Desde a Asociación Si, hai saída denunciamos con toda contundencia as gravísimas consecuencias que, por mor do "Decreto Ómnibus", a suspensión do escudo social que impedía os desafiuzamentos ata finais do 2025, así como os cortes das subministracións básicas (luz, gas e auga), implicará para os colectivos máis vulnerables e, moi especialmente, para moitas vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas.
Son moitas as mulleres que, grazas á adopción de tales medidas, sen apenas recursos, con traballos en precario, en situación de desemprego e, en non poucos casos, mesmo sen prestación ningunha, conseguían a duras penas, despois de tomar a difícil decisión de denunciar as súas ex parellas, ir sobrevivindo, mantendo, polo menos de momento, a súa vivenda e os servizos máis básicos.
A suspensión deste escudo social implicará para elas non soamente as consecuencias máis obvias, senón que mesmo a custodia dos seus fillos pode verse en perigo ao non poder ofrecerlles un fogar digno no que vivir, circunstancia que moitos dos seus maltratadores non dubidarán en aproveitar.
Tanto é así que algunhas delas, nun comprensible estado de total desesperación, xa están considerando a posibilidade, a única que ven viable, de regresar cos seus agresores, malia que sexa poñendo a súa vida en risco, para que aos seus fillos non lles falte unha vivenda digna na que vivir nin padezan a falta dos servizos máis elementais, malia que isto supoña un evidente risco para as súas vidas.
Por outra banda, non podemos esquecer que, por moito que nos vendan as numerosas axudas ás que, teoricamente, poden acceder, a consecución dalgunha delas implica un longo calvario burocrático, que fai que se demoren de xeito desesperante ou, directamente, nunca lles cheguen, ben porque se alega, desde as diferentes administracións implicadas, que non cumpren todos os requisitos, porque non son capaces de recompilar a cantidade inxente de documentación que se lles demanda, ou porque elas mesmas, desesperadas ante a cantidade inxente de atrancos cos que se atopan, optan por desistir e sobrelevar as súas lamentables condicións do mellor xeito posible.
Temos, igualmente, que subliñar que aquelas que acoden a solicitar axuda aos Servizos Sociais se atopan con idéntico panorama, cunha burocracia interminable, escasa información e mesmo, nalgúns casos, un trato algo máis que cuestionable, que non ten en conta para nada o seu máis que precario estado emocional e mesmo físico, derivados da súa situación, nin os recursos cos que contan para poder solicitalas e acceder a elas (acceso a internet, coñecementos para manexar ferramentas informáticas, etc.).
De feito, desde Si, hai saída abordaremos este tema en breve.
Entendemos perfectamente a inquedanza que existe ante a incerteza da subida das pensións de xubilación e apoiamos, por suposto, a este segmento da poboación, así como da suspensión das bonificacións para o transporte público, mais vemos, impotentes, como as vítimas de violencia machista, así como outros colectivos vulnerables, para os que a suspensión do escudo social é unha cuestión de supervivencia, están a ser os grandes esquecidos.
É, por outra banda, totalmente intolerable que as leas políticas xoguen deste xeito con vidas humanas, utilizándoas como armas arroxadizas, porque é o que as diferentes correntes políticas están a facer, sexan da cor que sexan e sen o menor escrúpulo.
Estamos a falar de vidas humanas.