O grave risco que implica que as vítimas de violencia machista e acoso só poidan denunciar presencialmente

08 de julio 2026

Si, hai saída denuncia que a obriga de denunciar presencialmente agrava o perigo para as vítimas de violencia machista ao deasprotexelas fronte ao control constante dos seus agresores

Desde a Asociación Si, hai saída alertamos, unha vez máis, do gravísimo perigo que para as vítimas de violencia machista e de acoso supón non poder denunciar a súa situación máis que de xeito presencial, sen facilitarlles ningunha alternativa.

Son moitos os casos, de feito poderiamos dicir que todos, nos que as vítimas padecen un acoso constante por parte do seu maltratador, tanto se aínda conviven con el coma se non, xa que de todos é sabido o férreo control que estes exercen sobre elas.

Nos casos nos que aínda exista convivencia, é imposible para a maioría delas tentar saír á rúa sen que eles as acompañen, especialmente en datas coma estas, nas que as vacacións propician este acoso, ao ter que convivir durante máis horas.

Se, malia todo, por casualidade, elas son quen de atopar unha ocasión para saír do domicilio, o procedemento tan longo e complexo polo que teñen que pasar, que se pode prolongar durante horas e máis horas, fai igualmente imposible que denuncien, xa que non teñen xeito de xustificar unha ausencia tan longa, que pode desencadear, case con total seguridade, novas agresións.

De non existir xa convivencia, non é nada estraño que o agresor ronde preto do domicilio da vítima, do seu lugar de traballo, ou mesmo cando se dispoñen a realizar calquera outro tipo de actividade, controlando todos e cada un dos seus movementos.

De feito, algunhas delas non poden nin saír dos seus domicilios, xa que se saben vixiadas en todo momento.

En consecuencia, é para elas totalmente imposible acudir a Comisaría, Cuartel ou ao Xulgado, xa que facelo podería implicar a súa sentenza de morte, ou, polo menos, un aumento máis que notable da agresividade dos seus maltratadores, e, porén, do risco que elas corren.

Tampouco teñen a posibilidade de denunciar en liña, xa que esa opción non contempla este tipo de delitos, nin de enviar un escrito por correo electrónico a Comisaría, Cuartel da G. Civil, ou Xulgado, informando da súa situación, do perigo que están a correr, da súa imposibilidade para trasladarse fisicamente, e solicitar axuda, xa que se non acude presencialmente a asinalos, de nada valen.

Tampouco a opción de que alguén da súa confianza sexa quen denuncie é válida, xa que, igualmente, con posterioridade, é preciso que a vítima acuda a firmar e ratificar esa denuncia.

Outro tanto sucede se desexan solicitar un avogado de oficio, algo imprescindible para case todas, xa que a maioría non dispoñen de medios para contratar un letrado particular. Por máis que se dirixan ao ICA explicando a súa situación, todo é inútil se non acuden en persoa. Dito doutro xeito, non teñen recurso ningún para ser protexidas, senón todo o contrario. Están totalmente atrapadas.

É unha enorme e máis que evidente incoherencia que se inste ás vítimas a denunciar cando se van atopar cun atranco tras outro, ademais de enfrontarse a un sistema que, lonxe de axudalas e protexelas, as expón a un perigo aínda maior, porque un maltratador, un acosador, que sinxelamente intúa que a súa vítima está considerando denuncialo, malia que non chegue a facelo, gozando de total impunidade, é unha auténtica bomba de reloxería.

Atopámonos, en definitiva, ante un sistema que, lonxe de axudar a quen se atopa nunha situación desesperada, e facilitarlles algún tipo de ferramenta para que lles sexa prestada a axuda que precisan, aboca a estas persoas, cando tentan pedir auxilio, a un perigo aínda maior.

Temos que aclarar, ademais, que esta situación non se dá soamente coas vítimas de violencia machista, malia que, obviamente, polo noso traballo, é o colectivo que máis coñecemos, senón que tamén o padecen moitas outras persoas que, por un ou outro motivo, están a ser acosadas.

É totalmente inadmisible que, en pleno ano 2026, nos atopemos cun sistema que, lonxe de axudar, condena.

Asociación Si, hai saída