RADIO.- Cruz Sánchez de Lara trae historia, actualidade e frivolidade coa novela 'En la corte de la zarina'

Pontevedra
02 de xullo 2024

Recupera a persoa do español que fundou a cidade ucraína de Odesa, o proxecto militar que Catalina a Grande e Potemkin tiveron para expandir Rusia -tan actual polo conflito bélico-, e a frivolidade da tsarina. Charla en PontevedraViva Radio

Portada da novela 'En la corte de la zarina' PontevedraViva

Cruz Sánchez de Lara ofrece con 'En la corte de la zarina' unha novela histórica ambientada no reinado de Catalina II a Grande. Nese contexto recupera, ou descobre, o legado dun español, José de Ribas e Boyons Plunkett, militar, estratego, enxeñeiro e fundador da cidade ucraína de Odesa.

"Cando me decatei que José de Ribas seguía tendo tanta importancia en Ucraína, ata o punto que a principal rúa de Odesa segue levando o seu nome e que mantiñan a súa estatua como último vestixio da etapa de Rusia en Ucraína, pareceume que era un personaxe para coñecer, que era bastante inxusto que nos esquecésemos del e que non nos parásemos a ver quen era ese home que se meteu na corte de Catalina a Grande ata o punto de que co seu fillo Pablo chegou a ser ministro", explica no podcast 'Cara a cara'.

É unha novela histórica e ao tempo unha novela moi actual: "Potemkin era o marido secreto da tsarina e amor da súa vida ata o final e co que xestionou o seu concepto do imperio. O seu proxecto militar era expandir Rusia ata Constantinopla e para iso era necesaria Ucraína porque lles daba portos ao mar Negro e isto equiparáballes ao resto de imperios. Pontemkin é o ídolo militar de Putin e teño a convicción de que o que quere é ser un tsar e para ter un imperio faille falta Ucraína", así que esta lectura tamén axuda "a entender o que está pasado neste momento".

Outro atractivo deste libro é a propia tsarina que protagoniza a parte frívola da novela que relata a promiscuidade de Catalina a Grande quen tiña ata unha catadora de amantes na corte. A charla con Cruz Sánchez de Lara, avogada, activista e vicepresidenta do Español xunto a unha breve recreación sonora da sonora da novela está dispoñible na web de PontevedraViva Radio e igualmente pódese reproducir na ligazón que se adxunta