Elefantes presentará o seu novo disco en Pontevedra

Pontevedra
05 de xullo 2026

Con máis de trinta anos de traxectoria ás súas costas, Elefantes actuará en Pontevedra a próxima primavera. Será, en concreto, o 3 de abril no Teatro Principal

Elefantes Hook Management

Elefantes, unha das bandas de pop-rock máis recoñecidas do panorama nacional, pasará por Pontevedra para presentar o seu próximo disco, un traballo titulado Para todos.

Ofrecerán un concerto no Teatro Principal de Pontevedra o 3 de abril de 2027.

Será, segundo a súa promotora, un espectáculo onde as cancións, a interpretación e a conexión co público serán as auténticas protagonistas.

Con máis de trinta anos de traxectoria ás súas costas, Elefantes ofrecerá un repertorio que une as novas composicións con eses temas que xa forman parte da memoria de varias xeracións.

O seu directo combinará a contundencia sonora dunha banda en plenitude co irresistible magnetismo de Shuarma, o seu líder e vocalista, capaz de transformar cada actuación nun acontecemento irrepetible.

A xira de presentación deste novo disco propón unha viaxe emocional que transita por moi distintos estados de ánimo e ritmos.

Nunha época marcada polo exceso de pantallas LED e artificios, Elefantes aposta polo camiño inverso: unha honestidade teatralizada.

Aquí, a escenografía cederá o protagonismo á música e á interpretación, facendo que as cancións e a conexión humana co público brillen por encima de calquera efecto dixital.

"Será unha noite para emocionarse, cantar e deixarse levar pola forza dunha das bandas máis queridas do noso país", subliñan os responsables do concerto.

As entradas, que teñen un prezo de 27 euros, xa están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.