O xornalismo visto por Els Joglars chega este xoves ao auditorio de Afundación

Pontevedra
16 de febreiro 2017

'Zenit: la realidad a su medida' é unha reflexión sobre os medios de comunicación e sobre a situación actual representada pola prestixiosa compañía teatral catalana

Ensaio de 'Zenit' de Els Joglars Els Joglars

Aínda quedan entradas á venda para asistir á función que a compañía teatral Els Joglars ofrecerá este xoves ás 20.30 horas no auditorio de Afundación dentro do ciclo de teatro desta tempada. Os cataláns ofrecerán Zenit: la realidad a su medida, un espectáculo de Ramón Fontserè e Martina Cabanas no que se observa o desenvolvemento dun gran xornal. 

Ao longo do espectáculo verase o día a día dos xornalistas, das amizades e das obrigacións dos propietarios e o enfrontamento entre o xornalismo ético e a voracidade dos medios.

Para levar a cabo esta montaxe, Els Joglars contou co asesoramento de profesionais da información, que ofreceron a súa visión sobre o contexto actual. Esta obra satírica e divertida preséntase como un canto ao xornalismo serio. 

As entradas para este espectáculo, que entra dentro da tempada de abonos de Afundación, están dispoñibles a través de Ataquilla.com ou no 902 504 500.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora