Preto de 8.500 persoas visitaron a mostra sobre María Vinyals e os Novos Valores

Pontevedra
14 de novembro 2017

Dúas das exposicións que ocuparon nas últimas semanas as salas temporais do Sexto Edificio do Museo finalizaron o seu período cun éxito rotundo. Así, preto de 8.500 persoas visitaron as mostras dedicadas á figura de María Vinyals e aos proxectos gañadores do certame Novos Valores

Os bolseiros do certame Novos Valores expoñen no Sexto Mónica Patxot

Dúas das exposicións que ocuparon nas últimas semanas as salas temporais do Sexto Edificio do Museo finalizaron o seu período cun éxito rotundo. Así, preto de 8.500 persoas visitaron as mostras dedicadas á figura de María Vinyals e aos proxectos gañadores do certame Novos Valores, que veñen de pechar as súas portas.

A mostra De María Vinyals a María Lluria acadou un total de 4.390 visitantes. Esta cifra corresponde a cinco semanas e media de exposición, o que supón un marco temporal máis reducido do habitual nas exposicións temporais do Museo de Pontevedra. Pola súa banda, a exposición do certame Novos Valores foi vista por 4.037 persoas. 

De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social, comisariada por Aurora Marco e Ángela Comesaña, permitía percorrer a vida e a traxectoria desta pontevedresa nacida en Soutomaior considerada como unha das precursoras galegas do feminismo.

Así, a mostra incluía fotografías, cadros, manuscritos, libros e correspondencia que daban conta tanto da vida da propia María Vinyals como do tempo que lle tocou vivir, finais do século XIX e principios do XX.

A exposición protagonizada polos gañadores do certame Novos Valores 2016 xuntaba a obra de María Maqueira, formada por debuxo e colaxe; de Olmo Cuña, unha instalación titulada 'Volantes' de Diego Vites, que incluía pintura e audiovisual no seu proxecto 'Historiografía Tigua' e as esculturas en escaiola de Basilisa Fiestras

O claustro do Edificio Sarmiento acolle neste momento a exposición temporal Os mundos de Carlos Casares, centrada no universo literario e persoal do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017.

Esta mostra, que foi inaugurada o pasado 8 de novembro, permanecerá no Museo de Pontevedra ata o 26 de novembro, para despois continuar a súa itinerancia por Lugo e Xinzo de Limia, lugar este último onde quedará exposta de forma permanente.

O broche final na programación deste exercicio no Museo de Pontevedra corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.