39.954 euros de solidariedade na terceira edición da Carreira de Leo

O Salnés
25 de outubro 2025

Os fondos recadados serán destinados á Asociación Española de Enfermos de Alexandre e á entidade Duchenne Parent Project

Terceira edición da Carreira de Leo no Mosteiro, Meis Deputación de Pontevedra

A memoria de Leo Diz segue moi viva. Xusto este sábado 25 de outubro tería cumprido 4 anos, e por iso é a data escollida para homenaxear o seu legado anunciando a recadación conseguida na terceira edición da Carreira de Leo.

A proba solidaria, organizada en Meis pola familia do pequeno, celebrouse o pasado 5 de outubro superando os 2.000 inscritos entre a súa carreira absoluta de 5 quilómetros e unha andaina popular.

O importante era participar e colaborar cunha boa causa.

En concreto a Carreira de Leo 2025, grazas á implicación de participantes e colaboradores, logrou recadar 39.954,44 euros.

Estes fondos serán destinados á Asociación Española de Enfermos de Alexandre e á entidade Duchenne Parent Project, para poder colaborar na axuda e investigación de enfermidades raras como a que padeceu Leo.

Ademais, as asociacións beneficiarias obtiveron 2.866 euros da venda de produtos nos postos que habilitaron durante a xornada.

"Nun contexto social marcado pola crispación e o desacougo, o vivido en Meis o pasado 5 de outubro é un raio de luz", asegura Toño Diz, promotor da carreira solidaria e pai de Leo.

Xunto á confirmación da cantidade recadada, os seus responsables quixeron tamén compartir un vídeo de agradecemento a todos os que o fixeron posible.