Alerta pola vaga de crimes machistas

26 de junio 2025

A Asociación Si, hai saída denuncia a pasividade do Goberno e da sociedade en xeral ante a crecente vaga de crimes machistas.

Comezamos esta semana, a última do mes de xuño, do xeito máis dantesco que se poida imaxinar, con catro mulleres e un menor asasinados en apenas 24 horas por mor da violencia machista.

Desde a Asociación Si, hai saída vemos, impotentes, como malia esta imparable vaga de sangue de mulleres e menores, o goberno continúa impasible, sen tomar ningunha medida real, malgastando fondos e máis fondos en "pseudosolucións" e campañas totalmente inútiles, sen abordar de xeito ningún a auténtica raíz do problema.

A menos dunha semana de comezar a primeira Operación Saída das vacacións estivais, datas nas que de todos é sabido o repunte de casos de violencia de xénero que se repite ano tras ano, comprobamos como se continúa na dinámica de anos precedentes, quedando as Ufam (Unidade de Familia e Axuda á Muller) das comisarías practicamente baleiras, deixando as vítimas e aos seus fillos e fillas case totalmente desprotexidos, desprotección que xa é máis que cuestionable o resto do ano.

No vindeiro mes de xullo, sen ir máis lonxe, dado que o día 25, venres, Día do Apóstolo, é festivo, desde o xoves 24, ata o luns 28, a desprotección será aínda maior se cabe, sen que ninguén faga nada por evitalo. Outro tanto sucederá no mes de agosto no que o día 15 é, igualmente, festivo.

É, por outra banda, absolutamente intolerable e inxustificable, que os responsables desta desprotección, os que teñen nas súas mans reparar estas eivas, teñan a desvergoña de comparecer nos minutos de silencio, cando un novo crime machista segou xa unha ou máis vidas, máxime cando en moitos casos existían ordes de protección ou de afastamento en vigor, pretendendo ignorar o feito de que non se lles estaba a protexer en absoluto e mesmo culpando as propias vítimas da súa desgraza.

Tan só amosan a súa "indignación", e non dubidan en levar a cabo unha auténtica e vergoñenta cruzada por ser os primeiros, cando se trata dalgún caso mediático, esquecendo por completo as vítimas anónimas e aos seus fillos e fillas, e buscando, sempre, sacarlle todo o rendemento posible a tanta desgraza. Outro tanto se pode dicir de certos colectivos, que se din feministas, e que cobran relixiosamente deste Goberno para, supostamente, loitar contra a violencia de xénero, e, por desgraza, da sociedade en xeral, para a que os feminicidios así como a violencia vicaria, xa son algo normalizado, que xera, ademais, substanciosos ingresos para certos canles de TV nos que determinados "expertos" enchen horas de platós tratando unha lacra tan dolorosa coma se se tratara dun "reality" máis.

Asociación Si, hai saída