O Corpus en Cerponzóns

15 de junio 2026

O Corpus volve encher de fe, tradición e memoria a parroquia milenaria de San Vicenzo de Cerponzóns

San Vicenzo de Cerponzóns volveu vivir este domingo unha das súas xornadas máis sinaladas, emotivas e representativas coa celebración do Corpus Christi, unha tradición centenaria que continúa unindo á veciñanza arredor da fe, da cultura popular e do orgullo de pertenza a unha parroquia cunha historia que se perde nos séculos.

Desde primeiras horas da mañá, os sons da gaita anunciaron unha xornada especial. O grupo Os Alegres percorreu os lugares de A Fonteiriña e As Rons, dous espazos da parroquia que recentemente recuperaron oficialmente os seus nomes tradicionais grazas á aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia da proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia.

Non foi unha elección casual. Que as primeiras notas do Corpus soasen precisamente nestes lugares supuxo tamén unha homenaxe á nosa toponimia tradicional, á memoria dos nosos maiores e á identidade propia dunha parroquia que sempre soubo conservar as súas raíces.

Ao longo da mañá, veciños e visitantes puideron contemplar as tradicionais alfombras florais, unha auténtica obra colectiva de arte efémera que cada ano transforma as rúas de Cerponzóns nun espazo de beleza, devoción e convivencia.

Neste apartado merece un recoñecemento moi especial Mercedes Cochón Vieitez, responsable da organización e coordinación das alfombras florais e integrante da Asociación de Alfombristas de Galicia, polo seu compromiso, dedicación e esforzo para manter viva unha tradición que constitúe un dos grandes sinais de identidade da parroquia.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi a inauguración da exposición conmemorativa do 120 aniversario da doazón realizada por D. Francisco Fernández González de Prada, sacerdote que marcou profundamente a historia de Cerponzóns e que deixou como legado a que hoxe coñecemos como Casa do Pobo.

A mostra foi inaugurada pola presidenta da Asociación de Veciños O Chedeiro, Liliana Casás, e pola veciña Ana Sedano, unha das colaboradoras deste importante traballo de investigación histórica.

Desde a súa apertura, máis dun centenar de persoas pasaron pola Casa do Pobo para coñecer de primeira man a figura de D. Francisco Fernández de Prada e a transcendencia da súa obra. A través de documentos, fotografías, publicacións e explicacións ofrecidas polo secretario da asociación, Juan José Esperón, os visitantes puideron descubrir a importancia dunha herdanza que permitiu que xeracións de nenos e nenas da parroquia tivesen acceso á educación.

Para a elaboración da exposición realizouse un amplo labor de documentación e investigación, contando con materiais procedentes dos apuntamentos conservados polo recordado sacerdote D. Manuel Míguez, noticias históricas localizadas na hemeroteca dixital Galiciana, publicacións do blog da veciña Ana Sedano, documentación remitida desde Arxentina por familiares de Fernández de Prada e diversas achegas facilitadas pola Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.

A celebración continuou coa Santa Misa, oficiada polo párroco D. Manuel Chouciño, e coa posterior procesión do Corpus, que percorreu as alfombras florais acompañada pola música tradicional galega e pola solemne interpretación da Marcha Procesional de San Bieito, reforzando o carácter relixioso e espiritual dunha celebración que continúa sendo un dos momentos máis importantes do calendario parroquial.

Corpus en CerponzónsAsociación O Chedeiro

O grupo de gaitas participou tamén na inauguración da exposición, na visita ás alfombras florais, na celebración litúrxica e na procesión, rematando a xornada coa interpretación de diversas pezas tradicionais no adro da igrexa, nun ambiente de festa e convivencia.

Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro queremos agradecer a presenza dos concelleiros e concelleiras que nos acompañaron ao longo desta xornada, así como a colaboración de todas as persoas, entidades e colectivos que contribuíron ao éxito dunha celebración que forma parte da alma de Cerponzóns.

O Corpus de San Vicenzo de Cerponzóns non é só unha manifestación relixiosa. É tamén unha expresión viva da nosa cultura popular, da nosa historia compartida e do compromiso dunha veciñanza que continúa traballando para conservar e transmitir ás novas xeracións un patrimonio material e inmaterial de incalculable valor.

Nun tempo no que moitas tradicións desaparecen, Cerponzóns demostra que a memoria, a devoción e o orgullo pola propia identidade continúan máis vivos ca nunca.