Como o curso lectivo, as visitas escolares para participar na proposta de 'A familia Xachoconto' van aproximándose á pausa estival.
Un destes últimos grupos foron alumnos de sexto curso do CEIP de Marcón, Pontevedra.
A súa elección para articular a actividade foi Begoña Caamaño, homenaxeada o pasado maio no Día das Letras Galegas.
Dada a dualidade de escritora e xornalista de Caamaño, a proposta comezou pola importancia de buscar fontes fiables para informarse.

Tras ese paso, solicitouse información para elaborar, repartidos en grupos, unha entrevista ficticia con Begoña.
Hai que felicitarlles polos coñecementos previos que trouxeron, así como o traballo en equipo que desenvolveron durante a súa estancia en PontevedraViva Radio.

Co guión de preguntas redactado, repartíronse os roles de entrevistada e entrevistadores diante dos micrófonos. O resultado quedou reflectido neste podcast.
'A familia Xachoconto' é unha proposta para o fomento da lectura e achegamento aos medios de comunicación entre escolares de Primaria e Secundaria.
