madrid, nin tan sequera nas diferentes Comunidades Autónomas.

Mais o problema non é unicamente parlamentario. O verdadeiro desgaste prodúcese na rúa, onde moitos cidadáns perciben que a política estatal vive máis preocupada pola supervivencia dos bloques ideolóxicos ca polos problemas reais da sociedade.

E xa como colofón a UE no canto de ser unha comunidade política de entidades voluntarias e soberanas, encamíñase a converterse nunha agrupación de entidades administrativas carentes incluso de plena autonomía interna, cunha Comisión Europea cada vez máis personalista e con maior acumulación de poder.

Nesta España plurinacional gobernada polas grandes corporacións e polos grandes bancos celebramos expectantes a chegada do Sumo Pontífice. Os da dereita contentos por obriga e os da esquerda dobremente: dunha banda pola exitosa organización e oportunidade, e doutra pola postura do Bispo de Roma sobre a guerra, da emigración e o seu compromiso coas vítimas de abusos dentro da Igrexa.

Coalición Galega, un partido humanista e con ideoloxía galeguista centrada no fortalecemento da identidade, cultura e autogoberno galegos (o que nos deu sentido de pertenza e diferenciación fronte a outras forzas españolas ao longo de tantos anos) quere para Galicia un grao substancial de autogoberno coa irrenunciable competencia da plena potestade tributaria orixinaria e exclusiva sobre todos os feitos impoñibles que se xeren no noso País.

Desde Coalición Galega queremos enviar a mensaxe clara de que definir o futuro de Galicia dende a multilateralidade do Consello de Política Fiscal e Financeira é aceptar voluntariamente a nosa devaluación política. Como apuntaba recentemente o xurista Pérez Lema unha facenda propia, que recade a totalidade dos impostos directos e indirectos xerados no noso tecido produtivo, e que liquide unha cota anual ao Estado polos servizos estritamente non transferidos, outorgaríanos a chave da soberanía financeira e sería unha importante ferramenta na mellora do benestar de Galicia.