As persoas con discapacidade intelectual reclaman unhas eleccións fáciles de entender

11 de mayo 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Mellorar a accesibilidade cognitiva nas eleccións é unha reivindicación de colectivos de persoas con dificultades de comprensión como as persoas con discapacidade intelectual

Contar con programas adaptados a lectura fácil, colexios electorais coa sinalización adecuada, ou mensaxes máis comprensibles, son algunhas das principais reivindicacións do colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento para este ano electoral, co obxectivo de garantir o dereito á participación na vida política de todas as persoas, sen discriminación.

No ano 2018 a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados daba luz verde ao texto definitivo sobre a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral, mediante a cal se activaba o dereito ao voto de 100.000 persoas inhabilitadas para o mesmo por sentenzas de modificación da súa capacidade. Con esta reforma, atendíase unha demanda histórica de organizacións da discapacidade como Plena inclusión, ao tempo que se avanzaba no cumprimento da Convención da ONU sobre Dereitos de persoas con discapacidade ratificada por España.

Pero agora que todas as persoas con discapacidade intelectual viron recuperado o seu dereito ao voto, non o están podendo exercer en igualdade de condicións, dada a falta de accesibilidade cognitiva que afecta ás diferentes fases do proceso electoral.

Por este motivo, o colectivo activa novamente a campaña "O Meu Voto Conta" para sensibilizar aos diferentes partidos políticos da necesidade de contar cunhas eleccións accesibles e fáciles de entender para todos os cidadáns.

A continuación achegamos algunhas das principais reivindicacións de cara a garantir un proceso electoral accesible:

  • Contar cun resumo dos programas electorais de cada partido en lectura fácil, que permita a cada persoa tomar as súas propias decisións de voto.
  • Contar con propaganda electoral que tamén esté adaptada a lectura fácil.
  • Colexios electorais que cumpran coa accesibilidade cognitiva, mellorando a súa sinalización e con cabinas máis amplas.
  • Papeletas máis sinxelas de entender, con imaxes das persoas candidatas e diferenciadas por cores.
  • Contar con persoas de apoio en cada colexio que poidan orientar e axudar ás persoas con maiores problemas de comprensión.
  • Formación que permita ás persoas con discapacidade intelectual comprender como funcionan as eleccións.

 

Co fin de achegar a todas as persoas con discapacidade intelectual en que consiste o proceso electoral e os pasos para exercer o seu dereito, a Federación ven organizando diferentes obradoiros onde se explica, por exemplo, que é un colexio electoral, como atopar a mesa onde a persoa debe votar ou cal é a documentación que a persoa debe levar para poder exercer este dereito.