Comeza unha nova tempada futbolística e como cada ano o Pontevedra Club de Fútbol quixo iniciala cumprindo coa tradición de realizar unha ofrenda floral á Virxe Peregrina no santuario da patroa provincial.
A pouco máis dunha semana do debut ligueiro fronte ao Real Club Celta de Vigo B o club granate pediu axuda para poder cumprir os obxectivos da nova tempada, na que parte coa intención de repetir polo menos a clasificación para disputar o play-off de ascenso a Segunda División.
Tras pousar ante os medios gráficos nas escaleiras que dan acceso ao templo, xogadores, corpo técnico e membros do Consello de Administración realizaron unha foto de familia e entraron ao santuario, onde o párroco do Santiaguiño do Burgo, e capelán do club, don Luís Alcántara, encargouse de oficiar a cerimonia relixiosa, sendo a presidenta, Lupe Murillo, quen procedeu a depositar no altar ante a Virxe un precioso ramo de flores.
Á saída a familia granate gozou dunha comida de confraternidade, sen excesos, dado que o traballo segue e ademais dos adestramentos diarios, o Pontevedra aínda debe afrontar este próximo fin de semana dous partidos amigables, cos que se pechará o calendario de probas, en Celanova, fronte ao UD Ourense, o sábado, e no Carrasco, fronte ao Marcón o domingo, ambos ás 20:00 horas.