Pouco tempo queda para chegarmos a unha efeméride na cidade de Pontevedra: un centenario dun persoeiro relevante. Unha desas conmemoracións que propician lembranzas e carrexan actos pola importancia que a sociedade outorga –costume que sempre me pareceu curiosa– ao feito de alcanzar unha cifra redonda con tres díxitos. Porén, certo desacougo lévame a escribir estas liñas temeroso, inxenuo de min, de que o centenario pase desapercibido por aqueles que máis deberían mirar por el.
Alfredo García Alén naceu o 10 de abril de 1923. Foi fillo de Alfredo García Hermida e de María Alén Solla, ambos os dous mestres. Froito do matrimonio foron dez fillos, incluído Alfredo. O pai chegou a concelleiro en Pontevedra no 1928, dignidade que repetiría nos anos cincuenta. Tralo golpe de Estado chegou a ser depurado de emprego e soldo. Na actualidade unha rúa da cidade leva o seu nome.
Lembra Filgueira Valverde, na entrada que lle dedicou na Gran Enciclopedia Galega, que Afredo García Alén foi o primeiro alumno colaborador que houbo nun museo español, pois entrou con quince anos no de Pontevedra, sendo aínda estudante do bacharelato. Nesta institución museística, xa para sempre indisociable á súa biografía, consegue a praza de auxiliar de secretaría en 1944. Máis adiante chegarían os postos de secretario e director adxunto.
Cómpre non esquecer na súa formación as licenciaturas en Dereito e en Filosofía e Letras, Sección de Historia. Profesou o maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e nos institutos Sánchez Cantón e A Xunqueira. Ocupou posto de concelleiro e tamén o de rexedor no Concello de Pontevedra por un breve período de tempo. Como tenente de alcalde promoveu, por exemplo, o derrubo do muro no cemiterio de Santo Amaro que dividía a parte católica da civil, está última nun estado de conservación lamentable.
Seus méritos están cumpridamente recollidos, mais cómpre airealos ante esta efeméride. Alén dos devanditos, outros cargos e nomeamentos adobían o seu currículo: vicedirector da Casa Museo de Rosalía de Castro; secretario técnico de Patrimonio Artístico da Xunta de Galicia; vogal da Comisión Provincial de Monumentos e da Defensa do Patrimonio Artístico; académico correspondente da Real Academia de Belas Artes, da Real Academia da Historia e da Real Academia Galega; colaborador do Instituto Padre Sarmiento e vogal do padroado do Museo do Pobo Galego. Entre os premios que recibiu, por exemplo, o Ciudad de Pontevedra de 1980.
Sobresaíu Alfredo García Alén, amais de profesor, como historiador, etnógrafo e arqueólogo. As súas achegas nestas disciplinas seguen sendo de mérito e útiles, podendo destacar o traballo que realizou na catalogación artística e a defensa do patrimonio.
Na súa faceta de arqueólogo brilla Materiales para la carta arqueológica de la provincia de Pontevedra (xunto con Xosé Filgueira Valverde), coas súas posteriores adicións. Aportou serios traballos numismáticos ou sobre a prehistoria galega, mais tamén realizou labor «de campo» tomando parte en importantes escavacións; talvez resulte a máis significativa a do xacemento da Lanzada, a carón de ilustres nomes da arqueoloxía do momento. Entre os títulos que nos legou non puido ver publicado o libro, hoxe en día convertido en clásico, Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra (en colaboración con Antonio de la Peña Santos).
Na antropoloxía social e cultural de Galicia tamén atopou acomodo o noso homenaxeado. Coñecida era a súa facilidade para establecer confianza cos paisanos e informantes durante as xeiras de investigación. Tratou en especial o tema da cerámica popular galega, sobre o que versaría unha tese de doutoramento na que traballaba e que se viu en certa maneira consumada na monografía do seu irmán Luciano, editada en dous tomos pola Barrié, en 1983. Alfredo García Alén publicaría A alfarería na literatura popular galega e, á súa vez, destacan outros traballos no eido antropolóxico. Mais, tal é como deixou escrito Carlos García Martínez, non foi menos importante o seu labor de «incitador para que outros penetraran nos estudos de antropoloxía. Neste sentido, como un sementador, fixo prender en moitos a vocación».
Alfredo García Alén
Quen coñeceu a don Alfredo, e pregúntaselle por el, deseguido enumera adxectivos como modesto, servizal, competente, amable, humano...; aínda que tamén existía oco na súa personalidade para a seriedade e o arrouto. A triste nova da súa morte concretouse o 16 de xaneiro de 1981, con cincuenta e sete anos. A capela ardente instalouse no Museo de Pontevedra, a mesma institución dedicaríalle o número XXXVI da súa revista. Creáronse premios e bolsas para estudantes que levarían o seu nome, e tamén o Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, colectivo que levaría a cabo un valioso traballo de investigación e divulgación. Amais, unha rúa en Pontevedra recórdao.
Toca pois lembrar, ou polo menos non esquecer, e o Museo de Pontevedra tería moito que dicir neste asunto. Unha mostra que lembre a vida e obra de Alfredo García Alén sería cousa interesante e de xustiza. Existen expertos e amigos dabondo que poderían glosar a súa figura nunha xornada dedicada a el. Unha publicación? Convén mirar cara adiante sen perder a memoria desas persoas que construíron un organismo modelo como é, ou foi, o Museo. No 2021, o 150 aniversario de Gerardo Álvarez Limeses, quen chegou a ser director do centro museístico, tan só foi merecedor dun «post» na páxina de Facebook da institución. Esperemos mellor sorte e tino para con don Alfredo.
Número da revista El Museo de Pontevedra dedicado a A.G. Alén
Mateo Fontán Couto